"A Xunta de Galicia ten varias frontes abertas desde o informe do Consello de Contas de Galicia relacionado co hospital Álvaro Cunqueiro. A partir de aí, as acusacións por presuntas irregularidades en contratacións contra o goberno autonómico do PP foron incrementándose. As forzas da oposición parlamentaria iniciaron unha batería de cuestionamentos á Xunta sobre o abuso da contratación menor, a “sospeitosa” adxudicación a determinadas empresas como o caso Eulen, onde a irmá de Alberto Núñez Feijóo, Micaela, é a directora para a sección Noroeste de Eulen. Así, o BNG solicitaba o pasado mes de setembro a comparecencia de Alfonso Rueda e o seu predecesor na Xunta, Núñez Feijóo, para explicaren as contratacións concedidas a esta empresa. Ningún dos dous responsables políticos aclararon nada e parece que as explicacións poden tardar. Aínda así, tanto BNG como PSdeG insisten na comparecencia tanto do presidente como do expresidente na comisión parlamentaria que arrinca o venres 4 de outubro.
FRACCIONAMENTO: É LEGAL?
O fraccionamento de contratos é algo que se pode realizar sempre e
cando ese fraccionamento sexa factible e poida beneficiar a varias
empresas. Pola contra, están as prestacións que non serían segmentables
en principio e con todo, acaban realizándose adxudicacións discrecionais
(a dedo). Isto tradúcese nunha falta de concorrencia competitiva entre
diferentes empresas que podería levar a prezos máis baixos e que as
adxudicatarias poidan facer máis investimentos.
O último informe do Consello de Contas de Galicia falaba de fraccionamentos en contratacións sen contraprestación por parte das empresas contratadas. Un dos entes “favorecidos” era o Consorcio Galego de Benestar e Igualdade “que adxudicaba contratos por períodos dun mes para a limpeza de escolas infantís, impedindo a concorrencia doutras empresas” di o deputado do BNG, Iago Tabarés.
Todas as entidades e consellerías realizan contratacións menores: as que non superan 15.000 euros para servizos e obras por debaixo dos 40.000 euros. Entes e consellerías realizan este tipo de contratacións, mesmo fraccionándoas, todo por axilizar puntos como a compra de material funxible, reparacións, etc. Porén, “a transparencia é nula, o Portal de Contratación non ofrece os mesmos datos que o de Transparencia e, por outra parte os contratos a dedo supoñen o 40% do total de contratacións autonómicas” di Patricia Iglesias, deputada do PSdeG.
Un gráfico mostra como o contrato menor xa era case o 35% da contratación por parte da Xunta. “Logo temos datos como un 10% de negociación sen publicidade e un 3% de procedementos de urxencia” apunta Tabarés.
POÑER COUTO
A situación é tan preocupante en toda a Unión Europea que se
aprobaron as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello da Unión
Europea 2014/233/UE e 2014/24/UE. As mesmas foron trasladadas ao Estado
español na Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público (LCSP).
Por outra parte, a lexislación do Estado prohibe tanto favorecer
intereses privados (contratacións a dedo ou discrecionais) así como “Non
poderá fraccionarse un contrato coa finalidade de diminuír a contía do
mesmo e eludir así os requisitos de publicidade ou os relativos ao
procedemento de adxudicación que corresponda”, di o artigo 99.2 da dita
lei.
O obxectivo de toda esta normativa era ir acurralando o uso e abuso da contratación menor e evitar a discrecionalidade. “O risco está cando se fraccionan grandes contratacións noutras máis pequenas para non ter que sacar unha licitación ou concurso” di Iglesias. A licitación necesita de mesas de contratación, procedementos regrados e publicar pregos, isto é, investir tempo e diñeiro, o fraccionamento aforra todo isto.
Volvendo ao caso da empresa de limpeza apuntada por Tabarés, no Portal Galego de Transparencia aparecen as contratacións do servizo de limpeza en varias escolas infantís. Ditas contratacións son por un período dun mes “cando a limpeza dun centro non se fai un mes por ano senón durante todo o ano”. A adxudicataria é a empresa multiservizos Eulen.
Dato rechamante é que dentro do Portal de Transparencia, a sección “Datos estatísticos sobre a porcentaxe en volume orzamentario de contratos adxudicados”, teña como último ano rexistrado o 2022. “Por outra parte, neste Portal da Xunta temos que baixar os pdf un a un cando, por exemplo, existen administracións locais con servizos telemáticos semellantes máis áxiles” di Iglesias.
A necesidade de parar a contratación discrecional levou á UE a aprobar
unhas directivas que se adaptaron á lexislación española. O obxectivo
era frear o abuso da discrecionalidade, porén, no caso galego esta
práctica continúa sen ningún freo aínda que entes como o Consello de
Contas de Galicia sinale irregularidades sobre estes usos. Tamén está a
obsolescencia dos portais web que, ou están sen actualizar ou fan
complicado o acceso aos datos de contratación." ( Moncho Mariño, Galicia Confidencial , 27/10/24)
No hay comentarios:
Publicar un comentario