11/1/21

Radiografía da páxina máis negra da COVID: 1.257 mortes en Galicia, con máis falecementos na segunda onda da pandemia

 "Dende hai nove meses a pandemia de coronavirus vén marcando as nosas vidas, con efectos en moitos ámbitos, do social ao económico, pasando por suposto polo sanitario. A peor consecuencia da enfermidade están a ser, evidentemente, as mortes derivadas dos contaxios de coronavirus. 

Dende o pasado mes de marzo e ata este 6 de decembro Galicia suma 1.257 falecementos de persoas que foron diagnosticadas de Covid-19, unha cifra que medra día a día, nunha segunda onda da pandemia que xa é máis mortífera do que foi a primeira. A últimas horas do día 7, a Xunta notificaba outras 16 mortes que aínda non foran incluídas no rexistro oficial, onde entran este martes, día 8 

Entre marzo e xuño 619 persoas perderon a vida en Galicia despois de ter sido infectadas co novo coronavirus. Dende agosto, cando deu comezo a segunda vaga da enfermidade, son xa 638 as defuncións. Con todo, hai grandes diferenzas entre unhas e outras áreas sanitarias: A Coruña, Vigo e Santiago rexistraron moitas máis mortes na primeira vaga da pandemia. Pola, contra en Ourense, Lugo, Pontevedra e Ferrol as cifras medraron especialmente na segunda onda. Especialmente en Lugo e Pontevedra, que ata xuño tiveran moi poucos decesos e que dende agosto incrementaron notablemente as súas cifras.

Así, mentres que ata o mes de xuño a área sanitaria da Coruña-Cee foi a que rexistrou máis falecementos (166), seguida de Vigo, Ourense e Santiago, dende o verán foi a área ourensá a que acumulou un maior número (164), por diante da Coruña e Lugo.

Pode resultar difícil valorar a magnitude destes números, moi por riba das cifras que mortes que todos os anos provoca a gripe ou outras enfermidades infecciosas. Unas 130 persoas faleceron por mor da gripe en Galicia no ano 2018, último con rexistros oficiais (e un dos que a epidemia de influenza foi máis mortífera). Entre os anos 2009 e 2018, o número de mortes por esta causa foi de 364. Ningunha outra enfermidade contaxiosa causou un número semellante de mortes nos últimos ano. A SIDA, por exemplo, sumou un total de 432 nos ultimos dez anos. E a hepatite vírica acumulou unhas 438 vítimas mortais.

Outras causas de morte como os accidentes de tráfico e atropelos (1.765 mortes entre 2009 e 2018), os suicidios (3.210), os afogamentos (1.249) ou as caídas accidentais (3.047) si suman en dez anos un número de mortes comparables ás motivadas pola Covid-19 en ao redor de 9 meses.

Por suposto, outras causas de morte coma os tumores (8.446 falecementos en 2018) ou as enfermidades do sistema circulatorio (9.652) suman cifras anuais de defuncións moi superiores.

Os datos, por áreas

En conxunto, Ourense é a área sanitaria con máis mortes (296), seguida moi preto pola da Coruña (291) e algo máis lonxe pola de Vigo (229). Porén, no que atinxe á taxa de mortalidade (que mide o número de defuncións de persoas con covid-19 por cada 100.000 habitantes) as diferenzas entre Ourense e o resto de Galicia son moito maiores. A área sanitaria ourensá, con moita menos poboación, presenta unha taxa de mortalidade de case 100 falecementos por cada 100.000 habitantes (96,85), duplicando á existente en toda Galicia (46,96). 

Do resto, tan só A Coruña ten unha taxa algo superior á media galega (52,82), mentres que Ferrol, Lugo, Vigo e Santiago presentan uns indicadores lixeiramente por debaixo. A outra excepción é Pontevedra, cunha taxa que rolda as 20 vítimas por cada 100.000 habitantes, case cinco veces menos que Ourense. A taxa de mortalidade no conxunto do Estado español (98,41) é moi semellante á da área sanitaria ourensá e duplica á media galega.

Na gráfica pode observarse a evolución da taxa de mortalidade provocada pola Covid-19 nas sete áreas sanitarias galegas. Os datos de Ourense, a zona cunha poboación máis envellecida, sempre estiveron por riba do resto, pero a diferenza ampliouse notablemente nos meses de outubro e novembro. A área coruñesa foi dende o mes de abril a segunda que rexistrou máis mortes por habitante, sempre por riba da media galega. 

Santiago, que durante varios meses presentou datos por riba da media galega, tivo moitos menos falecementos dende o mes de setembro. Pola contra, Lugo e Ferrol, que rexistraran poucas mortes antes do verán, viron incrementar estas cifras nos últimos meses. 

Na seguinte gráfica pode observarse a evolución dende o mes de marzo do número diario de falecementos, cun pico moi destacado entre os últimos días de marzo e a segunda semana de abril, cando se rexistraba unha media diaria de 20 defuncións. As cifras foron caendo e, de feito, non se produciron mortes entre o 10 de xuño e o 7 de agosto. 

Porén, dende entón os números volveron escalar, ata acadar o pico da segunda onda a mediados de novembro, con media diarias que chegaron aos 12 falecementos. Nas últimas semanas a mellora da situación epidemiolóxica e o descenso do número de contaxios acabaron por provocar unha redución tamén no número de vítimas mortais. Con todo, segue a producirse unha media de 6 mortes diarias.

Taxa de letalidade

A taxa de letalidade mide a relación entre o número de mortes de persoas enfermas de covid-19 e o número de total de persoal infectadas por esta enfermidade, o que amosa a maior ou menor perigosidade da doenza. Na actualidade, este indicador sitúase en Galicia no 2,31%. É dicir, algo máis do dous por cento das persoas ás que se lles detectou nunha proba PCR a presenza do coronavirus morreron nos últimos meses. A taxa de letalidade foi baixando dende a primavera e, de feito, roldaba o 6% en Galicia no mes de abril.

A taxa de letalidade sitúase no conxunto do Estado español no 2,7%, algo por riba do dato galego. Outros países, como Italia (3,5%), Reino Unido (3,6%) ou Bélxica (2,9%) presentan taxas de letalidade superiores, pero que tamén descenderon moito nos últimos meses. Galicia móvese en cambio con cifras que se sitúan a medio camiño entre estas que as que presentan países como Alemaña (1,6%) ou Portugal (1,5%) 

As residencias

As residencias de maiores son o ámbito no que se rexistrados máis mortes relacionadas co coronavirus. Na primeira onda da enfermidade o 44% das mortes corresponderon a persoas residentes nestes centros. Porén, dende o mes de agosto a porcentaxe non é moi distinta, pois a cifra ascende a 246 persoas falecidas, un 38,56% das 638 defuncións totais na segunda onda. 

Esta situación redobrou as críticas de familiares e persoal destas instalacións, pois mentres que a aparición da Covid-19 no mes de marzo puido coller de sorpresa a moitas administracións e residencias, a segunda onda debería ter atopado os centros de maiores moito mellor preparados e protexidos (tanto o persoal coma os usuarios e usuarias) para reducir as infeccións ao mínimo.

As mortes, por idade

As estatísticas de todos os países confirman que as persoas de máis de 80 anos son as máis vulnerables a esta enfermidade. En Galicia suman o 74% das defuncións, unha porcentaxe que medra ata máis do 91% se incluímos as persoas entre 70 e 79 anos.

Podemos ver tamén as estatísticas por áreas sanitarias, sen grandes diferenzas en relación aos datos do conxunto de Galicia, agás no caso de Pontevedra, onde os maiores de 90 anos suman só o 12% das mortes (fronte ao 28% nos datos totais).

Pola contra, Ourense é a zona na que este colectivo suma unha maior proporción de falecementos nesta franxa de idade (34%), que chega ao 79% se consideramos as persoas de 80 anos ou máis.

Os menores de 70 anos suman en conxunto porcentaxes reducidas, agás no caso de Pontevedra (22% do total de persoas falecidas) e A Coruña (13%). En todo caso, dende marzo houbo xa 115 persoas de 69 anos ou menos que morreron en Galicia despois de ter enfermado coa Covid-19.

Máis de seis mil persoas agardan en Galicia polas prestacións e servizos ligados á Lei de Dependencia, aínda que a cifra é moi inferior á que se rexistraba nos últimos anos, pois a lista de espera chegou a superar as 30.000 persoas. Porén, non é estraño que moitas destas persoas, a maioría de idade avanzada, morran mentres agardan porque a súa solicitude sexa valorada ou poidan recibir a prestación xa concedida. 

No que levamos de ano 2020 a pandemia de coronavirus motivou un incremento desta mortalidade, tanto polas persoas deste colectivo que faleceron despois de enfermar coa Covid-19, como polos atrasos provocados en determinados trámites.A Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais calcula que dende xaneiro 693 persoas faleceron en Galicia mentres agardaban a recibir esta axuda. 9 destas persoas estaban aínda pendentes da súa valoración, mentres que a maior parte (644) faleceron nun "limbo", coa axuda aprobada, pero pendente da súa concesión.

No conxunto do Estado as cifras son moito máis elevadas, pois a entidade calcula que o número de persoas mortas nesta situación superou as 50.000 (51.540). A asociación lembra que "nos achegamos ao primeiro aniversario do novo goberno e aos 14 anos da Lei de Dependencia" e destaca que "coñecido o proxecto de lei de orzamentos onde se reverten os recortes do Sistema, hai que felicitar ao Goberno de coalición por iso, pero, ao mesmo tempo, é necesario insistir en que urxe lograr os acordos necesarios no Consello Territorial para poder implementar de maneira inmediata a repartición do nivel acordado e a asignación do nivel mínimo".

 "Sería imperdoable que, dado o dramático das cifras, os electoralismos curtoptracistas e tacticismos de todo tipo e cor que, por desgraza, caracterizan á política española nos últimos anos, se antepuxesen á solución da auténtica emerxencia humanitaria que están a vivir as persoas dependentes", engade a entidade."         (Marcos Pérez Pena, Praza Pública, 08/12/20)

No hay comentarios: