"O sábado 10 de xullo, David, vigués de 35 anos, quedou na praia cun grupo de amigos. “Estivemos ao aire libre e non compartimos coche”, narra. Un dos mozos xa contraera a Covid, mais aínda non o sabía, pois descoñecía ser contacto directo de alguén e carecía de síntomas.
A quinta feira 15 de xullo, cando David levaba media hora nunha terraza exterior cun dos seus amigos, recibiron a chamada do mozo co que compartiran praia o sábado. “Eu levaba desde o sábado sen velo, mais o amigo co que estaba tomando unha caña na noite da quinta feira estivera en contacto con el a segunda, a terza e a cuarta feira”, lembra.
“Angustiado, na sexta feira, chamei o teléfono Covid do Sergas, expliqueilles o acontecido e dixéronme que non me preocupase, que eu non era considerado contacto estreito e que podía seguir facendo vida normal”, sinala.
O sábado recibe a chamada do amigo co que compartiu terraza na noite da quinta feira, “comezáranlle os síntomas e, por medo, autoconfineime e avisei os meus contactos”. O domingo o amigo de David recibe o resultado do test de antíxenos, positivo, e na segunda feira, en canto abriu a farmacia, David fixo unha PCR de saliva. “Dixéronme que en 48 como máximo tería o resultado, mais pasaron 96 horas e sigo sen telo”, lamenta.
"Imposíbel cancelar a cita da vacina"
Foi na tarde da segunda feira cando notou a febre e “unha especie de constipado”. “Angustieime, tiña só décimas, mais non deixaba de pensar era Covid”. Un diagnóstico que confirmou na terza feira, “non fun quen de esperar o resultado da PCR da farmacia, e menos mal, polo que decidín facer a proba de antíxenos. Aos poucos minutos, xa se tinguira de vermello a raia que indicaba que era Covid”.
A quinta feira 22 de xullo, David tiña cita para a vacinación. "Chamei ducias de veces para cancelala e que puidesen darlla a outra persoa, mais foi imposíbel. Colpsado. Até o propio día estiven chamando e non logrei que ninguén descolgase o teléfono", di.
Na terza feira, chamou o centro de saúde para saber como proceder co
seu positivo en test de antíxenos, “atendéronme porque lles dixen que
precisaba o parte de baixa, para comunicar no traballo”. Na cuarta feira
fixo a PCR no autocovid situado no Hospital Álvaro Cunqueiro e na mañá
da sexta feira non tiña o resultado. Tampouco o chamaran ningún rastrexador.
"Nin sequera sei se computo oficialmente como caso de Covid"
“Dá a sensación de que está todo o sistema colapsado. Aquí non chama ninguén. Non me deron o resultado da PCR de saliva que entreguei na farmacia na segunda feira e nin sequera sei se computo oficialmente como unha das persoas coa Covid”, denuncia David, que ademais de febre superior aos 39 graos pola noite, carece de gusto e de olfacto, séntese fatigado e ten tos.
"Vista a lentitude do sistema, estráñame que non sexamos máis os
contaxiados. A Xunta da Galiza criminalízanos, mais non está a facer os
seus deberes. Fóiselles das mans", conclúe." (Nós, 23/07/21)
No hay comentarios:
Publicar un comentario