16/4/24

Por que non é de utilidade pública nin sostible a factoría de Altri?

 "Segundo a información que recolle o Diario Oficial de Galicia do 4 de marzo de 2024 nas súas páxinas 16837 a 16843, o proxecto de fibra téxtil a base de celulosa a implantar no concello de Palas de Rei, para ser ambientalmente sostible e de utilidade pública, debera ser radicalmente modificado segundo paso a argumentar nesta análise.

Para empezar polos seus consumos estimados de madeira de eucalipto. Pois se ben Galicia supón uns 5,6 millóns de metros cúbicos de cortas de eucalipto dos 8 millóns do total español en 2021, as celulosas de ENCE (Lourizán e Navia) teñen xa unha demanda de 2,5 millóns, e esta nova planta de celulosa de Palas de Rei consumiría 1,2 millóns nunha primeira fase que podería chegar ao dobre na fase final, amplificando unha demanda que xa ten desbordado a superficie asumible para este cultivo forestal no país galego, e que debera reducirse á metade en localizacións e formas de xestión sostibles e certificadas. Un reaxuste cuantitativo e de xestión que limitaría moito as cortas de eucalipto dispoñibles para pasta de celulosa si queremos que sexa crecente para biomasa enerxética, calefacción, taboleiros e carpintería (todas de eucalipto). O proxecto de Palas de Rei debera redimensionarse para un máximo final de un millón de metros cúbicos de madeira certificada de eucalipto.

Do anterior dedúcese que seguirían tendo acomodo as necesidades de eucalipto das plantas de pasta para papel de ENCE, pero a diversificación e integración da cadea industrial silvícola coa nova planta de Palas de Rei debera pasar, antes de autorizar calquera outra nova iniciativa, por reconverter a actual elaboración de pasta de papel de eucalipto para exportación. Nun complexo de nova localización no norte de Galicia que integre pastas mecánicas, pastas de coníferas e reciclados coa pasta de eucalipto. E que complete o proceso industrial con todo tipo de papeis e derivados. Este modelo sería o homologable ao circuíto dos principais produtores europeos. Pasar dunha fábrica non integrada a unha integrada e con procesos pechados (TCF) e non abertos. E sen exportación fora de Galicia da pasta de papel en bruto. Un complexo e reconversión que si podería e debera ter unha decisiva achega da iniciativa pública e dos Fondos Europeos por ser de utilidade pública e de futuro, non de pasado.

Só sobre esta base poderían darse pasos nunha ampliación dos usos da madeira de eucalipto para obter novas, e distintas, plantas integradas de celulosa. Co que a produción prevista de duascentas mil toneladas de fibras solubles de eucalipto para comercializar -sen transformar en Lyocell- na planta da Ulloa serían contraproducentes con esta estratexia industrial. Sendo por iso que a empresa figura na súa solicitude á Xunta de Galicia no código de actividade CNAE 1711 de Fabricación de pasta de papel. A planta de Palas de Rei debera reducir o seu volume de produción exclusivamente á pasta que use para elaborar lyocell [1].

As outras duascentas mil toneladas que se prevén converter en Lyocell na planta da Ulloa, supoñendo que o proceso industrial con metilmorfolina [2] (NMMO), hidróxido de sodio, peróxido de hidróxeno, ácido sulfúrico, sulfato de sodio e carbonato de sodio, osíxeno, ozono e outros produtos químicos sexa limpo e pechado no ciclo do aire e da auga -do Ulla ata a Ría de Arousa- (DOG 4.3.2024 páxina 16839, código CNAE da proposta 2060 Fabricación de fibras artificiais e sintéticas), deberan transformarse en téxtiles de uso final no mesmo complexo (para prendas vestir, roupa industrial, de cama, etc), e nunca producir en Palas de Rei máis toneladas de fibras solubles que as que se transformen integramente en fibras de uso directo para confección, como tampouco exportalas como tales fóra de Galicia.

De xeito que só cumprindo estas condicións (fixar o maior valor engadido e o emprego de toda a cadea madeira-papel ou madeira-tecidos, reformular o modelo de fábrica, reestruturar o sector da pasta) o proxecto de fábrica de lyocell podería considerarse de utilidade pública e susceptible de recibir axudas de fondos públicos (autonómicos, estatais ou europeos – Next Generation), por descontado, noutra localización.

Respecto da avaliación ambiental do proceso produtivo e como queira que Inditex é o maior consumidor de lyocell do mundo, unha planta en Galicia que o elabore con bosques en xestión sostible certificada (cousa que non sucede na actualidade coa inmensa maioría dos eucaliptais galegos) e con un ciclo pechado de auga (cousa que non encaixa co deseño actual da fábrica da Ulloa) podería ser (se toda a pasta se transforma en Galicia en lyocell e este en tecidos de uso directo) considerada e factible, unha vez feita a reconversión xa citada.

O circuíto pechado da auga utilizada que reclama Inditex como cliente dos seus provedores de lyocell encaixa nos criterios de mellores prácticas que define a Comisión Europea (Decisión da Comisión de 2014, C(2014) 6750) que recollemos no seguinte recadro,

Pero non ten nada que ver co circuíto de auga que se ten presentado para avaliación da Xunta de Galicia,

Respecto das emisións a atmosfera, se a fábrica deseñada para a Ulloa é limpa en emisións, porqué é precisa unha cheminea de 75 metros de altura? Que vai a saír por esa cheminea: xofre, óxido de nitróxeno, monóxido de carbono? En que consiste o estudo de dispersión realizado? En relación a todo isto faise preciso que técnicos independentes (ademais dos servizos da Xunta, e nunha segunda opinión) sitúen o proxecto de Lyocell na Ulloa en todos os parámetros contemplados na Decisión da Comisión de 2014, C(2014) 6750 “por la que se establecen las conclusiones sobre las mejores técnicas disponibles (MTD) para la producción de pasta, papel y cartón, conforme a la Directiva 2010/75/UE del Parlamento Europeo y del Consejo, sobre las emisiones industriales”. Sin esquecer concretar o epígrafe do proxecto “Área de produción doutros produtos químicos” (DOG 4.3.2024 páxina 16840).

Resumindo e nunha recapitulación final podemos dicir que os vectores que deberan reaxustarse necesariamente no proxecto presentado para Palas de Rei para ser contemplado de utilidade pública e sostible ambientalmente pasan por:

– Que a planta só poida fabricar o volume de pasta que transforme el lyocell.

– Que ese volume teña como máximo un consumo de eucalipto de entre cincocentos mil metros cúbicos e un millón ao ano.

– Que o emprego e valor engadido asociado a ese lyocell se optimicen nun proceso integrado de produtos derivados na mesma planta para o sector da confección.

– Que a madeira consumida proceda toda ela de bosques certificados con xestión sostible, e en superficies non aptas para outros usos agro-gandeiros ou de valor ambiental e paisaxístico.

– Que o consumo de auga se faga nun circuíto pechado que minimice as achegas e descarga ao Ulla, sempre debidamente depuradas.

– Que as emisións a atmosfera cumpran a normativa de mellores prácticas para a elaboración de celulosa na UE.

– Que esta nova especialización de pasta de celulosa se vexa acompañada dun plano de reconversión da pasta-papel nunha planta integrada de eucalipto, coníferas e reciclados para obter papel e derivados en Galicia.

– Que o conxunto dos consumos de eucalipto para pasta non superen os dous millóns de metros cúbicos a medio prazo, sendo os restantes (das posibilidades de cortas sostibles) para biomasa, calefacción, taboleiros e carpintería. Isto supón a redución á metade da superficie ocupada polos eucaliptais en Galicia e sempre en masas certificadas como de xestión sostible.

[1]     As fibras téxtiles poden ser naturais (algodón, la, seda, ..), químicas sintéticas (nylon, poliéster, …) ou químicas celulósicas (viscosa, lyocell). Múltiples detalles (tecnolóxicos, económicos) sobre o sector poden verse nesta Decisión da Comisión Europea (Lenzing-Acordis) do ano 2001.
[2]     Ver páxina 4 deste informe sobre fibras celulósicas de orixe forestal."
(Albino Prada, Tempos Dixital, 15/04/24)

No hay comentarios: