22/1/21

Os últimos pastores de Manzaneda: “Estamos dando o alento final”

 "Francisco e José Manuel representan a que pode ser a última xeración de pastores de ovellas e cabras na serra de Manzaneda. O traballo “é moi escravo” aínda que non supón grandes esforzos polo que din. Cren que a construción de infraestruturas como naves para o gando e o aumento de prezos e subvencións permitirían vivir dignamente deste oficio en áreas moi despoboadas do interior.

 Os últimos pastores de ovellas e cabras na serra de Manzaneda seguen traballando igual que o fixeron os seus devanceiros. No verán suben os rabaños para o monte e o inverno permanecen estabulados, e así ata que o último deles deixe este oficio. Preguntados sobre se a dificultade do pastoreo é o que bota para atrás á xente máis nova eles responden que non, mais é un traballo “escravo porque hai que andar todo o día no monte”. Nalgunhas aldeas de seren 70 ou 80 veciños pastoreando, agora “só queda un alá outro aquí” en zonas rurais cada vez máis baleiras.

 PREZOS, GASTOS E SUBVENCIÓNS

“Traballei de albanel e deixeino, aquí pastoreando non teño a ninguén que me berre, son máis libre” di José Manuel Fernández, Malén, de Manzaneda, vive agora sen o apuro nin as ordes de xefes ou encargados. O seu traballo comeza normalmente ás oito da mañá para alimentar o gando, agora en inverno metido nas cortes. Nestas datas é cando sobe o gasto para manter “a facenda”, como lle chaman ao conxunto de animais de gandaría. O alimento sobre todo é penso e herba seca.

Francisco Rodríguez, Pacorro, tamén de Manzaneda, apunta un gasto de dous sacos de penso por día, “cada un de corenta quilos e pode valer 17 ou 18 euros”. Ademais diso está a alimentación a base de herba seca recollida durante o verán e almacenada para a estación fría. Francisco di ter 250 cabezas, entre ovellas e cabras. Pola súa parte José Manuel sinala un número máis xenérico “entre todos na aldea debemos ter 350 cabezas”.

A pandemia tamén está deixando unha pegada moi fonda na economía destes pastores. Nun bo ano pódense vender 50 cabritos, a carne máis apreciada durante o Nadal, di José Manuel. Este ano pola contra “vendéronse entre 30 e 40, con esa venda as contas non dan. Francisco di ter feito unha venda de 20 animais a un prezo de 50 euros cada un. Os prezos ata este ano andaban entre os 60 e 80 euros por cabeza. “Este ano pola pandemia non quere comprar ninguén”. Os compradores normalmente son carniceiros de vilas de arredor.

 No caso de sacrificio dalgún animal por estar enfermo, a indemnización por ovella ou cabra é de 30 euros, “con ese diñeiro non podes mercar outro animal” di José Manuel. As campañas de saneamento van dirixidas sobre todo a evitar a tuberculina. “A min non me morreu ningunha cabra, eu críos do meu rabaño” di Francisco.

Á parte do diñeiro que se lle poida sacar á venda de carne, existen outras vías de ingresos para os pastores? “Están as subvencións, mais iso non dá para moito” segundo José Manuel. O diñeiro público vai destinado para manter os rabaños activos cunha aportación de “seis ou sete euros por cabeza” calcula Francisco.

Segundo apuntou a Consellería de Medio Rural, tras realizar os controis administrativos e sobre o terreo, en 2020 resultaron beneficiados 225 solicitantes cun total de 6.779 animais subvencionables. Estes animais subvencionables son as femias elixibles afectadas pola redución da comercialización de años e cabritos. O importe total foi de 62.705,75 euros, é dicir, 9,25 euros por femia elixible.

PASTOREO

“Aí polo mes de xuño é cando subimos os rabaños ao monte, á serra de Manzaneda, hai anos levábanse antes porque os rabaños eran moito máis grandes” rememora José Manuel. O traballo consiste en introducir o rabaño no curro pola noite e pola mañá cedo ilo levando cara o pasto. No caso de José Manuel, son tres irmáns facendo quendas durante o verán. De noite durmen nun casoupo ou cabana habilitada para este traballo.

Francisco pola súa parte, bota todo o verán co rabaño. “Teño unha chavola para vivir nela, vivo só e alí ando todo o día”, aínda que algunha vez baixa á aldea para falar coa xente. “Nunca me pasou nada, que va, ao mellor se anda o lobo perto e este ano só o vin unha vez”. Para protexer os animais o pastor recorre aos seus cans mastíns.

Os mastíns son crías de cans da zona  propiedade de diferentes veciños. Unha vez que nacen críanse entre o rabaño para que vaian coñecendo o “oficio” das súas nais. “Cando aparece o lobo o can ladra e ouvea dunha maneira” apunta Francisco quen indica ademais que “o lobo non ataca se hai cans, non”. Pola contra, José Manuel apunta que “para coller as ovellas, primeiro vai un lobo para chamar a atención dos cans que van detrás del e logo os outros van ao rabaño”.

A profesión de pastor non parece ter continuidade nestas terras. Preguntados que podería animar á xente nova quedar cos rabaños, os dous pastores cren que a construción de naves para gardar o gando permitiría mellorar as condicións laborais. Xunto a isto sería necesario un aumento dos prezos da carne e un mellor control do lobo e doutros animais salvaxes. Aínda así, Francisco e José Manuel non deixan de insistir que non cambiarían o seu oficio."                  (Moncho Mariño, Galici Confidencial, 22/12/20)

No hay comentarios: