"ALGUÉN LLE FIXO UN MEIGALLO A COMPOSTELA, hai tres anos o PP escolleu
como candidato a alcalde a Gerardo Conde Roa. Era unha elección
incomprensíbel, toda a cidade sabía das súas dificultades persoais e
económicas: foi unha elección absolutamente irresponsábel.
Se saía
alcalde condenaba á cidade á incertidume e a un cataclismo en calquera
momento. Así foi. Meses antes das eleccións municipais Conde Roa algúns
medios de comunicación,non todos, informan de que está a ser investigado
por Hacienda por delitos económicos. Unha semana antes das eleccións a
súa man dereita celebra anticipadamente a victoria e fica inconsciente a
bordo dun automóbil, parado no medio da estrada.
Malia todo iso, unha
semana despois Conde Roa sae elexido alcalde. Que pensaban os meus
concidadáns no momento no que escollían a súa papeleta electoral?
E INMEDIATAMENTE,UNHA SEMANA DESPOIS, DESAPARECE O "CODEX CALIXTINUS". Un feito rocambolesco que se vai prolongar durante un ano enteiro, mentres os santiagueses fomos sendo informados por "radio macuto", como nos peores tempos, de todo tipo de disparates económicos e eróticos relacionados coa venerábel catedral.
FALTA O NENO XESÚS do Belén na praza do Obradoiro: non pararán de ocorrer cousas chuscas.
CONDE RODA É APARTADO DA ALCALDÍA pola forza da xustiza, detrás del fica un grupo municipal dividido e enfrontado a morte. Semellante desfeita págaa a cidade.
APARECE O CÓDICE, e "o electricista" e mais o deán.
E NA VÉSPERA DO DÍA NACIONAL DA GALIZA, NA VÉSPERA DO APÓSTOL: un tráxico tren trae morte e non dá tregua.
E AÍNDA TIVEMOS QUE PERDER UNHA MENIÑA levada polo crime máis noxento.
A CIDADE PRECISA UN EXORCISMO OU QUE VEÑA UN MENCIÑEIRO SANADOR.
QUE XENTE É ESTA QUE TEN OCUPADO O CONCELLO? Como chamarlle a esas persoas agrupadas en dous bandos que se matan entre eles sen que lles importe a cidade? Un bando faise coa alcaldía, o outro ameaza con suicidarse (non o fan, non teñen palabra tampouco).
CORRUPCIÓN, PUFOS, PERSECUCIÓN DE FUNCIONARIOS E TRABALLADORES...A cidade non importa, eles están no poleiro, mándanse navalladas entre eles, túrranse polos cabelos, e no medio están os funcionarios atrapados nesa loucura. Os traballadores do concello e a cidade toda a mercede dunha cuadrilla.
NIN SEQUERA QUEN VOTOU POR ESA CANDIDATURA MERECE o que lle ocorre a Santiago. Nunca a cidade viviu algo así e non temos por que aturalo. (...)" (Suso de Toro, El País, 08/02/2014)
No hay comentarios:
Publicar un comentario