"Unha parte nada desdeñable da vitoria do PP de Alberto Núñez Feijóo nas
eleccións galegas de 2009, así como do 'tsunami' conservador nos
comicios municipais e xerais de 2011, tamén en Galicia, tivo a súa base
nas cidades.
Nos seus anos de oposición ao bipartito da Xunta os
populares lograran recuperar apoio urbano e atraer sectores que naquela
altura puidesen sentirse atraídos por opcións como a de UPyD (...)
Media década despois e tras o devalo nas municipais de maio, as xerais veñen de deixar o PPdeG cunha merma de en torno ao 30% dos votos a respecto dos comicios de catro anos antes.
Entre as liñas destacadas no argumentario dos de Feijóo tras o 20-D figura que o partido é a forza máis votada en seis das sete urbes do país -en Vigo, o maior número de sufraxios foi para En Marea-.
Isto, efectivamente, é certo, como é posible comprobar na gráfica que
acompaña esta información.
No entanto, non o é menos que a formación
conservadora non pasou do 36% dos apoios en ningunha cidade e, asemade,
en todas elas, con perdas de votos que van dende o 23% de Ourense, onde
mellor aguantou, ata o 32,23% de Vigo, cidade na que a caída popular
estivo por riba da media das cidades, caso no que se atopan tamén Ferrol
e Lugo.
Paradoxalmente, a cidade galega na que o PP máis caeu a respecto
das anteriores xerais, Vigo, foi tamén na que tivo máis votos en termos
absolutos e a única na que non é primeira forza. Como no caso
vigués, tamén na Coruña os populares experimentan un devalo notable, e
dende os comicios xerais de 2011 non volveron superar os 50.000 votos.
Nas outras cinco cidades, de menor dimensión poboacional, Ourense segue
en cabeza en votos absolutos ao PP, Lugo e Santiago levan traxectorias
semellantes e Pontevedra e Ferrol, como en termos de poboación, figuran
tamén un chisco por debaixo. En todas elas, a tendencia é descendente.
Alén das caídas do PP, outra das conclusións que as xerais deixan nas cidades galegas é o asentamento do espazo das mareas como segunda forza e primeira da esquerda -agás
Vigo, onde ficou en cabeza, moi por riba da posición lograda pola Marea
viguesa nas municipais.
Onde máis preto do PP quedou En Marea foi na
Coruña, onde a diferenza entre ambas formacións foi dunhas 6 décimas e
menos de 1.000 votos. Tamén ficaron próximas en Ferrol, a menos de dous
puntos. A distancia foi maior en Santiago e máis ampla aínda nas cidades
do interior." (David Lombao , Praza Pública, 22/12/15)
No hay comentarios:
Publicar un comentario