"Ano 37, guerra civil, Alexandre de Fisterra inventa o futbolín". Con esta estrofa, Os Diplomáticos de Monte Alto inician o famoso tema -e himno xeracional-
dedicado ao escritor, editor e activo militante republicano galego,
considerado o inventor do popular xogo de mesa.
Falecido en Zamora neste
mesmo mes de febreiro de hai once anos, a sona de Alejandro Campos
Ramírez traspasou fronteiras e protagonizou obras nas que o seu máis
famoso invento é tan só unha das súas múltiples aventuras. E, se cadra,
unha das menos importantes.
Unha das últimas chegou e forma de banda deseñada e a través dun dos ilustradores máis coñecidos de Italia, Alessio Spataro, que narra en Futbolín (DeBolsillo)
a misteriosa e trepidante vida de Alexandre de Fisterra, que fuxiu do
franquismo, viviu en África, Francia e varios países de América Latina,
que tratou con Camus, Sartre ou o Che Guevara e que segue mantendo
segredos gardados por imperativo legal máis dunha década despois do seu
pasamento.
Tanta e tan interesante é a súa historia que Spataro
tardou cinco anos en plasmala na historieta. "Foi un traballo enorme de
investigación e de contacto con fontes; o proceso de documentación levoume tres anos e tardei dous anos máis en elaborar o guión e debuxar o cómic", explica o ilustrador a Praza.gal desde Italia.
E por que ese interese en Alexandre de Fisterra? "Sempre me gustou o xogo do biliardino
(futbolín), desde moi pequeno, pero o meu interese nel chegou cando lin
na prensa italiana a nova da súa morte, da persoa á que lle atribuían a
paternidade do xogo", conta quen quixo saber máis e máis a medida que
descubría a vida "ventureira e misteriosa" do escritor galego.
"Decidinme a debuxar a historia", explica.
O futbolín foi o enganche para Spataro, ao ser
considerado o fisterrán o inventor dun dos xogos de mesa máis famosos no
mundo. Pero nin tan sequera iso era real de todo. "El foi un dos primeiros inventores, pero non o único;
nin tan sequera é posible aclarar quen foi o primeiro", conta o
debuxante, que ten clara unha cousa tras a súa investigación.
"Entre os
anos 10 e 40 do século pasado hai tantas patentes do futbolín que é
imposible determinar cal é a súa verdadeira orixe", engade, tras
comprobar que países como Francia, Alemaña ou o Reino Unido teñen
cadanseu inventor do xogo. Con todo, a Alessio gústalle definir o galego
como "o pai do futbolín", por "estar sempre vinculado a el, mesmo en
tempos difíciles".
Malia a súa extensa e interesante historia como
editor, escritor e militante antifascista, a vida de Alexandre de
Fisterra non é moi coñecida en Galicia ou España. E puido selo por unha
autobiografía que preparaba e que nunca foi publicada polo veto, segundo
varios medios, da súa muller. Xurxo Souto, xornalista e vocalista d'Os
Diplomáticos, é un dos poucos que puido acceder a aquel borrador cheo de
documentos, escritos e recortes de xornais.
"El e o hispanista italiano
Gabriele Morelli faláronme de dous tomos amplos cheos de cousas que o
propio protagonista custodiaba moi celosamente porque a súa idea era
contar a súa vida; quizais non ter publicado esa obra fixo que non se
coñecese a súa figura todo o que merecía", explica.
Cousas para contar tiña. Abofé. Despois de pasar a súa
infancia en Galicia, acabou en Madrid, onde foi ferido por un bombardeo
na guerra civil. Evacuado a Valencia durante a súa recuperación, o
aburrimento e a imposibilidade de practicar deporte levouno a inventar o
futbolín ou un dos futbolíns que daquela se creaban por Europa adiante.
Foi fabricando un primeiro modelo con materiais apañados de aquí e
acolá e máis tarde, en Barcelona, patentou o xogo. Segundo as fontes
consultadas por Spataro, de alí escapou a Francia, e antes foille
requisada a documentación da patente. Volveu a España logo do conflito e foi enviado a unha unidade militar de Marrocos, á que non regresou logo dun permiso.
Xa prófugo, percorreu a península con identidades falsas -aí empezou
empregar como nome Alexandre de Fisterra- e puido comprobar como aquel
futbolín que el deseñara triunfaba sen atribución ningunha ao seu mérito
e construído por fábricas vinculadas a falanxistas. Ferido na guerra civil, inventou o futbolín durante a súa recuperación pero os papeis da súa patente fóronlle requisados
Volveu a Francia e foi alí onde contactou co mundo da
cultura antifascista en París grazas, en boa parte, á súa amiga María
Casares. Coñeceu a Sartre, Camus ou De Beauvoir.
Logo marchou a Ecuador e, posteriormente, a Guatemala, onde fundou a
súa primeira fábrica de xogos, entre eles o futbolín, que lle foi
"requisada tras un golpe de estado orquestrado polos Estados Unidos".
Foi nese país centroamericano onde, segundo contaba, xogou unha partida
co Che Guevara. "Explicaba que foi a inicio dos 50 no Centro Republicano
Español, onde o goberno democrático no exilio tiña a súa embaixada no
exilio e a quen a empresa de Alexandre abastecía de xogos; alí reuníanse
moitos antifascistas de Latinoamérica", explica o debuxante italiano.
Mesmo contan -e contaba o propio Alexandre- que
secuestrou un avión no que era trasladado a España pola policía
franquista e que o obrigou a desviarse durante a súa viaxe. De aí tería
escapado a México, onde sería protexido polo Goberno azteca.
"Esa
historia será un misterio como tantas outras porque a única fonte era el
mesmo, que era quen a contaba", explica Alessio. "Os que o coñeceron
falan dun home práctico, racioal e capaz de afrontar e superar atrancos
moi duros na vida, pero non por iso frío ou impersoal, senón todo o
contrario: sempre alegre e un amante da vida", engade.
Con todo, gozar da vida e inventar o futbolín non
debeu ser o máis importante que Alexandre de Fisterra fixo na súa vida,
ou polo menos non o máis controvertido. Ao seu regreso definitivo a
España, á cidade de Zamora, negociou ao Concello a venda do arquivo
documental do poeta León Felipe, de quen era fiduciario. Ademais, foron
coñecidas as súas relacións antigas de amizade con Luis Cernuda ou
Rafael Alberti, de quen Spataro -polo que lle contaron coñecedores na
vida de Alexandre- tamén cre que gardaba textos.
Unha vez falecido, a muller de Alejandro Campos pediu
coñecer o testeamento do seu marido pero o notario impediuno malia os
intentos varios e variados da dona, mesmo a través da Garda Civil. Por
que? O documento foi cualificado como segredo de Estado.
"Está custodiado nun estudio notarial de Madrid", asegura Spataro, que
cre "probable" que o editor e inventor fisterrán agochase importantes
revelacións.
"Se cadra coñecía nomes e labores de axentes franquistas en
Latinoamérica; non quero pensar nun complot, pero é público que o seu
testamento manuscrito permanece custodiado e como segredo de Estado",
remata o debuxante italiano, que quixo plasmar neste cómic de 300
páxinas unha vida que aínda garda moitas interrogantes.
"Hai cousas que se contan sobre Alexandre de Fisterra
que son imposibles de documentar e certificar mesmo para aqueles que o
coñeceron e todo ese misterio é a parte máis fascinante da súa vida",
finaliza un debuxante ao que o que máis lle gustaría sería "que alguén
puidese continuar indagando" na vida deste galego universal. " (Miguel Pardo, Praza Pública, 17/02/18)
No hay comentarios:
Publicar un comentario