O alcalde da localidade, Eloy Pérez, mostrouse
crítico co traslado dos migrantes a Monterroso e censurou a “falta de
información” facilitada polo Goberno español ao respecto. Para Pérez,
que afirmou coñecer a noticia do traslado pola prensa e, posteriormente,
a través da organización que atende os migrantes, a ONG Rescate
Internacional, “é unha barbaridade” que a vila que preside teña que
acoller 120 migrantes que representan “o 10% da poboación do núcleo
urbano”.
Monterroso ten, segundo o censo de 2023, 3.593 habitantes, dos cales
perto de 1.000 viven no núcleo principal do concello. Uns datos que o
rexedor utilizou para cualificar o número de emigrantes que chegaron á
vila como “desproporción total”.
En contraposición, no concello de Mondariz-Balneario (O Condado), o
municipio máis pequeno da Galiza —con 703 habitantes nunha superficie de
2,3 quilómetros cadrados—, a chegada de 180 mozos refuxiados
procedentes de Malí vívese “con normalidade absoluta”. “Búscase unha polémica que non existe”, afirmou o alcalde, César Gil, en declaracións a Nós Diario.
“Todos os Concellos deberíamos estar do lado de quen máis o necesita, e
sobre todo nestes momentos tan complexos para estas persoas”, valorou
Gil.
Colaboración veciñal
Eloy Pérez, alcalde de Monterroso, afirmou que a chegada de 120
migrantes xerou “alarma social” entre a veciñanza, mais nas rúas desta
vila a sensación é outra. Precisamente, un grupo dunhas 30 veciñas e
veciñas recibiron os migrantes á súa chegada ao hotel Río Ulla para
mostrarlles o seu apoio e a súa solidariedade. Un recibimento ao que non
asistiu, segundo puido saber Nós Diario, representación do
Goberno local, mais si de grupos da oposición como o PSdeG ou
Independentes por Monterroso, e asociacións da localidade como a
Sociedade Deportiva Monterroso e o Agrocuir, que se puxeron a
disposición da ONG Rescate para o que puidesen precisar.
"O único que conseguiu o alcalde con esta confrontación foi dividir a veciñanza", explica a Nós Diario Rafael García,
portavoz da formación socialista de Monterroso. "A ninguén se lle
escapa que a chegada destes migrantes forma parte dun programa
internacional de acollida de persoas que foxen de situacións moi
complexas e a contenda política debería ficar á marxe", engade García,
que lamenta a ausencia de representantes do Concello no recibimento ás
persoas refuxiadas.
Ademais, a Sociedade Deportiva Monterroso, club de
fútbol da localidade, amosou o seu “apoio e disposición a colaborar na
situación que se está a dar coa chegada das persoas refuxiadas”.
Nun comunicado emitido na sexta feira, a S.D. Monterroso ponse a
disposición do Concello e da ONG Rescate Internacional “para axudar en
todo o que sexa preciso”. A entidade deportiva concreta ademais as
“primeiras iniciativas” que levarán a cabo en colaboración coa
organización humanitaria para a “inclusión do colectivo na nosa
vila”. Entre elas, sinalan a doazón de material e roupa, o acceso a
todos os partidos de modo gratuíto, a cesión das instalacións deportivas
para o que precisen e a súa colaboración en diferentes actividades de
ocio.
Desde a S.D. Monterroso fan un chamamento a toda a veciñanza e ás
demais asociacións da comarca da Ulloa a “pór o seu gran de area para
colaborar no que sexa necesario”. “Ninguén foxe do seu fogar por
elección, senón por un motivo de supervivencia e mellorar as condicións
de vida”, sentencia o comunicado.
Unha crise migratoria “que non existe”
O Foro Galego da Inmigración denunciou a pasada terza feira a “continuada utilización política” das persoas migrantes
que, “lamentabelmente”, está a producirse este verán na Galiza.
Referíanse así ás continuas disputas entre os Gobernos autonómicos e o
estatal a respecto do programa de acollida de persoas refuxiadas.
O Foro subliñou que “non existe emerxencia migratoria”, xa que o
número de persoas migrantes que chegan ás costas “é moi reducido”,
comparado co número de persoas estranxeiras que se estabelecen
anualmente no Estado español.
Entre xuño e agosto chegaron ás costas do Estado español 12.035
migrantes, o que representa 1.170 persoas menos que no mesmo período de
2023, cando chegaron 13.205." (Nósdiario, 01/09/24)
No hay comentarios:
Publicar un comentario