14/1/16

A Mariña comproba con éxito o método máis eficaz contra a avespa asiática

"Máis da metade dos concellos galegos afectados, un total de 160 nunhas cifras que ben seguro son peores. Unha media de avisos dunhas 25 chamadas diarias ao 112. Máis de 3.200 niños retirados ou neutralizados tan só pola Xunta ata o mes de novembro.

 E as graves consecuencias para as colmeas e o sector apícola, así como para o forestal, o froiteiro e a seguridade cidadá. É tan só un breve resumo da situación que está a crear en Galicia a praga da avespa asiática, que se estende sen remedio desde que se avistasen os primeiros exemplares aló por 2012.
A Mariña, xunto co o Ortegal e o Baixo Miño, é unha das zonas máis afectadas. E alí creou hai agora un ano un apicultor a empresa Servicios Privados Antivelutinas (Serpa), encargada de exterminar niños de vespa velutina a través dun método baseado no lume e que consegue acceder a enxames ata a 50 metros, altura á que non adoitan chegar os empregados que acoden a través da Xunta.

O sistema consta de varios tubos de aluminio, un material lixeiro moi manexable. Vanse engadindo tubaxes ata alcanzar grandes alturas e no extremo leva un pano mollado en gasolina que se acciona ao tirar dunha corda. O niño quéimase e xera unha película de fume que impide que as avespas saian e destrúe o seu interior sen que se teña provocado nunca incendio ningún. 

O viveirense José María Vázquez retirou un total de 732 niños durante 2015 e o seu móbil non para de recibir chamadas, tamén de concellos que acoden a el pola maior rapidez ou pola excesiva tardanza dos servizos da Xunta. "Aínda que agora non hai tanta avespa, ocúpome de toda a Mariña e non adoito estar parado", conta. 

"Non é que desde a Xunta non se faga ben ou que non dean abasto; hai unha organización que está ben feita, pero faltan efectivos, organización, coordinación e un método que chegue ás alturas onde aniñan algunhas avespas", explica Vázquez, que aclara que os técnicos que envían as administracións "van a onde lles mandan". 

"Atópanse niños dos que non se avisa e outros aos que non dan chegado; a fórmula non é eficaz porque detrás do niño que se retira hai outros moitos que molestan e aí seguen", explica. 

Baseado no lume -aínda que hai lugares onde obviamente hai que optar por outras prácticas-, Vázquez defende que o seu método é "máis ecolóxico" porque o uso de produtos máis agresivos ou gases "acaba por prexudicar a ríos e regatos, que son contaminados". Ademais, explica, "tamén é máis económico". 

O protocolo que segue é case sempre o mesmo. Recibe a chamada, indícanlle os lugares onde están situados os niños, acómpañao un responsable do Concello ou o particular e pasa a factura. Sen máis. Parece doado, pero son moitas as localidades que non dan feito. Vázquez ten claro que é o que falla.

 "Hai que afrontar a situación a nivel municipal, en cada concello, onde debería haber unha ou dúas persoas encargadas de localizar os niños permanentemente para logo exterminalos; se se buscan, atópanse, pero hai que ser rápidos porque dun niño saen novos enxames", explica quen aposta pola coordinación a nivel comarcal ou da Xunta, pero, sobre todo, pola procura dos niños por parte das administracións locais. "Patear o monte cun mapa, indicar o lugar e mesmo as coordenadas e logo actuar, esa é a clave", insiste. 

"Hai unha Xunta que paga os traballos e hai unha empresa que os retira, pero falta quen os busque; non se pode depender da vontade da xente para deter unha praga porque hai quen non se molesta en chamar ou faino tarde; todo o que facemos agora é temporal e non supón unha solución definitiva", volve insistir este apicultor que agora está centrado en Serpa e que sente coma poucos as consecuencias da expansión da velutina. 

"Ou é por descoñecemento, ou porque non se toma en serio ou porque lles dá igual; como apicultor que son, sei que onde había 30 enxames de abellas agora quedan tres, cinco ou como moito sete; están acabando con elas e cando xa non haxa apicultores, ninguén se vai preocupar de chamar", advirte quen cre que "2016 é a última bala que nos queda para salvar as abellas de moitas zonas"

Vázquez non se cansa de lembrar que é posible, pero reclama medios e organización. "En 5 días saquei 68 dos 70 niños que me indicaran nun concello... E non me costa, pero hai que levarme a eles porque eu non podo estar buscándoos", asegura. "E case sempre dá igual a altura porque, dependendo da árbore e tendo un punto de apoio suficiente, é posible chegar a eles se non fai moito vento", aclara. 

Ata oito concellos requiriron xa os seus servizos, pero o problema require tomalo en serio e investir unha pequena cantidade para atopar as ameazas. Para este exterminador, o importante agora é apurarse. Queda pouco tempo e a primavera xa está preto. 

Ademais, José María Vázquez está á espera de patentar un novo método que afastaría as avespas velutinas das colmeas, que conseguirían illarse da ameaza. Agarda os últimos trámite para poder empezar a comercializalo e confía en que sexa un novo avance para deter os nocivos efectos da praga. "               (Miguel Pardo  , Praza pública, 08/01/16)

No hay comentarios: