25/11/16

O Sergas dedica case o 50% dos orzamentos a financiar a privatización

"Con que obxectivo se organizan estas xornadas?

O obxectivo pasar por traballar na liña de buscar complicidades dentro doutros modelos de sanidade e doutras contornas onde tamén se dan pasos no camiño cara á privatización. 

Queremos tratar de facer fronte a unha estratexia política, porque non se privatiza por ser o privado un modelo máis sustentábel e de máis calidade, que non o é, senón por unha cuestión ideolóxica, por abrirlle o paso ás grandes empresas multinacionais prestadoras de servizos sanitarios.

 Temos que ter presente que o que pasa aquí non é diferente do que pasa no mundo. Sabemos que é posíbel defender un modelo de sanidade pública porque é sostíbel economicamente e temos a estrutura necesaria para que ese servizo se preste desde o ámbito do público.
"A empresa concesionaria pode negociar coa propiedade do novo hospital de Vigo e transferila"
Vostede é un dos relatores da palestra sobre funcionamento e resultados dos hospitais de colaboración público-privada. Cales son estes hospitais?

Os hospitais que se fan con este modelo son aqueles para os que non só se contrata coa empresa, ou unha unión temporal de empresas, a construción do hospital, senón tamén xestión do propio hospital. Nestes contratos, o que fai a Administración é transferir a propiedade do hospital, que é o que acontece co Álvaro Cunqueiro de Vigo. 

O novo hospital de Vigo é propiedade da empresa concesionaria e forma parte do seu activo financeiro. É máis, a empresa concesionaria mesmo pode negociar con esa propiedade e transferila. Isto xa pasou con algúns hospitais de Madrid que agora están en mans de firmas de capital de risco.

Que consecuencias ten este modelo de colaboración público-privada?

Xa ten unha serie de consecuencias desde o inicio do propio proceso. Vímolo en Vigo. A concesionaria fixo o proxecto construtivo definitivo e o resultado é que o proxecto xera un hospital en función máis dos intereses dos beneficios económicos da concesionaria que da Administración que contrata. 

O contrato ten data de caducidade, 20 anos, e o hospital vai aguantar eses anos e con dificultades, porque xa se constrúe con materiais de menos calidade. Vese desde o principio en cuestións como a propia estrutura interna, que está feita cun pladur dunha calidade que non permite colgar nada das paredes; os solos, revestimentos e acabados, que presentan problemas de calidade; as tapas de rexistro; as partes do teito que caeron… 

Ademais, a privatización do hospital de Vigo impediu que se desenvolvese un plan funcional que contemplaba ter un hospital en condicións de asumir o 100 por cento da área sanitaria. Hai que lembrar que unha parte da cidadanía ten asistencia sanitaria a través dun privado, Povisa, hospital que ten a especialidade en exclusiva de áreas como a de cirurxía maxilofacial ou a de queimados. Ao final, garantíuselle o negocio a Povisa.
"En Vigo sufrimos unha dupla dirección no hospital: por un lado, a empresa concesionaria e, pola outra, a parte sanitaria"
Que resultados dá este sistema?

Este non é un modelo novo, xa ten moitos anos de experiencia noutros países e comunidades, e xa temos certa experiencia do que pode pasar e, de feito, en Vigo sufrimos unha dupla dirección no hospital: por un lado, a empresa concesionaria e, pola outra, a parte sanitaria. Ambas as partes teñen que convivir e isto xera problemas de competencias. 

Alén diso, hai un problema moi claro: unha parte dos servizos non sanitarios pero esenciais para garantir a calidade da asistencia prestada contrátase con criterios de rendemento económico. Penso, por exemplo, na limpeza, que é un dos capítulos que máis sofre, e tamén nos recursos humanos, dúas cuestións que fan diminuír a calidade sanitaria. 

No Reino Unido diminuíu o persoal de limpeza e incrementáronse as infeccións sanitarias, cando o Reino Unido era un modelo deste sentido. O cambio alí foi radical e agora conta cun plan de loita específico contra as infeccións sanitarias. 

É obvio que en calquera hospital teñen lugar infeccións hospitalarias, pero cando recortas nese capítulo, diminúe a calidade do servizo. Hai estudos que indican que case un 50% das infeccións hospitalarias se evitarían cunhas boas condicións de limpeza.

E a nivel económico, que repercusións ten nas arcas públicas este modelo?

Consome recursos económicos moi importantes dos orzamentos sanitarios. Xa temos un financiamento precario e, por riba, unha parte importante dos recursos van para pagar custos de privatización. E páganse, por certo, co capítulo de gasto corrente, aquel que se destina ao funcionamento ordinario da sanidade pública.

 Isto tradúcese en que quedamos con menos cartos, feito que incide nunha peor calidade dos materiais que compramos, en menos cartos para persoal… Están a reducirse enormemente as substitucións. Diminuíu o número de persoal malia que se incrementou o número de necesidades. 

Un número de necesidades que aínda vai aumentar máis debido á taxa de envellecemento da poboación e da demanda que leva asociada. Ese incremento vai ter que asumilo menos persoal e con condicións máis precarias.

Cal é o estado de saúde da sanidade pública galega?

Se avaliamos a situación da sanidade publica, temos que facer referencia á precarización das condicións de traballo, porque na sanidade pública un recurso fundamental é o humano. Podemos ter a mellor tecnoloxía e as mellores infraestruturas, pero se non temos os recursos humanos necesarios, imos facer un peor servizo.

 Hai que ter en conta tamén a perda do concepto de sanidade pública como dereito universal. Coa perda da universalidade, a sanidade pública pasa a ser unha prestación que dá a Administración só a persoas que reúnen unha serie de requirimentos.

 Trátase dun paso atrás que deixa colectivos sen dereito á asistencia sanitaria. E hai que engadir a carteira de servizos, que foi fragmentada, e isto supón un atentado contra a equidade, porque a sanidade pasa a ser menos accesíbel para a xente con menos recursos.
"O Sergas dedica case o 50% dos orzamentos a financiar a privatización"
Que medidas deben adoptarse de inmediato para corrixir a situación?

Para recuperar e poñer a funcionar a sanidade pública cos criterios que debe ter, cómpre restaurar a universalidade e rematar cos copagos sanitarios. O acceso á sanidade debe ser un dereito universal protexido polo Estado.

Para garantir a sanidade pública é necesario un sistema impositivo xusto: que pague máis quen máis ten, e acabar co imposto sanitario que representan os copagos, ou repagos, aos que lles fan fronte aquelas persoas que padecen enfermidades crónicas e as pensionistas.

 Cando se nos di que se aforran 10 millóns en gasto farmacéutico non aforran, están a quitarlles eses cartos do peto a enfermos e pensionistas. Ademais, defendemos que hai que recuperar todo o que se privatizou. Hai que recuperar a xestión directa por parte da Administración en todos os aspectos da sanidade pública, porque a privatización empeora a calidade e encarece as prestacións.

 A día de hoxe, o Sergas dedica case o 50% dos orzamentos a financiar a privatización, que afecta desde a xestión de compras até o mantemento dos aparellos e servizos non sanitarios que afectan á saúde, como é a cociña dun hospital."                  (Entrevista a MANUEL GONZÁLEZ MOREIRA, MÉDICO, Sermos Galiza, 28/10/16)

No hay comentarios: