19/7/16

A vida cotiá no Santiago da II República en (riquiñas) ilustracións

 
 Os turistas de entón


 

 O paseo na rúa do Vilar


 

 Os universitarios da USC do 35


"Francisco Vázquez Díaz, Compostela, naceu en Santiago de Compostela alá por 1898 e foi escultor. Posiblemente fora tamén un moderno (moderno ao estilo de agora) porque se deu a coñecer cunha acción de guerrilla artística nos anos 20, como contan na Wikipedia, cando para protestar por non ter onde expoñer a súa obra decidiu facer unha exhibición nas escaleiras do Congreso dos Deputados e plantou as súas obras ao carón dos famosos leóns. 

Nos anos 30 xa tiña onde expoñer e xa tiña un certo renome e durante a Guerra Civil foi escultor oficial do Quinto Rexemento. Trala guerra pasou polos campos de concentración franceses e acabou no exilio, onde morrería.


 
Limpando as rúas


 

 Baile no Casino


  Compostela fixo tamén, a parte das súas esculturas, ilustracións sobre a vida cotiá na cidade á que lle ‘roubou’ o nome. Hai xa máis de dez anos esas ilustracións protagonizaron unha exposición no Museo das Peregrinacións e agora forman parte da moi interesante exposición que na Fundación Granell, tamén en Santiago, lle dedican á vida na cidade no momento no que estoupou a Guerra Civil. 

A exposición é moi recomendable. É pequena (en tamaño) pero axuda a ver moitas cousas sobre unha Compostela que se estaba preparando para as festas e que estaba en pleno momento de emoción polo estatuto (o do estatuto, claramente, quedou apagado por completo, pero non as festas: seguiron adiante a pesar da guerra). Nunha das vitrinas están as ilustracións de Compostela sobre a propia Compostela.



Día de visita no Hospital



Colexio da Enseñanza 



Casino de Santiago 



Excursión escolar na Ferradura



 Pobres nas Platerías

 As ilustracións teñen un aire riquiño, un pouco ao estilo de Miroslav Sasek, e foron un regalo do autor a un médico santiagués. Agora funcionan como unha especie de elemento conxelado no tempo para ver como era a vida na cidade nos anos da República e para ver unha completa variedade de detalles (o mellor dos debuxos é fixarse en todos os pequenos detalles). Todas as imaxes son de 1935 e dos primeiros meses de 1936"               (Disquecool, 14/07/16)

No hay comentarios: