15/10/15

Belén Tajes, vítima de discriminación lingüística: "Non temo ser despedida porque estou orgullosa de denunciar o meu caso"


"Belén Tajes é a profesora de música á que o centro infantil coruñés de ensino non regrado Jungle World lle impide empregar o galego na actividades coas crianzas. 

(...) Cal foi a súa reacción cando recibiu a circular que impide expresamente o uso do galego nas actividades do centro?

Sabía que ía por min, porque son a que leva máis tempo traballando cos nenos e coas nenas en galego. Sentinme moi indignada e indefensa. Non sabía a quen recorrer nin que facer, mais era consciente de que o que dicía a empresa rozaba a ilegalidade. Descoñecía até que punto unha empresa privada pode facer este tipo de exclusións.

Como cres que vai actuar a empresa con vostede cando se presente no seu posto de traballo?

Xa me dixeran en conversa privada que podía haber algún tipo de sanción e no escrito que nos remitiron ás traballadoras advírtese de que usar o galego significa incorrer nunha sanción grave. Así que, segundo o que dixeron, supoño que van tomar medidas contra min. (...)

Coñece outras persoas ás que lles pasase o mesmo que sufriu vostede?

Teño lido na prensa noticias de persoas ás que lles pasou algo semellante, mais nunca pensei que me fora pasar a min un caso semellante.

Por que cre que se producen este tipo de condutas galegófobas?

Creo que existe unha profunda ignorancia do que é legal. Paréceme incríbel que a directora do centro tivese o valor de poñer o que puxo por escrito. Creo que non era consciente que por riba das normas internas dunha empresa privada están os dereitos meus como persoa a expresarme en galego e o dereito dos nenos e das nenas a recibir unha actividade en galego. Penso que tamén se debe a unha falta de educación e de apego pola lingua.

Como se poden impedir casos como o seu?

Hai que denuncialos. Trátase dunha cuestión educacional. Supoño que terei que soportar as consecuencias, mais é un deber denuncialo. É a lingua dos nosos avós e iso ten que estar por riba do que veña. Ademais, debemos facer un labor importante cos nenos e coas nenas para que saiban valorar o idioma.  (...)

Que recomendacións lle daría ás persoas que sofren casos coma o seu?

Anímoas a denunciar, a loitar contra os prexuízos asociados á lingua galega e a dignificala.

Teme ser despedida?

Non, porque estou orgullosa do que acabo de facer. Son consciente de que vai ter consecuencias. Aínda así, non podía durmir sabendo que nun traballo que adoro, a música, non ía poder cantar en galego. Hoxe irei ao traballo co orgullo de poñer en coñecemento da xente unha situación tan vergoñenta."                (Sermos Galiza, 15/10/2015)

1 comentario:

Adriana García dijo...

un aplauso para esta xóve loitadora polos dereitos das persoas. Ainda non sabedes o pulo tan grande que nos está a dar.