"O Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense condenou ao
Sergas a indemnizar un paciente con 10.000 euros polos prexuízos
padecidos ao ter que acudir á sanidade privada ante as listas de espera
do Servizo de Neuroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de
Ourense (CHUO).
Así confírmao unha sentenza feita pública o 18 de novembro e contra a
que non cabe recurso de apelación, na que se indica que a Administración
demandada "incorreu neste caso nun funcionamento anormal, incorrecto,
deficiente máis alá do tolerable para o servizo público de que se
trata".
Os feitos tiveron lugar no ano 2014. En xullo dese ano practicóuselle
ao denunciante unha punción lumbar no CHUO e a doutora indicoulle que
pedise cita para o mes de setembro. Non obstante non se lle asignaría
cita ata catro meses despois: o 16 de xaneiro de 2015.
O home reclamou un adianto, pero finalmente convocáronopara o 28 de
xaneiro de 2015. O paciente dirixiuse entón ao hospital privado Quirón,
de Madrid, onde se lle realizou un TAC e se lle prescribiu unha
intervención de "derivación de hidrocefalia". En xaneiro de 2015 acudiu
con estes resultados ao CHUO, pero neste centro non se lle fixaría data
ningunha para a intervención cirúrxica.
Por este motivo o home decidiu someterse a unha operación no Hospital
Quirón, o 11 de febreiro de 2015. A raíz desta operación xurdirían
complicacións que lle obrigarían a unha segunda operación no hospital
madrileño en marzo de 2015, despois de que no CHUO se lle solicitasen
máis probas.
A sentenza considera que "é lóxico que nesta tesitura o paciente se
angustiase e acudise á sanidade privada". Para o maxistrado, "a
Administración pública sanitaria funcionou de xeito deficiente e mesmo
irracional".
ATRASO "NON TOLERABLE NIN XUSTIFICABLE"
O texto considera que o atraso para avaliar a proba da punción lumbar
"non era tolerable nin xustificable", e que o denunciante non tiña "o
deber xurídico de soportalo".
Non obstante, insiste en que a responsabilidade da Administración "non
se deriva dunha mala praxe dos médicos do SERGAS" que atenderon ao
paciente, senón "dun deficiente funcionamento do Servizo de neuroloxía
do CHUO" en relación ás listas de espera.
INDEMNIZACIÓN PARCIAL
A sentenza xustifica o recorte da indemnización inicial solicitada
(17.030,01 euros) en que tras o diagnóstico realizado polo hospital
madrileño en 2015 o paciente "debeu solicitar formalmente unha
intervención" na sanidade pública e non o fixo.
Tamén considera que respecto á segunda intervención realizada en Madrid
non se demostrou que o SERGAS incorrera en "mala praxe" ao pedir probas
ao paciente para comprobar os seus síntomas "o que non impide que uns
días máis tarde, co agravamento da doenza post operatoria, procedese xa
realizarlle sen dúbida a segunda intervención". (Galicia Confidencial, 25/11/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario