25/4/16

A crise levou por diante 2.400 propietarios de empresas con asalariados

"En só cinco anos, os que van desde 2010 a 2015, Galiza perdeu máis de 87.000 persoas ocupadas, ao pasar do millón castrocentas mil cincocentas que tiña daquela ao 1.017.000 co que se despediu o ano pasado.

 Un ritmo de destrución da ocupación de 48 persoas por día, dúas cada hora. Tal e como se recolle nos dados do Instituto galego de estatística, esa perda de poboación ocupada atinxiu a todos os grupos.

Onde máis de notou foi entre as persoas asalariadas do sector privado. En cinco anos, 2010-15, 47.000 persoas ocupadas menos. Pasou de máis de 666.000 en 2010 a menos de 620.000 en 2015. 

Tamén entre as asalariadas do sector público houbo unha queda máis que notábel, de 17.900 persoas. Neste lustro ao que nos estamos a referir o sector públcio na Galiza pasou de contar con perto de 200.000 persoas asalariadas (198.900) a 181.000.

Mais o golpe á ocupación non se limitou ás persoa asalariadas. Na categoría de 'empresarios con asalariados' pasamos de ter 71.300 en 2010 a 68.900 en 2015, o que significa que neses cinco anos perdeuse 2.400. Se analizamos o grupo de traballador independente ou empresario sen asalariados ao cargo' hai agora 14.300 menos que en 2010. Entón eran 154.200 e agora 139.900.

Por último, até na ocupación dunha persoa en empresas e negocios familiares deixou pegada a crise. Sempre en base ao que sinala o IGE, as persoas que estaban ocupadas na 'axuda á empresa ou negocio familiar' pasouse de 12.400 en 2010 a 7.000 en 2015. Polo camiño, nestes cinco anos, ficaron 5.400 persoas. "              (Sermos Galiza, 22/04/16)

No hay comentarios: