"(...) Nas eleccións municipais de maio moitas das candidaturas
elevaron os orzamentos participativos a un lugar destacado dos seus
programas, de xeito que esta lexislatura pode ser decisiva para a
consolidación destas prácticas.
Porén, para chegar ao deseño partcipativo dos orzamentos, hai que
percorrer primeiro un camiño, crear estruturas de debate e codecisión e,
por exemplo, levar a cabo experiencias piloto nalgunha área.
É o
caso de Compostela, que este martes inicia o proxecto piloto de
orzamentos participativos para o 2016, que se desenvolverá na área de
Mocidade, un departamento que conta cun orzamento pequeno -100.000
euros- e que, pola natureza dos seus proxectos e destinatarios e
destinatarios, pode ser propicio para probar estas novas fórmulas de
deseño colectivo.
María Rozas, concelleira de Facenda, adiantaba hai uns días en entrevista con Praza que
"estableceremos un cronograma para 2016 para ter o que entendemos por
uns verdadeiros orzamentos participativos, con asembleas de barrio que
decidan determinada porcentaxe do capítulo de investimentos xa en 2017" e
salientaba que "para ter orzamentos participativos hai que ter
ferramentas de participación, e nos últimos anos desapareceron as poucas
que había. Primeiro hai que implantalas e despois, traballar o tema
orzamentario".
O Centro Sociocultural do Ensanche acollerá a partir das 20 horas unha
primeira xuntanza, aberta a todos os mozos e mozas entre 16 e 30 anos
residentes na cidade (non só ás persoas censadas, senón tamén ao
estudantado universitario de fóra), na que se escollerá entre todas as
persoas participantes un Grupo Promotor encargado de supervisar
o proceso do punto de vista non institucional.
Constituído este grupo,
que elaborará o seu propio regulamento e métodos de funcionamento,
abrirase un proceso de inscrición a través dun formulario na web do
Concello para que todas as persoas que desexen participar se anoten,
tanto para votaren como para proporen actividades nas que investir os
fondos orzamentados.
Este proxecto piloto servirá para artellar os mecanismos de
participación precisos para elaborar, no vindeiro ano, orzamentos
participativos por parte de toda a cidadanía de maneira global, como se
recollía no programa electoral de Compostela Aberta. Todo
o proceso participativo durará un mes. A finais de novembro celebrarase
unha asemblea na que as persoas inscritas votarán as propostas
realizadas neste tempo.
O Grupo Promotor elaborará unha serie de criterios en base aos
cales a cidadanía votará as propostas. Desde o Concello foi elaborada
unha proposta baseada en catro criterios que poderán ser usados ou non polo Grupo Promotor,
que disporá de liberdade absoluta neste senso.
Entre os criterios
propostos están por exemplo: que o contido das actividades promocione
certos valores positivos para a mocidade, que estean dirixidas a certos
colectivos (en función do sexo, exclusión social…), o territorio (para
que se desenvolvan actividades fóra do Casco Histórico e do Ensanche e
se aposte polos barrios e as parroquias) e que se teña en conta o tecido
asociativo.
Na Coruña, tamén pensando nos orzamentos do 2017
Na Coruña, a Marea Atlántica propuxo a implantación dos orzamentos
participativos pois "o diñeiro da administración é diñeiro que sae de
todas e de todos, que sae do noso traballo, que sae dos nosos impostos, e
sobre el tamén queremos decidir, decidir como debe ser xestionado e a
que debe ser destinado", como destacaba no seu programa.
"Non abonda co trámite de exposición ao público do Orzamento" -dicía-
"Faise necesaria que a participación municipal se asente na propia
dinámica e proceso de conformación do Orzamento, escoitando as demandas
cidadás, das asociacións, das entidades e colectivos. E non só para
propoñer senón tamén para decidir e controlar".
Para que a participación sexa eficaz é necesaria unha metodoloxía de
traballo, unhas redes e uns espazos de debate. O pasado mes de setembro o
departamento de Participación puxo en marcha A Porta Aberta, o programa que aglutina os seus procesos participativos, que comezan
pola organización da cidade en distritos, órganos territoriais que
posteriormente serán fundamentais na elaboración dos Orzamentos
Participativos.
Ata final de ano levaranse a cabo 27 encontros
abertos nos que se reflexionará sobre como funcionarán estes órganos e
sobre as súas competencias, que tamén serán decididas coa participación
da cidadanía. Toda a información que se reúna será pública e compartida
con toda a cidadanía nun foro cidadán aberto, que se realizará a final
de ano.
"Estamos todos aprendendo. A xente está farta duns métodos, dun manual
de instrucións que xa non serve, e necesítase construír colectivamente
un novo manual. Iso faise pouco a pouco", destacaba en entrevista con Praza a
concelleira Claudia Delso, que engadía que "non estamos inventando nada
novo, senón sobre todo posibilitando que as cousas que xa existen
poidan emerxer e que esa nova cultura política a vaiamos practicando
entre todas e todos.
É un proceso de aprendizaxe colectiva, con moita
pedagoxía e moita escoita activa". "Participar é algo máis que
abrir, algo máis que facer unha asemblea e falar por falar. Implica unha
reflexión crítica sobre o que significa participar, a súa importancia, a
responsabilidade que implica. Se as decisións as tomamos
colectivamente, van ser moito máis ricas", concluía.
Lugo, pioneira entre as deputacións
Ao longo de 2014 a Deputación de Lugo elaborou o primeiro orzamento participativo nunha deputación en todo o Estado. O proceso constou de varias fases, comezando pola convocatoria de xuntanzas abertas en todos os partidos xudiciais da provincia,
celebrando na Fonsagrada a primeira delas, a finais do mes de xuño.
Nas
xuntanzas puideron participar todas as persoas maiores de 16 anos
empadroadas nos concellos de cada partido xudicial. Ademais desta
ferramenta de participación, a Deputación abriu outras dúas vías, a través dun portal web, e a través das redes sociais.
As achegas realizadas pola cidadanía foron analizadas por unha comisión
técnica da Deputación, que realizou un informe sobre a súa viabilidade,
deseñando os posibles plans de actuación, determinando a
dispoñibilidade orzamentaria e estudando as posibles colaboracións con
outras administracións.
En total, aprobáronse 17 proxectos concretos.
A metodoloxía escollida pola Deputación de Lugo para estes encontros
coa cidadanía comezaba cunha introdución, a cargo de representantes do
ente provincial, na que se daba conta do contexto xeral do orzamento. A
seguir, entregábanse unhas fichas de participación cidadá para que cada
veciño opinase e elixise cales debían ser, ao seu xuízo, as prioridades
do orzamento da Deputación no seu partido xudicial en base a 12 áreas de
actuación: fomento do emprego; promoción de novas tecnoloxías;
desenvolvemento de políticas sociais; igualdade; coidado do
medioambiente; promoción de actividades económicas; infraestruturas;
cultura; cooperación cos Concellos; promoción de políticas demográficas;
fomento do deporte e impulso do turismo.
Os veciños e veciñas debían
elixir un máximo de tres áreas de actuación, puntuándoas do 1 ao 3.
Finalmente, abríase un período de intervencións para que os cidadáns
expuxesen os problemas do seu Concello ou para que fixesen propostas e
achegas concretas.
Só a Deputación de Guipúzcoa puxera previamente en marcha (no
2013) unha experiencia piloto cunha pequena parte do seu presuposto e
nun determinado territorio. Porén, o obxectivo da Deputación de
Lugo era que o orzamento no seu conxunto se elaborase de xeito
participativo. Tamén as deputacións de Málaga e Barcelona impulsaran
presupostos participativos en Concellos das súas provincias, pero non
fixeron participativo o seu propio orzamento.
Experiencias noutras localidades
Nos últimos anos foron moitas as cidades e vilas que exploraron
fórmulas, máis ou menos ambiciosas, para o deseño colectivo dos seus
orzamentos. E semella que na presente lexislatura serán moitas máis as
localidades que aposten por eles. Por exemplo, o Concello de Lugo comezou a dedicar o pasado ano unha partida de 500.000 euros ás propostas emanadas dende a cidadanía.
As propostas foron
recollidas a través do número 010, do Rexistro Municipal e da páxina
web do Concello. E, posteriormente, cada concellería avaliaba de forma
interna a viabilidade económica e técnica das iniciativas, para
posteriormente presentalas en exposición pública e iniciar as votacións.
En total, aprobáronse 59 proxectos concretos.
De igual xeito, dende o ano 2008 o Concello de Ourense recolle nas súas contas algunhas propostas de obras e actuacións urbanísticas propostas pola veciñanza. E, por suposto, cómpre facer referencia ás experiencias de Fene e Ferrol, que foron pioneiros en Galicia na década pasada.
En 2008 Fene botou a andar o proxecto,
que finalizou coa selección de obras por parte dos veciños das
parroquias de Sillobre e San Valentín cun investimento total de 240 mil
euros. Coincidindo no tempo, Ferrol puxo tamén en marcha mecanismos de participación, ao abeiro do seu Regulamento de Participación Cidadá, unha experiencia que non se repetiu na lexislatura 2011-2015.
Tamén en Pontevedra o Goberno municipal ten previsto impulsar nesta lexislatura os Orzamentos Participativos, como recolle o BNG no seu programa,
no que chama á consolidación desta fórmula como "espazo de relación
permanente do goberno municipal coa cidadanía e como modelo de xestión
pública no que os veciños e veciñas participan de maneira directa e
voluntaria, asegurando a transparencia no gasto dos recursos e o destino
do diñeiro público aos máis necesitados". (Marcos Pérez Pena , Praza Pública, 20/10/2015)
No hay comentarios:
Publicar un comentario