"Stop Eólicos Xurés Celanova denuncia a emerxencia de empresas "pantalla" que operan no que podería ser o comezo dunha nova fase especulativa da avalancha eólica.
Novas denuncias a respecto da avalancha eólica galega. Desta vez, as protestas xorden dende a plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova, que vén de anunciar o desprazamento de dous parques eólicos "ás costas" da cidadanía e coa "complicidade" da Xunta de Galicia. A nova trascendeu cunha actualización do mapa eólico oficial na que, segundo apuntan dende a plataforma, os parques eólicos de Larouco "aparecen desprazados cara o leste", todo só 48 horas despois de rematar o prazo de alegacións contra unha liña de alta tensión moi cuestionada polos veciños.
O problema estaría en que, seguindo a información da mesma plataforma, a avalancha eólica de Galicia estaría desenvolta por empresas "pantalla" que, neste momento, se dedican a introducir cambios "agochados" á cidadanía. Todo coa "complicidade" da Consellería de Medio Ambiente e a Xunta de Galicia. No tocante a este caso concreto, dende Stop Eólicos Xurés Celanva aseguran que, até hai unhas horas, os proxectos eólicos Mistral e Tramontana aparecía superpostos a outro parque, e que agora foron desprazados.
En concreto, o traslado implicaría varios quilómetros, o que implicaría que oito dos aeroxeradores proxectados se situarían sobre a cima do monte Larouco. Trataríase de máquinas, inciden, de 151 metros de altura, moi por riba dos 83 que xa coroan as abas do monte.
EMPRESAS "PANTALLA"
Nas últimas semanas véñense multiplicando as denuncias sobre a "opacidade" coa que se están a desenvolver algúns dos procesos administrativos relativos aos eólicos en Galicia. Así, Petón do Lobo xa denunciou xornadas atrás que a Xunta "esquecera" publicar un documento chave para a presentación de alegacións contra os parques eólicos. Agora, Stop Eólicos pon o foco na propiedade da empresa que leva estes parques, que segundo di "parece" estar ligada a Iberdrola pero tratándose, ante todo, dunha "sociedade pantalla".
Neste aspecto, pregúntase como pode a Xunta conceder dereitos de explotación do vento a empresas cun capital social de 3.000€, o mínimo esixible, e o que fai pensar en que os MW concedidos pola Xunta de Galicia non irán parar á construción dos eólicos senón ao mercadeo dos permisos, como xa aconteceu na época de Manuel Fraga á fronte da Xunta.
O auténtico problema, con todo, estaría en que o cambio de posición dos proxectos aquí referidos "obriga a revisar de novo os estudos de impacto ambiental das infraestruturas próximas", como o caso do PE San Martiño e da LAT do Larouco, que "hai apenas unhas semanas (días no caso da LAT) remataron a fase de alegacións".
Stop Eólicos Xurés Celova apunta a este movemento dos enclaves como "unha nova burla á cidadanía, un novo obstáculo para o exercicio dun dereito de participación pública
que vemos que non existe, como xa denunciou o propio Consello da
Cultura Galega, e unha xogada, pode que a través de actores interpostos
ou empresas pantalla, das grandes corporacións como Iberdrola que
controlan o desenvolvemento eólico e elixen o territorio a espoliar con
complicidades políticas desde os concellos até a alta administración e
que só topan freo na mobilización popular". (Galicia Confidencial, 18/01/22)
No hay comentarios:
Publicar un comentario