18/11/15

O Concello da Coruña reclámalle á Igrexa terreos municipais que rexistrou como propios

"A Coruña vén de reclamarlle á Igrexa terreos municipais que rexistrou como propios. O Concello enviou este luns ao Arcebispado de Santiago de Compostela unha circular na que lle solicita a "rectificación da matriculación de terreos de dominio público municipal" que foron rexistrados pola autoridade eclesiástica malia non pertencerlle por lei. 

Concretamente, trátase de tres espazos contiguos a diferentes parroquias da cidade que sumarían algo máis de 1.300 metros cadrados de terreo, agora propiedade da Igrexa e que a administración local pretende recuperar ao seren "de dominio público e titularidade do Concello". 

No escrito enviado ao Arcebispado, e ao que tivo acceso Praza, a Área de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda "insta" a autoridade relixiosa "á rectificación voluntaria da inmatriculación" dos devanditos terreos ao seren de propiedade municipal "en virtude do acordo de cesión realizado mediante o convenio asinado entre o Concello e o Instituto Galego da Vivenda e Solo" hai xa 25 anos. 

Refírese a reclamación a unha praza fronte á parroquia da Resurrección situada no Barrio das Flores e que ocuparía 678 metros cadrados, así como unha zona das rúas achegadas e máis o adro ou praza situadas xunto á Igrexa de Santiago e á colexiata de Santa María, ambos os dous espazos situados na Cidade Vella e que ocuparían 256 e 470 metros cadrados respectivamente.

 Trátase, como aclaran fontes municipais, da reclamación de terreos importantes "que a Igrexa se auto-adxudicou, pero que en realidade son municipais". Nos tres casos, e tal e como explica a circular enviada ao Arcebispado, o Concello recolleu información sobre as inmatriculacións feitas pola Diócese de Santiago "por se puidesen incluírse espazos de dominio público local". 

Examinados os arquivos municipais, a Técnica de Administración Xeral do Departamento de Patrimonio Urbanístico comprobou que se inmatricularan espazos que eran de propiedade municipal. 

En consecuencia, e baseándose na Lei de Patrimonio das administracións públicas -que obriga á "inscrición rexistral" por parte dos entes públicos dos seus bens patrimoniais- e na Lei de Bases de Réxime Local -que obriga a que os concellos "exerzan as accións necesarias para a defensa dos seus bens e dereitos"- a administración local decidiu instar o Arcebispado a que rectifique os rexistros levados a cabo irregularmente. 

O Concello da Coruña dá un prazo de dous meses á Igrexa para que proceda á rectificación das inmatriculacións indebidas, tendo o Arcebispado quince días para presentar alegacións. No caso de non haber resposta, a administración local acudirá á vía xudicial. 

As polémicas inmatriculacións

A reclamación na Coruña non é nin será a única. A Igrexa en España, sobre todo a partir de 2003, participou con ímpeto no boom inmobiliario. Unha reforma da lei hipotecaria de 1998 durante o goberno de Aznar permitiulle en exclusividade inscribir lugares de culto e outras propiedades que non estivesen rexistradas.

 Chegou a rexistrar unhas 4.500 propiedades ao seu nome aproveitando que as certificacións e testemuñas que esixía a burocracia para estas actividades foi substituída por unha simple certificación do Bispado sen necesidade de posuír título de dominio ningún sobre o ben. Un dos casos máis polémicos foi o da Mezquita de Córdoba. 

Unha reforma de hai poucos meses desta lei hipotecaria eliminou este privilexio á Igrexa, pero sen carácter retroactivo, o que provocou as protestas de numerosos colectivos, que levaron o caso ao Parlamento Europeo. Sexa como for, no caso da Coruña, o Concello insta á rectificación da Igrexa ao comprobar que os bens que aproveitara para inmatricular non eran en realidade seus, senón de dominio público, polo que terá que devolvérllelos aos cidadáns.  "                (Praza Pública, 17/11/15)

No hay comentarios: