"Nun informe presentado perante o Consello Cidadán Galego, que foi gravado e enviado aos medios de comunicación,
Breogán Riobóo abriu a porta a que Podemos se presente en solitario ás
eleccións á Xunta de Galiza. En concreto, presentou tres posibilidades
para encarar os comicios.
A primeira das opcións pasa por camiñar conxuntamente desde En Marea.
A segunda, consistiría en buscar un espazo á marxe de En Marea
–entendendo que a coligazón ten que se centrar no Congreso e non pode
estar “pendente” das eleccións galegas- e a terceira posibilidade
suporía concorrer en solitario como Podemos.
Así, Breogán Riobóo expuxo a posibilidade de “camiñar como Podemos
Galiza en base aos nosos principios fundacionais e entendendo a
fortaleza da organización amosada ao longo da campaña”.
Para traballar de cara ás eleccións galegas e para organizar a
asemblea de Podemos Galiza que terá lugar no mes de febreiro, Breogán
Rioboo anunciou que esta segunda feira, 11 de xaneiro, convocou unha
reunión coas Secretarías Xerais Municipais.
Críticas ao proceso de confluencia en En Marea
Respecto do proceso de confluencia nas xerais, o responsábel de
Podemos no país admitiu que En Marea tivo “erros” durante a campaña e
asegurou que esas eivas “evidencian que temos que reflexionar perante
novos desafíos e analizarmos os escenarios abertos”.
Riobóo recoñeceu que o proceso de conversas para a confluencia foi
“moi complexo” e que se alongou “demasiado no tempo”. Tamén admitiu que
“non permitiu unha participación real activa” da sociedade. De aí que
relegara a coligazón a un “simple acordo electoral”.
Ademais, sinalou que a mensaxe da campaña “non foi a mellor”, en
alusión á busca do “voto explicitamente nacionalista” en detrimento da
“transversalidade” de Podemos. “Conseguiuse así chegar ao máximo do voto
nacionalista, que entre 1997 e 2001 acadou o BNG”, engadiu.
Na mesma liña, criticou a “sobrerrepresentación dalgunhas
organizacións” que fan parte de En Marea, así como que “moitos actos
desenvolvéronse nos formatos da vella política”. Hai que lembrar que das
seis deputadas electas, dúas fan parte de Podemos -Antón Gómez Reino
(nº1 pola Coruña) e Ángela Rodríguez (nº2 por Pontevedra)-, dúas fan
parte de Anova -Alexandra Fernández (nº1 por Pontevedra) e Miguel Anxo
Fernán Vello (nº1 por Lugo)-, unha fai parte de IU -Yolanda Díaz (nº2
pola Coruña)- e un, supostamente, non representa ningún destes partidos
-David Bruzos (nº1 de Ourense en Común).
O responsábel político de Podemos na Galiza avogou nunha “nova
metodoloxía” no partido que “poña en valor e lexitime” todos os cargos
orgánicos e que dinamice os círculos de Podemos." (Sermos Galiza)
No hay comentarios:
Publicar un comentario