"A conselleira de Medio Ambiente de Ordenación do Territorio en
funcións, Beatriz Mato, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez,
presentaron este mércores en rolda de prensa as conclusións incluídas na
Memoria de sustentabilidade 2015 da
sociedade de xestión de residuos. Mato e Domínguez destacaron que
Sogama incrementou entre 2009 e 2015 a cantidade de materiais
recuperados nun 50 por cento, pasando de 17.600 toneladas que se
reciclaban hai 6 anos ás 26.700.
Porén, cómpre salientar que estes datos amosan que Sogama só recupera o
3,3% do total de residuos que xestiona (802.365 toneladas).
Ademais, a
taxa de recuperación en 2015 foi inferior á do 2014 (6,3%, unhas 51.248
toneladas) e mesmo á de 2013 (3,4%, unhas 27.276). Os malos
datos de 2015 en comparación co ano anterior débense á case nula
capacidade de recuperación de vidro (2.693 toneladas fronte ás 25.421 de
2014). Sogama explica este forte descenso na "baixada na
produtividade do proceso" e prevén "volver en 2016 aos resultados de
2014 mediante novos investimentos na planta".
O optimismo amosado por Mato e Domínguez non se sustenta á vista dos
datos, aínda que é certo que algunhas magnitudes melloran de xeito
paseniño dende o ano 2009. A taxa de recuperación pasou do 2% (2009), ao 2,4% (2012) ata o 3,3% actual.
De igual xeito, a cantidade total de residuos tratados foi diminuíndo,
dende as 890.098 toneladas de 2009 ata as 805.355.
E, ademais, a
almacenada nos vertedoiros caeu dende as 372.513 toneladas de hai seis
anos ata as 200.248 actuais. Tamén creceu lixeiramente a cantidade
recollida de forma separada, que pasou en seis anos das 17.464 toneladas
ata as 21.344. Melloras, aínda que moi lentas e cativas.
Dado que son moi poucos os materiais que se reciclan e recuperan e que,
ao mesmo tempo, vai diminuíndo a parte que se deposita permanentemente
en vertedoiros, a maior parte dos residuos son queimados, co obxectivo
de facelos desaparecer e, ao tempo, xerar enerxía eléctrica. A produción eléctrica total de Sogama sitúase no 517.000 megavatios/hora, en ascenso dende os 431.000 de 2009.
Porén, a consecuencia desa maior actividade de produción eléctrica nestes anos tamén creceu moito a emisión de gases contaminantes por parte de Sogama.
Por exemplo, a produción de CO2 pasou de 103 millóns de kilos a máis de
133 millóns. Ou, de igual maneira, as emisións de óxido de xofre
creceron case un 50% (dos 12.300 kilos aos 18.600). En calquera caso,
todas as emisións contaminantes producidas por Sogama sitúanse dentro
dos límites autorizados pola lei." (Praza Pública, 03/11/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario