Imaxe do Pórtico da Gloria despois da restauración das súas policromías. Foto: Fundación Barrié.
"En 2009, o Programa Catedral de Santiago —sufragado pola Fundación Barrié con máis de 11 millóns de euros e coordinado por Ana Laborde—
iniciou os diagnósticos que conduciron á restauración do Pórtico. Seis
anos despois, montouse o andamio e comezou “a intervención directa sobre
os materiais”.
Segundo indican desde a Barrié, a decisión de
intervir sobre o emblemático lugar adoptouse debido ás “evidencias do
seu dramático deterioro, acelerado nos últimos dez ou quince anos”. As
probas manexadas, sobre todo material fotográfico, levaron o equipo de
restauradores e restauradoras a considerar “urxentes” os traballos.
“Estabilizouse o conxunto e preservouse a policromía
que aínda se conserva”, sinalan na fundación, “dun risco inminente de
perda definitiva, conservándoa para futuras xeracións”. Policromías,
sería máis axustado dicir.
As tres fases
Porque na representación de apóstolos e profetas, do Xuízo Final e outras escenas do Antigo Testamento, obra do Mestre Mateo —e outras tres mans, como mínimo, segundo os estudosos—, houbo polo menos tres fases diferentes de coloración. Todas en óleo.
A primeira man de pintura data do Medievo. É dicir,
da época en que se construíu o Pórtico —entre 1168 e 1188. “Dela
consérvanse bastantes vestixios”, informa a Fundación Barrié na nota de
prensa en que anunciaron o remate das obras hai tres días, “como se pode
aprezar no anxo que porta a columna ou nos que portan a cruz”. Cada
unha das esculturas foi examinada no lugar mediante “microscopía
estereoscópica”.
Albaialde, lapislázuli, vermellón, pigmentos de
terras, pigmento laca vermella, resina de cobre, acetato de cobre,
carbón negro vexetal e negro de ósos, “sempre amalgamado con aceite de
liño”, eran os materiais cos que pintaron esa primeira policromía.
Houbo
que agardar ao Renacemento, cando se modificou por primeira vez a
portada exterior da basílica, para a segunda intervención de cores. Foi
no século XVI e supuxo a decoración de mantos e túnicas con brocados
aplicados, técnica de orixe flamenca.
A terceira policromía foi no século XVII. É a que se
atopa máis visíbel na actualidade, achegou “un carácter barroquizante” e
entre os autores atopábase Crispín de Evelino.
Este artista policromou rostros, mans e pés en 1651.
Deixou constancia
nun documento, depositado no arquivo da catedral e que constitúe “o
único documento que se conserva sobre as policromías do Pórtico da
Gloria”.
Desde aquela, houbo “policromados parciais” destinados a reparar “as zonas máis degradadas”.
A restauración que agora se presenta seguíu
“criterios de intervención moi conservadores. Mantivéronse todos os
restos de cor conservados e retiráronse unicamente os depósitos nocivos
acumulados sobre a superficie e que poden afectar a estabilidade dos
materiais históricos”. (Sermos Galiza, 02/07/18)
No hay comentarios:
Publicar un comentario