19/5/21

O monxe galego que casou cunha aborixe australiana tras fuxir da Guerra Civil

 "Ambos estaban inmersos na vida relixiosa cando se coñeceron, pero a atracción que xurdiu entre ambos levounos a abandonar os votos divinos. O diario australiano ABC faise eco estes días dunha singular historia de amor que ten por protagonista a un galego, 'Frank' Rodríguez, home que abandonou a Comunidade ao comezo da Guerra Civil para evitar a represión e rematou casando cunha aborixe australiana. 

A singular traxectoria, recollida nun libro pola filla de ambos, comezou cando Rodríguez deixou atrás o país ao estalido da contenda de 1936. Tiña 15 anos. Por aquel entón motivávao a vontade monacal e decidiu embarcar a Australia co obxectivo de entrar na orde benedictina e gañar un sustento. Pero a vida relixiosa non foi para el, e aos poucos anos de chegar ao país da Commonwhealth decidiu abandonar o crucifixo para dedicarse á construción.

Entón sería cando coñeceu a Katie, que logo asumiría o seu apelido. Segundo explica o artigo do ABC, a muller era aborixe, circunstancia pola cal o seu matrimonio "interracional" non foi ben visto por todos. Con todo, decidiron romper os votos relixiosos que quedaban --a muller tamén era monxa-- e constituír unha granxa que co tempo medraría nunha explotación de certo tamaño.

O ABC destaca as estreitas relacións que o matrimonio Rodríguez mantiña coa poboación aborixe do lugar, unha circunstancia pola que tamén recibiron críticas pero que os axudou a comprender mellor os ciclos da terra e, en consecuencia, a progresar economicamente. A filla de ambos, autora do libro, conta que os seus pais fixeron fincapé en educalos tanto nos costumes galegos como aborixes, e que a conexión entre ambos tiña tamén moito que ver cos lazos entre ambas culturas. O galego Frank Rodríguez faleceu en 2011. As súas memorias están recollidas en Debesa, The Story of Frank and Katie Rodriguez."                (Galicia Confidencial, 15/05/21)

No hay comentarios: