"Non hai goberno que na teoría non sbscriba que o I+D+i
(Investigación, desenvolvemento e innovación) é un alicerce
insustituíbel no progreso dun país. Entre eles, o goberno galego. O seu
presidente, Núñez Feijóo, ten nos seus discursos máis importantes un
lugar de luxo para se referir ao I+D+i e á súa importancia. Volveuno
facer na Mensaxe de Fin de Ano.
Até aquí a teoría. Na práctica, e desde o inicio da crise e até 2013,
o que o goberno galego fixo con este sector foi aplicar unha política
constante de recorte tras recorte. Reducións moi por riba da media do Estado español e
que deixaron xa os seus efectos: Galiza pasou de ser no 2008 o sétimo
territorio do Estado en investimento en I+D+i, cun 0,9 por cento do seu
PIB, a ser no 2013 -e segundo dados do Instituto Nacional de Estatística- a decimo-terceira. Caída de seis postos.
Nese período a Xunta recurtou case un 20% nas partidas destinadas a ese eido, mentres que a media no Estado foi do 11%, nove puntos menos.
Iso tivo unha tradución clara na perda de máis de 1.400 empregos en
Galiza vencellados a investigación, desenvolvemento e innovación, dos
cales 1.287 foron de investigadores. Malia os recortes, por volta de
9.300 persoas seguían traballando en I+D+i no noso país. Neses cinco
anos a ‘austeridade’ da Xunta apostou en detraer 116 millóns de euros ao I+D+i galego.
En só doce meses, entre 2012 e 2013. a tesoirada que o goberno Feijóo
meteu no sector foi de nove millóns de euros, recortando un 3,9%.
Novamente, un machadazo moi por riba do que era media no Estado español
(un recorte por baixo do tres por cento, 2,8%)." (Sermos Galiza, 03/04/2015)
No hay comentarios:
Publicar un comentario