19/4/13

Grupo Pórtico, outro xigante galego ao bordo da creba

"Ao igual que Pescanova e Caramelo, a multinacional viguesa, cunha plantilla de 1.200 traballadores, atópase nunha situación crítica e podería presentar pronto o concurso de acredores e un ERE extintivo, ou mesmo botar o peche. A súa débeda ascendería a preto de 39 millóns de euros e as perdas en 2012, a 10 millóns. A banca acredora pechoulle a billa do crédito e a empresa tenta 'in extremis' renegociar o débito. 
 
Grandes empresas galegas están pasando por un transo económico que pode levar a economía galega a escenarios imprevistos e de consecuencias dramáticas para o país. Especialmente grave é a situación que se vive na comarca de Vigo, que afronta este ano unha complicada situación no eido empresarial e laboral. 

Dúas das empresas insignes da área metropolitana viguesa viven unha grave deterioración. Aos problemas polos que pasa Pescanova, no medio dun concurso de acredoresdenuncias e investigacións por presuntos delitos societarios, súmase a precaria situación na que se atopa o Grupo Pórtico.

 A compañía da familia Castro, que viviu anos de gran prosperidade e que fora recoñecida por algúns como unha sorte de Inditex do sur de Galicia polo seu modelo de negocio, atópase tamén ao bordo do concurso de acredores e mesmo non se descarta que poda desaparecer.

Á difícil situación pola que pasan no sur Pescanova e o Grupo Pórtico, hai que engadir outro concurso de acredores na firma coruñesa Caramelo, que presentará ademais un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) pola "caída das vendas no primeiro trimestre de 2012" e "as recurrentes pérdidas de explotación dos últimos anos", explicou a empresa nun comunicado.

O escenario económico para Galicia este ano 2013 complícase máis do previsto e vira a lóbrego.

Tras décadas de opulencia, e logo dunha estratexia errada de expansión comercial nos anos de crise, a viabilidade do Grupo Pórtico —Pórtico, Dayaday, Goovy y Qluz!— está cuestionada desde hai un ano. En 2012 quedaron moi tocadas as súas contas e os síntomas de debilidade son claros: o grupo ten unha débeda total que podería ascender a case 39 millóns de euros, segundo a CIG —con representación no comité de empresa— e as perdas en 2012, non auditadas, serían de entre sete e dez millóns de euros.

 O único que lle salva á compañía, de momento, semella ser a teima do seu fundador, Emilio Castro, de 80 anos, por manter viva a súa obra por unha cuestión de "orgullo", segundo fontes internas consultadas por GC.

Os grandes afectados pola grave situación pola que atravesa a empresa, sita no concello de Mos, son os traballadores. Desde mediados de 2012 a empresa vén tendo problemas para afrontar os pagamentos dos salarios dos empregados e nos últimos meses os atrasos nas remuneracións son xa constantes. 

A isto hai que sumar o Expedente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) que afecta a uns 250 traballadores dos almacéns, loxística e oficinas, o peche de tendas do grupo por todo o Estado e as saídas voluntarias de pesos pesados na dirección, de cargos intermedios e de traballadores que se están producindo no que vai de 2013 ante a "gravidade da situación que vive a empresa" e a "falla de esperanzas de que remonte", sinalan fontes da empresa.

Os traballadores do Grupo Pórtico xa se están acostumando a recibir os pagamentos mensuais dos seus soldos con atrasos que van dende unha semana a un mes. O pasado 8 de abril, a empresa comunicou por vía interna a todos os asalariados do grupo que a nómina correspondente ao mes de marzo non sería aboada integramente, de momento. 

Tras chegar a un acordo co comité de empresa, a dirección informou aos traballadores que debido ás dificultades polas que pasa a sociedade e a falta de liquidez, decidiu aboar só a metade do soldo de cada traballador ao longo da segunda semana de abril e abriu unha nova porta á incerteza que xa abafa aos empregados ao non poder asegurar o pagamento da outra metade do soldo, que se fará "en función da dispoñibilidade", comunicou a empresa. 

"Debido á presistencia nos retrasos no pagamento de nómina, e co fin de minorar os prexuíxos causados, consideramos máis adecuado abonar esta semana (do 8 ao 14 de abril) o 50% da mensual de marzo, en lugar de ir abonando o 100%, ao longo do mes, ás diferentes seccións e empresas do grupo. Respecto ao 50% restante, en función da dispoñibilidade se informará nos próximos días", informou a dirección ao persoal.

A decisión tomouse para non facer distincións entre os traballadores das distintas seccións e marcas do grupo, xa que a compañía viña abonando o 100% das nóminas en función da dispoñibilidade de cartos. A falta de liquidez e a caída das vendas estaba facendo que o grupo pagase por grupos ao longo do mes e os máis prexudicados estaban sendo os traballadores de almacéns e oficinas, cuxos atrasos xa eran dun mes.

Os atrasos nos pagamentos veñen sendo habituais dende finais de 2012 e cada mes que pasa vanse estendendo máis no tempo, producíndose agora a mediados de mes para as empresas asociadas a Pórtico. Amais, acumula un mes de débeda cos empregados que traballan nas oficinas e almacéns de Mos, que veñen de percibir en abril as nóminas de febreiro. 

Ademais, a empresa aínda adebeda a paga extra de beneficios de marzo e ten dificultades para pagar en tempo os gastos dalgunhas supervisoras das tendas, que están perdendo poder adquisitivo, xa que teñen que adiantar eses gastos para os seus desprazamentos e manutención. Houbo casos nos que a débeda da empresa coas traballadoras encargadas de supervisar as tendas foi de entre 400 e 1.000 euros, aproximadamente. 

O grupo está facilitando a saída voluntaria —sen negociar despedimentos nin o paro— dalgúns traballadores que "xa non soportan máis esta situación", comentan fontes internas. Porén, cando menos uns 30 traballadores agardan dende finais de 2012 a que a empresa lles facilite a súa saída.

As mesmas fontes aseguran que a situación, lonxe de mellorar, seguirá deteriorándose e ven moi complicado que se regularicen os pagamentos nos próximos meses. De feito, hai mesmo rumores dentro da propia sociedade que apuntan a que "dificilmente a empresa pasará de xuño".

A empresa ten catro opcións:

1) Aguantar canto poda no tempo e encomendarse aos prognósticos que fixo a propia dirección a principios deste ano, que estimou que haberá un aumento das vendas no último trimestre deste ano que podería aliviar un chisco a grave situación económica pola que atravesa a sociedade.

 Porén, o prazo semella demasiado longo e a negativa dos bancos a conceder créditos ao grupo non lle permitiría pasar do verán sen presentar un concurso de acredores. Arestora, a dirección tenta chegar a un acordo coa banca para renogociar a débeda, que a CIG calcula que podería achegarse aos 39 millóns de euros.

2) Buscar compradores que queran facerse con algunha das empresas ou coa totalidade do grupo e das súas infraestruturas, incluído un dos almacéns de loxística máis avanzados do Estado. A dirección xa tentou vender hai uns meses a marca Dayaday sen éxito polas súas altas pretensións e a venda da totalidade do grupo semella unha quimera xa que o orgullo do seu fundador por manter nas súas mans a súa obra orixinal, a marca Pórtico, sería o principal impedimento.

3) Solicitar o concurso de acredores. É a posibilidade que ve máis probable o comité de empresa e os rumores sobre esta vía de solución vanse afianzando na compañía.
4) Botar o peche. Sería a solución máis dramática, pero a CIG non desbota que se poda producir en calquera momento, dando así carpetazo a case medio século de historia de Pórtico.

Ás cáidas nas vendas e os ingresos, e ao peche de tendas, súmanse os problemas de financiamento que está padecendo o grupo. A banca acredora de Pórtico está composta por oito entidades financeiras, sendo Novagalicia Banco a que está máis exposta á débeda da compañía viguesa. Os bancos decidiron pecharlle a billa do crédito á familia Castro, que agora tenta in extremis cando menos renegociar e unir a súa millonaria débeda a curto e longo prazo.

As negociacións están sendo moi complicadas; de feito, xa se veñen producindo dende o ano 2012, pero o tempo e a falta de liquidez apreman e o Grupo Pórtico está tentando pechar un acordo antes de que remate este mes de abril. Para iso, terá que presentarlle todas as súas contas de 2012 aos bancos e a súa débeda para estudar se é viable un refinanciamento, o cal semella bastante complicado, tendo en conta que "as perdas en 2012 cando menos doblaron as de 2011" e que "as previsións para este ano son moito peores", aseguran dende a CIG.

"Se os bancos non aceptan o refinanciamento da débeda ou non aparecen inversores, non haberá outra solución que o concurso de acredores", din dende a CIG. Os avogados cos que traballa o comité de empresa tampouco desbotan que a última solución da dirección sexa o peche do Grupo Pórtico se non atopa financiamento, se ben consideran que, de momento, "por tratarse dunha empresa familiar, e polo seu orgullo, a opción que ten agora máis puntos é o concurso de acredores acoplado ao ERE extintivo que eles queran",
A día de hoxe, as previsións de mellora das contas vense moi lonxe e moi dificilmente a empresa aguantaría até finais deste ano ou principios de 2014. 

Durante o ano 2012, a dirección encomendouse a Dayaday para salvar os mobles de Pórtico. Esta marca de bixutería e complementos, fundada en 2006, era a única con perspectivas de cremento e tiña ganancias. Pero o grupo viña arrastrando perdas anuais nos últimos tres exercicios de entre 3 e 3,5 millóns de euros. 

Por iso, a dirección apostou por unha expansión comercial de Dayaday e abriu novas tendas e corners por todo o Estado para "crecer e reinvestir as ganancias en Pórtico", aseguran os representantes sindicais. Porén, e segundo comentaron a GC as fontes do comité de empresa, Dayaday deu por primeira vez perdas en 2012 e contribuíu a inflar as do grupo.

 As contas de 2012 non foron aínda entregadas, pero os representantes sindicais calculan que as perdas o pasado ano poideron ser dun mínimo de sete millóns de euros e mesmo chegar aos dez millóns. De feito, a propia dirección recoñeceu ao comité de empresa que cando menos serán "o dobre" que as de 2011.

Fontes da propia empresa sinalan que houbo algunhas negociacións que non chegaron a bo porto debido ás "altas pretensións" da dirección e ao "orgullo" do dono de Pórtico. Hai poucos meses, o grupo estivo a piques de vender a marca Dayaday —a máis rendábel do grupo— para salvar a Pórtico. A operación frustrouse polo alto prezo que lle puxo a familia Castro a súa marca: 6.200.000 euros. 

Entre os posibles compradores da marca Dayaday estiveron Tous e Marypaz, pero finalmente abortaron as negociacións polo alto custo da operación. Amais, a compañía galega pretendía incluír na negociación a subcontratación aos compradores da súa infraestrutura loxística de Mos por dez anos, a razón dun millón de euros por ano.

Os últimos datos sinalan que o grupo conta cuns 1.200 traballadores e arredor de 150 tendas repartidas case a metade por Galicia e o resto por diversos puntos do Estado español, Portugual, Italia e Latinoamérica. Entre os anos 2005 e 2008, a dirección decidiu reinvestir os beneficios no seu complexo loxístico en Mos, considerada unha das plantas robotizadas máis avanzadas no Estado.

A política sempre foi supeditar os investimentos, aperturas e contratos á conta de resultados do grupo, Pero desta vez a crise pola que pasa a compañía levou á dirección a tomar iniciativas distintas e máis arriscadas, como foi a expansión de Dayaday por todo o Estado no momento económico máis crítico nestes anos de crise en todo o Estado.

A dependencia de Pórtico do sector inmobiliario en España tamén motivou unha estratexia de expansión por Latinoamérica nos últimos tempos, especialmente en Chile. Pórtico e Dayaday contan en conxunto cunhas 40 tendas abertas en Venezuela, Chile, Uruguai, República Dominicana, Costa Rica, Honduras, El Salvador e Nicaragua. 

Ademais, malia as perdas acumuladas e a débeda, apostou por reforzar a canle maiorista en Portugal, Italia, no norte e centro de Europa e no resto do Estado español, agás nas comunidades onde ten tendas propias, como Madrid.

Fontes da sociedade explican que a empresa de mobles e decoración Pórtico arrastrou as demais marcas do grupo. O seu fundador e presidente, Emilio Castro Rodríguez —medalla de ouro do Círculo de Empresarios de Galicia-CFV en 2011—, non estivo en ningún momento disposto a ver nos seus últimos anos de vida como se afunde a súa obra e a sacrificar a liña de mobles e decoración por salvar outras empresas postas en marcha pola segunda xeración da familia, como Dayaday, rendíbel até 2012. "Pórtico arrastrou as demais marcas do grupo", din fontes da empresa consultadas por GC."      (Galicia Confidencial, 18/04/2013)

No hay comentarios: