"Centos de vivendas abandonadas antes de estrearse murchan na paisaxe
galega. Non hai responsables pero si centos de vítimas. As navalladas
inmobiliarias percorren o país de norte a sur deixando casas que son
verdadeiros esqueletes urbanos. Esta é unha pequena escolma das
pantasmas do boom inmobiliario.
O Observatorio da Sustentabilidade constatou que entre 1987 e 2006 o
consumo de chan en España superou as 307.000 hectáreas: 44 hectáreas ao
día durante dúas décadas. Un proceso descontrolado de construcción e de
"todo vale" que tivo o seu período máis intenso entre 2000 e 2006, xusto
cando se tramitaron a maior parte dos plans urbanísticos dos concellos
turísticos ou que están preto das grandes cidades. (...)
Era un tempo no que o ladriño daba diñeiro fácil, no que os políticos
falaban do Estado español como a novena economía do mundo e no que todos
querían vivir en urbanizacións con piscina e campos de golf. Eran
megaproxectos que contaron co visto e prace, e mesmo o impulso e a
participación, dos políticos de turno. Hoxe son ruínas modernas.
A
fotógrafa e arquitecta Julia Schulz-Dornburg (Múnic, 1962) percorreu
España durante dous anos para fotografalos. Un impresionante traballo
que recolleu nun libro de título, precisamente, "Ruínas modernas. Unha
topografía de lucro".
En Galicia non hai datos. A Xunta non os ten, nin os quere ter pero nas
paisaxes urbanas e semiurbanas, as fieiras de encostados habitados
conviven con outros nos que as silveiras comezan a ser os únicos
moradores. E hai casos espallados por toda a xeografía galega.
As quebras de promotoras, xa sexa vía concurso de acredores ou fuga do
empresarios, levaron o abandono a moitas inmobiliarias e a ruína a algún
dos seus compradores. En Galicia, Fadesa, Egano, Proinsa ou Marvar,
deixaron centos de indemnizados logo da súa desaparición.
Moitos dos proxectos foron bendecidos polos políticos de turno e mesmo
contaron con axudas da Xunta e da UE. Cando se comezaron a construír ou
estaban xa acabados saltou a burbulla inmobiliaria.
A megaurbanización de Miño
A urbanización Costa Miño Golf de Martinsa-Fadesa no pobo coruñés de
Miño quizais sexa a máis representativa deste crack inmobiliario. Unha
navallada no concello que observan diariamente os centos de
automobilistas que se desprazan desde a Coruña a Ferrol. Foi o proxecto
estrela de Manuel Jove na década feliz do ladrillo. Pero en 2008 todo o
seu imperio comezou a derrubarse.
A megaurbanización, coas súas 1.217 vivendas, é unha das máis grandes
de Galicia, pero semella unha aldea abandonada. O seu carón, un campo de
golf de 50 hectáreas que constituíu un dos principais reclamos da
promoción.
Cando en xullo de 2008 Martinsa-Fadesa instou un concurso de acredores,
en Costa Miño Golf máis de 800 casas estaban aínda en construción.
Antes, entre 2006 e 2007, entregáronse 392 apartamentos dun primeiro
núcleo da promoción. As vivendas unifamiliares comercializábanse a
prezos que partían desde os 170.000 euros para os encostados e desde os
235.000 para os pareados.
Tras o anuncio do proceso concursal, o maior da historia de España
cunha débeda de 7.000 millóns de euros, os traballos en Miño
paralizáronse e a urbanización converteuse nunha cidade pantasma.
A Urbanización A Carballeira de Oleiros
Tamén Oleiros tivo o seu Dorado particular. En A Carballeira, en Nós,
construccións Pico promocionou 41 vivendas, das que só construíu 13 que
hoxe son casi espectros de vivendas. A promotora conxelou a actuación en
espera de tempos mellores.
Desde 2009, neste concello limítrofe con A Coruña, todo está
paralizado. Na gaveta están agardando oito desenvolvementos
urbanísticos: dous urbanizables en Mera, unha urbanización en
Lamastelle, dous sectores en Perillo, unhas vivendas en Santa Cruz,
outra actuación na Xesteira e un campo de golf.
En Mera existen dúas urbanizacións de chalés paralizados tamén entre
2009 e 2010. Obras paradas pero tamén parcelas á espera de anunciados
proxectos como o do Alto de Santa Cruz. Na zona de O Vieiro (Nós),
iniciouse en 2006 un proxecto para levantar dous bloques, de uso
hostaleiro, e desde hai anos son só unha estrutura de ladrillo.
Tamén o
Banco Pastor, totalmente exposto ao ladrillo, anunciou en 2011, antes de
ser absorbido polo Banco Gallego, a súa promoción do Alto de Santa
Cruz, 36 vivendas de luxo. Por agora só está o cartel na parcela. En
Canide hai decenas de parcelas baleiras desde hai anos, algunhas coa
escavación xa feita. En Lourido, non logran vender o seu pack de parcela
e chalé de deseño que anuncian fai desde hai dous anos.
Máis urbanizacións de golf en Moaña
En Domaio, Moaña, está, probablemente, un caso digno de estudo do boom
inmobiliario e no que están involucrados, ademais, destacados políticos
vinculados ao Partido Popular. En 1990, o Concello de Moaña aprobou a
modificación puntual das normas urbanísticas para permitir un campo de
golf e unha urbanización anexa que non se aprobou ata oito anos máis
tarde. Novamente, e como aconteceu noutras proxectos fracasados, o campo
de golf foi un reclamo para posibles compradores.
Desde entón, 15 anos despois, soamente se fixeron a metade das obras de
infraestrutura (rúas e servizos) e 25 das 462 vivendas previstas, das
que cinco están practicamente rematadas, aínda que carecen de licenza de
ocupación, e as vinte restantes están parcialmente construídas, aínda
que as obras están paradas ata que os promotores constrúan a
urbanización.
Desde o 2010, as vivendas construídas son froito do abandono e do
espolio. Ata 2008, Argavi, a empresa promotora, do construtor moañés
Agustín García Villar, era a principal impulsora do proxecto. No 2003,
Villar conseguiu que o entón alcalde, o popular Javier Barreiro, lle
outorgara 102 licenzas de edificación. Pero en sete anos soamente logrou
pór en marcha a cuarta parte, precisamente, polos seus problemas de
liquidez que obrigaron aos promotores a presentar un modificado do
proxecto de urbanización, que foi aprobado polo Concello en 2010.
O goberno local autorizoulles a iniciar as obras, adxudicadas á empresa Bruesa pero esixiulle que depositase un aval de 310.000 euros. Ao non ser depositado, o goberno moañés paralizou as obras e a construtora decidiu abandonar o proxecto. Algunhas fontes vinculan á ex altos cargos do PP de Vigo neste proxecto.
O goberno local autorizoulles a iniciar as obras, adxudicadas á empresa Bruesa pero esixiulle que depositase un aval de 310.000 euros. Ao non ser depositado, o goberno moañés paralizou as obras e a construtora decidiu abandonar o proxecto. Algunhas fontes vinculan á ex altos cargos do PP de Vigo neste proxecto.
"Alegalidades" en Gondomar
Tamén en Gondomar hai vínculos políticos no abandono de urbanizacións
inmobiliarias. En 2007, o actual líder do PP en Gondomar, Fernando
Guitián Guitián, promoveu, na parroquia de Peitieiros, a construción de
seis chalés que forman a urbanización Solmiñor, hoxe practicamente
acabada.
A licenza para esa obra foi outorgada o 3 de outubro de 2006
-tres meses antes de constituírse a empresa-, polo que Solmiñor estaba
nunha situación de alegalidade. A oferta de Solmiñor para a venda
sinalaba "vivendas completamente independentes de tres plantas cunha
superficie construída de 200 metros cadrados sobre parcelas de 500
metros cadrados". Á urbanización fáltanlle as rúas e os aparcadoiros,
pero a obra foi abandonada antes de rematar as obras por non atopar
compradores das vivendas.
Sen luz na Cañiza
En xaneiro do 2008, Xosé Manuel Martínez Barros, propietario de Marvar,
desaparecía. Deixaba na Cañiza 92 pisos e 6 baixos sen acometidas de
enerxía eléctrica e teléfono. Ao non ter licenza definitiva de
ocupación, Unión Fenosa e Telefónica non puideron prestar os servizos
reclamados polos propietarios. Os veciños tiveron que abandonar as
vivendas. Esta atípica situación obrigou aos donos dos pisos a alugar
outra vivenda coa multiplicación de gastos.
E o desleixo chegou ás vivendas sociais
Tamén en Santiago o Concello decidiu suspender temporalmente o proceso
de tramitación dunha urbanización no Castiñeiriño, que estaba en fase de
preparación para albergar case 200 vivendas públicas. Un proxecto
impulsado por Emuvissa. No polígono 11 comezaron a traballar as máquinas
a principios do ano 2009, tras recibir as empresas promotora e
urbanizadora a oportuna licenza de obras. Aos poucos meses, e cun 15 %
dos traballos de urbanización acometidos, houbo que parar pola quebra
dunha das empresas promotoras do polígono, Sacresa. A firma que
paralelamente executaba a urbanización, FCC, pediu e obtivo a rescisión
do seu contrato.
O desastre do "Miradoiro de Sales", en Vedra
Foi un macroproxecto, con centos de chalés por facer. Pretendía ter o
estilo dunha urbanización de luxo, con piscina, lagoa, centro comercial e
colexio. A idea partiu da promotora Acibro XXI baseada na gran
cantidade de demandantes deste tipo de vivendas que existía na contorna
de Compostela. A urbanización localízase a pouco máis de catro
quilómetros dá capital de Galicia, no concello de Vedra, no lugar de San
Xulian.
O proxecto viu a luz no ano 2000 e por aquel entón contemplábase unha
impresionante urbanización de 118 casas. Tres anos despois,
convertéronse nas catorce que finalmente se construíron e que, hoxe
están, completamente abandonadas desde hai 5 anos. Tras a desaparación
de Acibro XXI do mercado inmobiliario, finalmente vendéronse por 2,4
millóns de euros á construtora Marvil.
Con todo, hoxe ninguén sabe de quen son esas casas porque pasaron
dunhas mans a outras dentro do mercado inmobiliario. Esta situación de
desamparo e o seu abandono motivaron que as súas 14 vivendas foran
completamente saquedas cando se encontraban case que para estrear.
Cristais rotos, persianas rebentadas, cables cortados, madeiras
esnaquizadas e mesmo xanelas arrincadas forman parte da paisaxe que
agora compón o Miradoiro de Sales. O seu abandono é unha chamada para os
ladróns. O local social da parroquia, que se atopa ao carón da
urbanización, tamén foi asaltado hai dous anos. Forzouse a porta de
entrada para despois subtraer numeroso material que os veciños
utilizaban para as súas actividades.
O paseo por esta urbanización é desalentador. Son casas de tres pisos,
con tres cuartos e dous baños por planta e un salón de case 80 metros
cadrados con vistas ao val de Vedra. Un lugar idílico que é hoxe un
monte de cascallos que provoca rabia e dor. Así o comprobamos nunha
recente visita en compaña doutro comunicador.
O "boom" chega ao interior
O Val do Seixo ía ser a gran urbanización de chalés encostados no
Concello da Merca, no lugar de Manchica. Nunha primeira fase
consturíronse 150 vivendas. Habería unha segunda fase con outros 200
chalés que nunca se chegaron a construír. E é que á Merca chegou a febre
inmobiliaria e os donos das leiras pensaron que tiñan tesouros.
Elevaron os prezos das terras e os proxectos quedaron en nada.
12.000 euros de entrada garantían a reserva dun chalé, cuxo valor
oscilaba entre os 150.000 e 180.000 euros. O resto do custo abonábase na
recepción dos chalés terminados. Pero chegou a crise e a empresa pechou
e quedou a comunidade promotora, o subministrador de formigón, o
construtor, venderores de ferramentas e un grupo variado de acredores
como promotores.
Tamén o Concello de Barbadás, próximo a Ourense, viviu un boom
desorbitado. Xusto á beira da N-540, unha urbanización quedou a medio
facer. Algúns dos compradores entregaron xa máis de 35.000 euros pero
tiveron que aceptar a oferta do promotor de comprar un piso noutro lugar
para non perder o diñeiro.
Algúns tiveron que facelo a máis de 100
quilómetros de distancia, no Barbanza, mentres asumían novas hipotecas
para facerse con vivendas no concello ourensá. Pero chegou a crise
bancaria. Ao final, algúns deles quedaron sen as dúas vivendas por non
poder afrontar o pago das hipotecas.
Son exemplos. Unhas pingas nun mar de cemento abandonado. Hai
urbanizacións e casas abandonadas e detrás delas persoas con nomes e
apelidos que perderon, quizais, os aforros de toda unha vida.
Podes ollar unha fotogalería destas urbanizacións." (Galicia Confidencial, 19/02/2013)
No hay comentarios:
Publicar un comentario