* Unha decena de empresas opacas para evadir impostos e manexar a capricho a autocarteira.
Entre os dez conselleiros e altos cargos de Pescanova imputados nunha
primeira tacada polo xuíz Ruz non ten o dubidoso honor de figurar
Alfonso García Calvo, un importante testaferro de MF, que fora
administrador de Novapesca e apoderado de Pescanova, o seu enlace de
confianza cun grupo de empresas secretas, domiciliadas en paraísos
fiscais.
Digámolo axiña: durante décadas MF ten empresas ocultas en Madeira,
Panamá, USA, IIlas do Canal, Malta, Uruguai e Illas Virxes, entre outros
paraísos, para defraudar impostos á súa querida patria, empresas cuxa
mera existencia desmente e bota por terra calquera coartada moral de MF
como valedor do idioma galego, da cultura, mecenas artístico, Galego do
Ano, empresario do mes e emprendedor do século.
Ademais de todo o que
imos sabendo, a simple aparición destas contas opacas en paraísos
fiscais contamina a todas as amizades perigosas, especialmente aos
políticos máis próximos a el, que durante anos comeron na man de MF e
lle deron de comer. Igual que Jack o Destripador, revelouse como un
asasino en serie nas noites de Londres, MF foi durante vinte anos un
defraudador de impostos en serie.
A evidencia dixital atopada polos forenses nesta autopsia remóntase
polo menos ao ano 2001. No ordenador de García Calvo, no cartafol de
“elementos eliminados”, hai que ser torpe, os investigadores xudiciais
atoparon unha folla de cálculo co título Accio0401 na que consta o
diagrama dun novo pool de empresas ocultas, o Grupo Agrofood. A
diferenza das tramas anteriores, relacionadas directa ou indirectamente
co Holding Pescanova aos efectos de virar facturas falsas e liñas de
crédito imaxinarias, no caso de Agrofood non hai ningunha conexión co
holding, salvo o fío condutor de Alfonso García Calvo e todos os seus
pasos aprobados por escrito por MF.
De novo temos que agraciar aos lectores cuns cantos nomes enxeñosos, a
propósito do cansino de tan longa listaxe de sociedades mercantís –que
non empresas, desde logo-, pero a inventiva non é nosa, senón de MF.
Estas son as sete magníficas das que MF se valeu para hospedar o seu
diñeiro en paraísos fiscais:
Agrofood Corporation, domicilio social en Delaware (USA), apoderado solidario, Alfonso García Calvo [AGC].
Worshipful, domicilio en Madeira; apoderado AGC, participada por
Pitow Holdings Ltd. (sé en Malta?) e Nielton S.A. (sede en Uruguay).
Pitow e Nielton eran fiduciarias de Eurofisheries Trading.
In hoc Tempore, igual que Worshipful, domicilio en Madeira, etc. As
mencionadas Pitow e Nielton eran á súa vez fiduciarias de Eurofisheries
Trading:
Eurofisheries Trading Ltd., operaba desde Xersei con domicilio
social en Illas do Canal; participada ao 99,9% por Agrofood e, ollo ao
dato, 0,00003% de Pescanova S.A., sendo director AGC e apoderados
mancomunados e solidarios o propio Alfonso e Luis Mediero Cabiedes,
tamén empregado de Pescanova.
Rio Piles S.A., operaba desde Chile con esquema similar á anterior;
participada por Eurofisheries co 99,9% e o resto a nome de Víctor
Tarigo Bonizzoni, presidente de Pescanova en Sudamérica.
Sarpesca, tamén en Chile e á súa vez formada pola anterior, Rio
Piles (55%) e por Pescachile (45%), pero alleas ao holding propiamente
dito.
Frozen World Wide, domicilio en Panamá, socio único Eurofisheries
Trading, apoderados catro directivos de Pescanova en Sudamérica: Enrique
Pereira, Alberto de Angelis, Pelayo Arocena e o mencionado Víctor
Tarigo.
A operativa fiduciaria asentada en todos estes testaferros de confianza
é anterior a 2001, ano no que se documenta a compra en Madeira de
Worshipful, cabeceira do Grupo Agrofood:
Manuel: recibín informe de Madeira. Parece ser que as sociedades
rexistradas en 1999 non pagan impostos e as do 2000 tampouco, aínda que a
Comisión Europea iniciou un procedemento contra Portugal xa que
pretende que desde ese ano 2000 xa se paguen. Isto é así xa que a partir
do ano 2001 hai un imposto de 1% subindo cada ano ata o 2011 en que
desaparece o estatus especial de Madeira.
Tal como comentamos, vou comprar unha sociedade chamada
WORSHIPFUL-COMERCIO INTERNACIONAL E SERVISOS, LDA. (Máis adiante pode
cambiarse o nome). Esta sociedade será oficialmente propiedade duns
socios postos polo noso administrador cun contrato de fiducia en favor
de Eurofisheries. O director poñerano eles (aínda que eu terei un poder
para usar en caso excepcional) e el abrirá unha conta corrente en Banco
dei Roma que manexarei con ordes que me deixará asinadas en branco, de
tal xeito que eu non figure.
[Mail de Alfonso García Calvo a MF o 7 de febreiro de 2001]
A ver se o entendemos ben: desde Chapela, contemplando as illas Cíes e
no horizonte, mar por medio, Nova York, García Calvo e Sousa
entretéñense en crear unha sociedade en Jersey –Eurofisheries- na que
Pescanova posúe o 0,0003%, e aí pérdese o seu rastro, que á súa vez
compra, fiducia ou administra outras empresas en Madeira -Worshipful, In
hoc Tempore- que á súa vez teñen contas no Banco di Roma, desde as que
se fan transferencias asinadas en branco (a onde?, cara ás empresas de
Panamá?).
Logo de darlle moitas voltas, non conseguín entender qué relación ten
todo isto coa pesca e a comercialización de pescadas e langostinos, coa
acuicultura e con ser a quinta marca do mundo mundial e primeira de
Chapela. Contaríalle estas cosas don Manuel Fernández a don Manuel Fraga
nos seus ágapes preelectorais? Ou mellor aquilo do Evanxeo: que a túa
man esquerda non saiba o que fai a túa man dereita.
O mesmo 7 de febreiro, AGC envía outro correo para vender rodaballos á
sociedade Madeira Fiducia Management, representada por Bruno Sá
Figueira:
Estimado Nuno: 1. A sociedade que vai comprar e coa cal faredes o
contrato de fiducia é Eurofisheries Trading, Mulcaster Street, St.
Helier, Xersei JE4 8XZ, Channel Islands.
2. O apoderado son eu, AGC, pasaporte 36XXXXXXXA e domicilio en c/ XX, Vigo. A sociedade a comprar é Worshipful.
3. Eu quero traer o martes 13 un poder… etc.
Saúdos, A. García.
No sumario –documento 115 do Informe forensic- consta a vinculación de
AGC con tres sociedades ocultas en Panamá -Metco Investments, Mahina
Holdings e Magrave Investments-, probablemente destinatarias finais das
transferencias, pero nalgún momento o fío pérdese no nobelo, mais,
quizais o lector xa ten resposta á nosa pregunta inicial: Onde está o
diñeiro?
Ademais de aparcar beneficios e defraudar impostos, a trama Agrofood
serve a MF para comprar e vender accións de Pescanova ao seu antollo,
secretamente, sen ter que dar contas á CNMV nin aos conselleiros, nin a
ninguén. Trataríase de accións de autocarteira (o volume da autocartera
estaba en torno ao 5% a finais de 2012), fóra do control dos demais
socios. Así, en xaneiro de 2012, o apoderado Luís Mediero, xefe de
terceira de Pescanova, escribe a MF con copia a Alfonso:
Bos días, achego datos solicitados:
Worshipful accións: Existencias: 51.836. Custo medio: 58,2
Lafonia accións: Existencias: 331.551. Custo medio: 29,3
Días despois, Alfonso informa a Sousa:
Manuel: coma todos os anos, doulle a Alfredo as representacións de Worshipful e Lafonia para a xunta a favor do presidente.
Sousa responde lacónico, coma sempre: “OK. MF”
Pero, a estas alturas da partida, entre agosto e novembro de 2012, coa
crise macerando nas bodegas do barco, estas sociedades empezaban a ser
incómodas.
Manuel: De acordo ao que me comentaches tempo atrás, unha vez vendida a
carteira do noso valor que tiñamos nesta sociedade [Worshipful,
Madeira] creo que podería ser conveniente liquidala. Se estás de acordo
póñoo en marcha. AGC
A resposta leva o selo de Corleone:
OK, liquídaa. MF [Mail de Sousa a Calvo o 13-11-12, 10:27 h.]
E tamén Carlos Turci, outro de confianza, o inventor en 2004 da
enxeñería triangular e piramidal, do triángulo inscrito na
circunferencia financeira, está ao corrente de todo desde o primeiro ata
o último día. MF infórmao persoalmente en xaneiro de 2013 das
operacións de venda de accións ocultas á CNMV e a todo o mundo:
OK. Hoxe vendemos outros 350.000€ en accións. É difícil vender
moito por falta de liquidez. Creo que vendemos un total de 1M€.
Quédannos uns 420.000 títulos que son uns 6,5 M€. Mañá intentaremos
vender máis. Témolas a un custo de 25€, polo que perdemos case un 50%.
(…) tamén me chamou Luís Cabanas para dicirme confidencialmente que o 17
executan aos Barreiras, polo que o 2,5% de accións que teñen en
Pescanova sairán á venda durante os 60 días seguintes (están obrigados a
vendelas en 60 días). Iso prexudícanos co Equity Swap e as que temos
que vender en Lafonia. MF [Mail a Turci, 2 de xaneiro de 2013, 23:14 h.]
Ningunha destas sociedades opacas comprou ou vendeu nunca un rodaballo
ou un langostino; en 2012 facía moito tempo que a ocupación principal de
Sousa era evadir diñeiro, defraudar impostos, comprar e vender accións
ás costas da CNMV e especialmente dos socios. Todos os achegados á
famiglia, Turci, García Calvo, Alfredo, Mediero, reportan directamente
ao Xefe que toma as decisións últimas persoalmente e, sen inmutarse,
ordena: “OK, liquídaa. MF”.
Este libro presentase
o luns 28 na Casa do Libro de Vigo (19:30 h.) e o martes 29 na Nave de
Vidán en Santiago, á mesma hora, nun acto que presenta o director de
GC, Xurxo Salgado." (GC publica en exclusiva un avance do libro 'Pescanova Crimen Perfecto', do noso colaborador Valentín Carrera.Galicia Confidencial, 28/10/2013)
No hay comentarios:
Publicar un comentario