29/7/16

Grandes compañías fan negocio coa privatización dos servizos sociais nos concellos galegos... e a que máis, a de Florentino Pérez

"O capital achou unha nova veta de negocio, os servizos sociais das administracións públicas en xeral, e das municipais en particular.

Na Galiza grandes empresas lúcranse con concesións públicas, multinacionais que adoito incumpren os contratos de prestación de servizos e empregan man de obra o máis precaria posíbel. Sobresae entre elas o grupo que controla Florentino Pérez. Esta é unha reportaxe do Sermos206 que asina Cristian López. Eis un avanzo.

A rede privada estendeu os seus tentáculos cara a novos sectores após facerse co control das principais áreas municipais. A mesma empresa que recolle o lixo, constrúe unha estrada ou limpa edificios públicos pode obter a concesión de programas cun marcado carácter social, a través de filiais e marcas brancas, pero mantendo unha liña de negocio similar: precariedade e abusos laborais, incumprimentos e servizos de mínimos, beneficio fronte a calidade na atención.

Entre todas estas empresas destaca un nome. Clece S.A., unha división da construtora ACS, presidida por Florentino Pérez, que acumula contratos ao longo do territorio galego. Xunto a Urbaser, outra filial do grupo centrada na xestión de refugallos (agora en proceso de venda a corporación China Tianying), convertéronse nas maiores concesionarias do país, cunha facturación que supera os 60 millóns de euros anuais nos últimos cursos. 

Contratos en cidades e municipios que sitúan a multinacional, tamén entre as principais adxudicatarias de obra pública, como a “raíña das licitacións” en Galiza.

Clece é unha empresa camaleónica, “multiservizos” define a propia compañía, cuxa facturación se triplicou na última década. Mais é no terreo social onde maior crecemento rexistrou, segundo as cifras do grupo, só superada polos labores de limpeza e mantemento de edificios públicos. 

Unha situación que contrasta coa longa listaxe de denuncias e sancións que acumula no noso país. O último capítulo produciuse este febreiro pasado no concello da Coruña, onde o goberno local lle abriu expediente por incumprir o contrato do servizo de Axuda a Domicilio para persoas dependentes –asinado polo PP por 7,5 millóns durante os próximos tres anos– e por ignorar as melloras propostas pola corporación."               (Sermos Galiza, 28/07/16)

1 comentario:

Marlowe dijo...

¿Y dónde está ese público con tantos posibles ?