11/6/15

Feijóo saca peito co sexto menor crecemento económico de Europa: "É igual que Alemaña". A economía galega está estancada

"A economía galega está estancada. Foi así en 2014 e continúa séndoo en 2015 tanto segundo os indicadores habituais como atendendo aos de nova creación. O escaso dinamismo económico e laboral veñen favorecendo que o país se afaste cada vez máis da converxencia coa Unión Europea na que avanzara durante a década pasada. 

Este é o escenario polo que o presidente da Xunta foi cuestionado este mércores no Parlamento, onde Alberto Núñez Feijóo deu en aferrarse á foto fixa dos últimos datos de crecemento do PIB para sacar peito. Galicia, proclama, medra "igual que Alemaña".

A pregunta fora formulada polo voceiro do BNG, Francisco Jorquera, quen lamentou o "retroceso" de "dez anos" no que atinxe á converxencia coa UE, toda vez que agora "a riqueza per cápita en Galiza é inferior en 17 puntos á media europea" mentres que hai apenas media década a diferenza era de 8 puntos. (...)

"Mentres vostede especula para dar o salto a Madrid deixa un deserto económico e social no noso país", censura. (...)

 Neste contexto o presidente da Xunta gábase de que a "discusión" sexa se Galicia "medra moito ou pouco", xa que "o certo é que medra". Nomeadamente, eloxia, "Galicia está medrando igual que Alemaña" e "máis que Italia e Austria".  (...)

Os datos aos que se refire o xefe do Executivo son os da evolución interanual do PIB. Recollendo a información do Instituto Galego de Estatística, por unha banda, e de Eurostat, pola outra, é posible comprobar que, efectivamente, no inicio do ano 2015 o crecemento da economía galega, do 0,9%, foi moi semellante ao da alemá, do 1,1%. 

 Se ben isto é certo non o é menos que o crecemento galego foi o sexto máis baixo de toda a Unión Europea, moi afastado tanto do de España (2,9%) como dos países que máis medran: Romanía, República Checa e Malta, os tres por riba do 4%. 

Non obstante, o optimismo dos datos expostos polo presidente rebáixase ao profundar un chisco máis neles. Así, por exemplo, o propio Eurostat acredita que, mentres que Galicia se afasta da converxencia europea, toda Alemañá agás oito territorios da antiga RDA manteñen unha renda per cápita superior á media europea. A esta diferenza contribúen, entre outros factores, a evolución dos salarios, que no conxunto da Unión Europea só minguaron entre 2008 e 2010 mentres que, segundo os datos máis recentes, en Galicia caen dende o ano 2009. "             (Praza Pública, 10/06/2015)

No hay comentarios: