9/1/18

Corenta anos da primeira tractorada que parou o país

"Hai 40 anos, concretamente o, 3, 4 e 5 de decembro de 1977, máis de 20 mil tractores trancaron as estradas da Galiza en protesta contra cota empresarial agraria e en oposición ao réxime autonómico. 

A tractorada, convocada polas 15 mil persoas presentes na asemblea celebrada en Lugo o 26 de novembro polas Comisións Labregas, tiña o obxectivo de darlle continuidade a unha loita que viñan mobilizando de xeito masivo desde o mes de setembro. 

Así, ao longo de outubro e novembro a contestación maciza das labregas e labregos paraliza o cobro do tributo nunha parte moi importante dos concellos da Galiza, comezando o 2 de outubro en Triacastela e estendéndose nesa mesma semana a outras localidades como Val do Dubra, A Baña, Ordes, Cervantes, Palas de Rei, Guitiriz, Xinzo de Limia, Baños de Molgas, Ribadavia, Silleda ou A Estrada. 

Será neste contexto cando aparezan por primeira vez os tractores como instrumento da loita labrega, ocupando no mes de outubro a capitalidade de Palas de Rei –onde 200 vehículos, algúns con bandeiras galegas coa estrela, impiden o cobro do tributo–, e desfilando en novembro polas rúas de Chantada, até formar unha caravana de 300 aparellos portando faixas con lendas de “Fóra a cota empresarial” e “Non máis roubos”.

Galiza ficou tomada polos tractores. Segundo os dados recollidos nun informe interno da comisión do rural da UPG, organismo deste partido que xogou un papel decisivo na dirección e orientación do conflito, máis de 200 mil persoas mobilizáronse ao longo dos tres días, concentrándose tractores e mesmo carros do país na práctica totalidade dos concellos cabeceiras de comarca, con especial incidencia no norte do país, precisamente onde as Comisións Labregas contaban con máis penetración, e co comercio fechado en boa parte das zonas afectadas.

 A campaña de axitación social e as propias xornadas nas que as rúas permaneceron ocupadas polos vehículos agrarios desenvolvéronse nun escenario dunha forte represión policial e de grande agresividade do españolismo fronte ás demandas labregas, até o punto de que só a ANPG e a UPG apoiaron a protesta. 

A dureza das forzas da orde, utilizando armas de fogo contra os manifestantes en diversas localidades de Galiza, provocou o ingreso no hospital do veciño de Sarria Elías Vázquez, ferido por disparos da garda civil, respostando os labregos cun feche de 800 persoas na catedral de Lugo e manifestacións en diversas localidades, como Meira, Corgo, Outeiro de Rei ou Sarria."               (Sermos Galiza, 03/12/17)

No hay comentarios: