"Os gandeiros galegos continúan coas mobilizacións ante as cadeas de distribución,
bloqueando algún hipermercado e denunciando que empresas como Alcampo,
Lidl, DIA, Eroski ou Carrefour ou non cumpren o acordo lácteo asinado ou
seguen sen repercutir no gandeiro as subas de prezo que si notan os
consumidores en cada cartón de leite.
No sexto día de protesta, a Plataforma na Defensa do Sector Lácteo
Galego bloqueou o Eroski de Sarria cuns quince tractores e medio cento
de gandeiros levaron a cabo unha "compra simbólica" de leite que foi
doada ao Banco de Alimentos.
Ademais, continuaron tamén co bloqueo que
manteñen en Lalín das zonas de carga e descarga dos camións de Eroski e
máis de Lidl, onde recibiron o apoio do alcalde lalinense, Rafael Cuíña,
tal e como fixera xa nas tractoradas do pasado mes de setembro.
Ao tempo, ducias de tractores seguen atrancando o paso nas áreas
comerciais de Alcampo e Carrefour na Coruña, onde a falta dunha
autorización administrativa impediu os gandeiros levar a cabo unha
mobilización ante o Lidl do polígono da Agrela, algo que si prevían
facer na mesma cadea de supermercados de Monforte de Lemos.
Ademais, en Lugo, o colectivo Agromuralla -que actúa á marxe da Plataforma e das organizacións agrarias- mantén uns 300 tractores arredor da Muralla da capital lucense e continúa realizando tamén accións reivindicativas ante diversos hipermercados, xunto cunha asemblea que se celebrará a partir das 22 horas.
Tanto uns como outros gandeiros reclaman a reacción da Xunta ante a súa
"ruína" e o "roubo" ao que, segundo din, os someten as cadeas de
distribución. Insisten nun compromiso por escrito destas para que
cumpran co acordo lácteo, pero as empresas seguen sen aclarar por que
esa suba de entre 3 e 5 céntimos en cada cartón só a nota o consumidor,
pero non o prezo que as industrias pagan aos gandeiros, que seguen a
cobrar de media 27 céntimos, por baixo dos custos de produción." (Praza Pública, 15/12/15)
No hay comentarios:
Publicar un comentario