"(...) se hai algún consenso establecido en Galicia, ese é o que existe sobre La Voz de Galicia. Todos concordan na súa superior capacidade de influencia política. (...)
Todos parecen xulgar que, en Galicia, fora da Voz non hai salvación, e
que sen ilustrar as súas páxinas en fotos de primeiro plano todo é erro
ou divagación. Para a maior parte dos dirixentes políticos non hai outro
who´s who que o que a Voz decide.
Á hora da verdade, todos
pasan pola sé do xornal de Arteixo a cumprir o que entenden é unha
obriga de vasalaxe. Aí están as hemerotecas para dar fe. É cousa que
enche de marabilla. (...)
A campaña que orquestrou contra o bipartito nos últimos días de
campaña, en coordinación coas correspondentes axencias de comunicación
do PP –Swap era o nome, segundo nos revelou Xosé Manuel Pereiro- foi
lida por todos como sendo decisiva para a vitoria da dereita.
Precisamente un dos principais erros estratéxicos que o tal goberno foi
poñerse nas súas mans.
Sábese que o día das eleccións Santiago Rey,
xunto cun grupo reducido de persoas, algunhas da elite económica, outras
comentaristas do medio, celebrou a derrota do bipartito como asunto
propio abrindo unhas botellas. Iso non foi obstáculo para que os
ofendidos buscasen ao día seguinte a Pax: era, de feito, a pax romana na
que o vencedor impón as súas condicións draconianas. Veremos se no
ciclo que se abre non se repite a historia..
Agora ben, é a Voz tan importante e decisiva? A resposta é moi simple:
non. Por dous motivos. O primeiro, a súa constante perda de lectores. É
unha baixada no número de vendas e de difusión que ten raíces complexas.
Dende logo, á Voz aféctalle a crise xeral da prensa escrita.
Pero tamén
xoga un papel o descrédito que leva aparellado unha intervención
política tan explícita. Sexa coma for, segundo a OJD o xornal La Voz de Galicia perdeu un 11,9% das súas ventas na comparativa interanual entre abril de 2014 e o mesmo mes de 2015. Se a Voz vendía o ano pasado 36.677 exemplares a cifra redúcese agora a 32.325. En
difusión baixa dos 77.470 exemplares aos 72.160.
Se se fai unha
comparativa coas cifras de hai unha década entenderase que o descenso
foi espectacular: no ano 2000 as vendas achegábanse aos 83.000 números.
Por outro lado, a elección de Xulio Ferreiro mostra ata que punto a
posición da Voz foi irrelevante na Coruña, a cerna da súa hipotética
influencia. Pero o mesmo se podería predicar en Vigo e tantos outros
sitios.
Pero o segundo motivo é o máis importante. A proliferación de canles de
comunicación e entretemento, sexa audiovisual –radios e televisións-,
sexa na rede, coa aparición de novos medios dixitais, sexa a expansión
das redes sociais fai que o papel relativo de cada medio en particular
sexa cada vez máis cativo.
Que os rapaces por debaixo dos 30 non len
xornais e que acoden a informarse ás redes sociais é xa unha afirmación
estereotipada. El Pais xa non é o medio de referencia que
deixara apuntado Vidal Beneyto non só por este motivo, pero tamén por
el. O mesmo pasa coa Voz en Galicia: forma parte da polifonía, pero non é
capaz de que o seu ton se escoite cun acento tan decisivo... Agás nos
aparellos políticos, adictos a ese cabalo.
Para eles, sexan da cor que
sexan, a Voz segue gozando do virtual monopolio do mapa mental, mesmo
contra toda evidencia empírica medible. É un exemplo de adicción
insuperable, un mono constante que os ten atados a unha experiencia
masoquista, e, o que é peor, a unha visión do país no que certas elites
son insubstituíbles.O mesmo lles pasou antes co tándem Méndez-Gayoso.
Foi a Merkel quen os botou fóra, non eles. Eles foron moi mandadiños.
No entanto, hai un elemento que si é incontrovertible: en Galicia non
hai –aínda non hai ou segue sen haber- un medio no que poda cristalizar e
verse reflectida a opinión galeguista e progresista. Esa é a verdadeira
debilidade mediática da oposición á prolongada hexemonía conservadora.
Os dixitais actualmente existentes aínda carecen desa masa crítica que é
necesaria para marcar a axenda e organizar un mapa mental que non sexa
tributario do que a diario crean os medios de dereita –todos os escritos
no país-. Parece que un novo ciclo político enceta no país -loubado
sexa o Señor-: estará coxo se non resolve esta anomalía." (Antón Baamonde, Praza Pública, 09/06/2015)
No hay comentarios:
Publicar un comentario