5/3/21

Un ano coa COVID en Galicia: cen mil positivos, dúas mil mortes e infinitos plans esfarelados

 "O 4 de marzo de 2020, hai agora un ano, o Servizo Galego de Saúde daba por confirmado o primeiro caso positivo por SARS-CoV-2 en Galicia. O primeiro doente coa COVID-19 ingresara con síntomas de pneumonía no hospital da Coruña, onde viaxara dende Madrid para acudira  unha entrevista de traballo.

Un ano despois, na serie histórica do Sergas o primeiro caso non se sitúa naquel 4 de marzo, senón que a conta comeza dous días despois, con catro positivos na área sanitaria de Vigo. Sexa como for, aqueles primeiros casos -nuns días en que cada positivo tiña que ser ratificado nunha segunda análise en Majadahonda (Madrid)- foron os primeiros sinais no país dunha crise que ecoaba polo mundo dende finais de 2019 pero que no conxunto do Estado en xeral e en Galicia en particular era percibida como afastada ata escasas semanas antes.

 Nesta liña, a que acabaría sendo a derradeira fin de semana da despois alcumada como vella normalidade, a do 7 e 8 de marzo, transcorreu en Galicia sen alteración ningunha na vida social, económica ou de lecer. Diversos acontecementos deportivos e festivos, as as mobilizacións feministas polo Día Internacional da Muller Traballadora ou actos institucionais do propio Goberno galego deron lugar a imaxes que, pouco despois, virararían en impensables.

Apenas tres días despois, o 11 de marzo, o Sergas tiña rexistrados 44 casos positivos e a Organización Mundial da Saúde sinala que, dada a súa extensión, xa era posible falar da COVID-19 en termos de pandemia. Dous días máis tarde, o 13, o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez anuncia unha inminente aprobación dun Estado de Alarma e escasas horas despois, o Goberno galego declara a situación de emerxencia sanitaria ao abeiro da lei de emerxencias do ano 2007.

 O 14 de marzo, sábado, o Consello de Ministros aproba o Estado de Alarma e con el, un confinamento xeral. Naquela altura, Galicia rexistraba unha media duns 22 casos novos ao día, segundo a actual serie histórica do Sergas, que o Goberno galego se resistiu a publicar ata sete meses despois. En realidade, segundo reflicte a base de datos do Instituto Carlos III -dependente dos Ministerios de Sanidade e Ciencia- a partir da información fornecida polas comunidades autónomas, en territorio galego xa había persoas que comezaran a desenvolver síntomas da COVID-19 a finais de febreiro, aínda que en cifras escasísimas.

 Cunha capacidade diagnóstica moito máis limitada que na actualidade -en toda a primeira vaga, o Sergas non chegou a procesar máis de 3.800 PCR nun día e na terceira acadou picos de 13.000 PCR nunha única xornada-, cando transcorreran os primeiros quince días de Estado de Alarma e confinamento, en Galicia rexistrábase unha media duns 400 casos novos ao día. Eran semanas nas que a Consellería de Sanidade só se expresaba en termos de "positivos activos", evitando informar sobre os casos novos, o que seguiría acontecendo durante meses.

Infinitos plans esfarelados

Tras aquelas primeiras semanas de shock colectivo, nas abondosas comparecencias públicas dos responsables gobernamentais de Galicia e España comezou a translocer que a loita contra a COVID-19 non ía ser unha carreira de velocidade, senón de resistencia. E deste xeito, foron esfarelando plans e proxectos dende o eido máis persoal ata o colectivo e político.

 Así, por exemplo, no día en que a OMS deu á COVID-19 a consideración de pandemia, todas as principais forzas políticas de Galicia desenvolvían actos con militantes e simpatizantes coa vista posta nas eleccións que, secundando o lehendakari Urkullu, Alberto Núñez Feijóo convocara para o 5 de abril. Aqueles comicios acabaran sendo adiados pero non sucedeu o mesmo cun evidente clima electoral que marcou a actitude de Feijóo cara aos líderes do resto de forzas políticas e, moi especialmente, cara ao Goberno de España en todo o relacionado coa xestión da pandemia.

Finalmente, o electorado galego (e o vasco) foi chamado ás urnas para o 12 de xullo e, como prognosticaran algúns dos integrantes do comité clínico que asesoraba á Xunta, as votacións cadraron cun período de notable acougo nos indicadores epidemiolóxicos. Non foi así, non obstante, en varios concellos das comarcas da Mariña, onde varios gromos condicionaron a celebración dos comicios e propiciaran, nas semanas previas á votación, os primeiros peches perimetrais decididos pola Xunta dende a fin do primeiro Estado de Alarma.

 Aqueles gromos na Mariña, que fixeron disparar múltiplas alarmas, axiña quedarían pequenos e comparación co que chegaría no outono e, moi especialmente, no inverno, coa terceira vaga que se disparou entre os encontros do Nadal, Aninovo e Reis. Así, no pico da segunda vaga, contra finais de outubro (e xa cunha capacidade diagnóstica moito maior), en Galicia contabilizábanse xa case 40.000 casos da COVID-19, con cifras inéditas ata ese momento que, non obstante, quedaron pequenas en comparación coas do Nadal.

 A virulencia da terceira vaga

Boa mostra da virulencia da terceira é tamén o indicador que a Xunta segue utilizando como referencia un ano despois: os positivos activos, estado no que se atopa un paciente dende que é confirmada a súa infección ata que esta desaparece. Mentres que as comparacións coa primeira vaga resultarían pouco rigorosas pola escasa capacidade diagnóstica, si que é posible establecer paralelismos, con certa cautela, entre a segunda e a terceira. Na segunda, a do outono, Galicia apenas superou os dez mil casos activos da COVID-19. No pico da terceira vaga chegou a achegarse aos 23.000.

 O gráfico sobre estas liñas amosa esas semanas do Nadal como un punto clave de inflexión para o posterior estoupido. Unha vez transcorrido o que Sanidade adoita denominar "ciclo epidemiolóxico" -o período estimado de incubación- tras as celebracións do Nadal e Aninovo, semanas nas que o Goberno galego relaxou as restricións e permitiu, por exemplo, saltar os peches perimetrais (aínda que recomendara non facelo), todas as cifras se dispararon. Boa mostra disto é que, o día de Noiteboa, o total acumulado de casos da COVID-19 rexistrados en Galicia aínda non chegara aos 60.000 e a finais de xaneiro xa superara os 100.000.

 Todas estas cifras teñen o seu reflexo máis cru nos indicadores de mortalidade. Ata o pasado 2 de marzo morreran en Galicia cando menos 2.256 persoas que contraeran o coronavirus, unha cifra necesariamente provisional e aínda pendente de revisións. Na primeira vaga, cando a posibilidade de contar con vacinas era pouco menos que un desexo máis ou menos abstracto, máis do 40% dos falecementos correspondían con persoas que vivían en residencias de persoas anciás ou con discapacidade. Un ano despois aínda non son públicos os datos de mortalidade desagregados por cada residencia, aínda que a Xunta dispón deles.

Na terceira vaga, coa vacinación xa en marcha e os centros con maiores medidas de protección, as mortes de persoas procedentes de residencias tiveron menor peso sobre o total. Así e todo, como amosa o gráfico baixo estas liñas, seguen sendo máis dun terzo do total das rexistradas.

 A maior parte das mortes ligadas á COVID-19 en Galicia son de persoas de idade avanzada. Máis do 60% eran maiores de 80 anos, segundo datos do Sergas, que non obstante tamén reflicte que case o 10% das persoas falecidas eran menores de 70. Nestes datos resulta tamén significativo o feito de que 892 destas mortes se rexistraron dende o 24 de decembro. En toda a primeira vaga, sempre segundo o Sergas, morreran en Galicia 619 persoas que contraeran e COVID-19.

 Neste primeiro ano completo de pandemia, boa parte das olladas e tamén dos recursos públicos estiveron postos nos centros sanitarios en xeral e nos hospitais en particular. Segundo datos do Ministerio de Sanidade fornecidos polo Goberno galego, ata principios de marzo precisaran ser hospitalizadas en Galicia un total de 12.094 persoas que foran diagnosticadas como positivas pola COVID-19. Ata 1.611 delas precisaron ser atendidas en unidades de coidados intensivos.

As UCI, o elo máis crítico do sistema, víronse especialmente presionadas durante a terceira vaga malia á habilitación doutro tipo de unidades para ofrecer estes coidados. A finais de xaneiro e principios de febreiro chegou a haber máis de 250 persoas ao mesmo tempo nas UCI galegas con test positivo da COVID. Naquelas semanas, o total de persoas infectadas que precisaron ser hospitalizadas chegou a rozar as 1.500 ao mesmo tempo. Na primeira vaga apenas pasaran das mil e na segunda, quedaran na contorna das 600.

 Doce meses despois, a sociedade galega, como a de boa parte do mundo, ten xa como parte da súa vida cotiá as medidas contra o virus e os indicadores epidemiolóxicos. Non é menos certo que a chamada fatiga pandémica é cada vez máis perceptible nun país que agarda por poder retomar algúns deses plans esfarelados, reformular outros e emprender proxectos aparcados. Para facelo, boa parte das esperanzas están postas nunha vacinación que, agora si, semella que comeza a coller maior ritmo e cuxas consecuencias xa son evidentes entre algúns dos colectivos máis golpeados polo virus hai agora un ano."                       (David Lombao, Praza Pública, 04/03/21)

No hay comentarios: