"A Unión de cooperativas de traballo asociado (Ugacota), Ucetag (Unión de cooperativas de ensino de traballo asociado de Galiza) e Sinerxia veñen de aprobar por unanimidade en asemblea a fusión destas tres entidades, dando pé ao nacemento de 'Espazo Coop'.
Esta nova unión agrupa pois a 181 cooperativas, das cales 152 son de traballo asociado, 28 de ensino e 1 de consumo. Posúen 1.120 socios traballadores, 340 socios consumidores e 570 persoas contratadas. A facturación é de 45 millóns de euros.
'Espazo Coop', sinalan os impulsores, “nace chea de diversidade cooperativa en canto a tipoloxías, tamaños ou sectores de actividade”.
Na asemblea que decorreu esta fin de semana aprobaron tamén os
estatutos da nova entidade, para alén de designar o novo consello (que
terá como presidente a Celso Gándara, de Algalia sociedade cooperativa galega).
Perante a asemblea presentouse o Proxecto estratéxico 2016-2020, no que se marcan entre os retos prioritarios “construír unha unión de cooperativas sostíbel e eficiente”.
Espazo Coop é, recoñecen, “o paso final” dun proceso interno nestas organizacións que leva tempo madurando,
produto tanto da colaboración que manteñen como dunha visión
estratéxica e de partillar valores e principios do cooperativismo e a
intercooperación.
“A razón de ser da fusión é gañar capacidade de representación e gañar en eficiencia no aproveitamento de recursos e no desenvolvemento dos fins
das asociacións promotoras que participan deste proceso, converténdose
na maior entidade representativa do cooperativismo galego, por número de
cooperativas asociadas, e para actuar como interlocutor do colectivo,
representando e defendendo os intereses do sector, promovendo a
intercooperación entre cooperativas e con outras organizacións da
economía social, fomentando un cooperativismo de calidade”. (Sermos Galiza, 08/11/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario