9/2/15

En que quedou a promesa de Feijóo de reducir os coches oficiais?

"Eficiencia, eficacia, aforro no gasto público. Eses foron os principais argumentos que levaron a Núñez Feijóo á Xunta de Galicia na campaña de 2009. Unha campaña que iniciou meses antes das eleccións cunha estratexia medida, e a colaboración dalgúns medios de comunicación, cos ollos postos no “despilfarro” que o bipartito facía dos recursos públicos.
E nesta campaña, o parque móbil da Xunta foi un argumento recorrente. Tanto, que os populares mesmo chegaron a acusar ao ex vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, de ter un mini bar no seu coche oficial valorado en 6.000 euros. 
Unhas acusacións que, entón, serviron para abrir a sección de Galicia dalgún xornal. Ao final, comprobouse que era mentira e que o que tiña aquel coche era unha neveira portátil de 50 euros.
Tamén o ex presidente Emilio Pérez Touriño tivo que aguantar os dardos populares que o acusaron de facerse cun vehículo oficial de 480.000 euros. Un vehículo que, ata entón, era semellante en blindaxe e prestacións aos que tivera o seu antecesor no cargo, Manuel Fraga, o fundador do Partido Popular. 
A estratexia do despilfarro funcionoulle ben aos populares, igual que a da creación do emprego. De feito, Alberto Núñez Feijóo dicía antes dos comicios do 2009 aquilo de que, se entraba na Xunta, remataría co paro en 40 días. Curiosamente, os índices de desemprego máis grandes da historia de Galicia déronse durante o seu goberno.
Con estes argumentos, o PP conseguiu  chegar ao poder. E posto que o seu argumento fora o do despilfarro, seguiu nesa liña, aprobando plans de aforro e recortes que, cos anos, convertéronse en pesados proxectos de contención do déficit que mancaron o crecemento da economía galega e fecharon o consumo dos galegos.
Un destes plans foi o de axuste do parque móbil da Xunta, aprobada no 2012. Un proxecto que pasaba por recortar nun 90% o número de coches e condutores en exclusiva aos altos cargos. Así, do total de 160 vehículos do bipartito, pasou a 16, os que utilizarían, principalmente, os conselleiros e os delegados territoriais. O aforro estimado era de 5,2 millóns de euros.
E nesta medida se incluíu a supresión do coche oficial aos altos cargos con residencia en Santiago e un servizo compartido para trasladar ao seu posto de traballo aos que viven fóra da capital galega con tres persoas por vehículo.
Sen embargo, e segunda din os sindicatos, este plan de aforro, pasados tres anos, xa se está incumprindo. Así, a CIG-Autonómica acusa ao Director Xeral de Emerxencias, Luís Menor, de utilizar un coche oficial con dous condutores ao seu servizo, nos seus desprazamentos á capital galega, igual que a Directora Xeral de Familia e Inclusión, que se “nega” a compartir vehículo” con outras persoas. Tamén din que determinados xefes territoriais usan os coches oficiais para asuntos particulares.
A Consellería de Presidencia desmentía parte destas críticas. Dicía que no caso do servizo de vehículo compartido dende Ourense ata Santiago existen dous vehículos que trasladan a dous cargos cada un deles. Nun deles vai a directora xeral de Familia e Inclusión e o secretario xeral de Emigración e noutro o Director Xeral de Emerxencias e a directora da EGAP.
Preguntado o presidente da Xunta polo cumprimento deste plan foi moi parco en respostas. “É altísimo”, limitouse a dicir de xeito un pouco irritado ao ser preguntado polo seu índice de seguimento para ver se se cumpre o acordado en 2012. 
A semana pasada, e tamén cuestionado polo uso por parte do secretario e vicepresidente da Mesa, os populares José Manuel Balseiro e Miguel Santalices, de coches oficiais para os desprazamentos desde os seus domicilios, a pesar de romper un acordo da propia Presidencia, tamén foi moi parco.
 “Iso é unha cousa da Cámara”, respondía. Semella que a Feijóo incomódalle, agora, falar dun asunto que, cando estaba na oposición era o tema estrela do seu partido para minar a confianza do goberno bipartito."        (Por Xurxo Salgado , Galicia Confidencial, Compostela 06/02/2015)

No hay comentarios: