"Galiza é un territorio líder en canto ao grao
de privatización da súa sanidade. Unha lideranza que non ostenta en
solitario senón partillada con outras tres autonomías do Estado (Madrid,
Catalunya e Balears) que non loce por primeira vez.
Ano tras ano, os
informes da Federación de asociacións para a defensa da sanidade pública (FADSP) sitúan o noso país no topo do ranking privatizador. O informe 'As privatizacións sanitarias das comunidades autónomas 2016', da mencionada federación, vén ratificar máis un ano Galiza como zona de “elevado grado” privatizador no sanitario.
A certa distancia das catro autonomías citadas figuran aquelas que
teñen unha privatización “media” da súa sanidade (aquí aparecen desde
Asturies a Euskadi ou Nafarroa, pasando por Canarias ou Aragón). Por
último, están as que, en base ao documento de FADSP, posúen un “grao
baixo” de privatización, como son Andalucía, Extremadura, Castela-A
Mancha e Cantabria.
Para facer o estudo contempláronse diferentes variábeis, desde o
financiamento privado até a porcentaxe de gasto público, pasando polos
convenios público-privados, aseguramentos, mutuas... En base aos mesmos,
e estudando a súa evolución durante estes anos, a federación indica que
desde a lexislatura do 2011 acentuouse e acelerouse abondo un proceso
privatizador da sanidade que dera os seus primeiros pasos en 1986, ao
pouco de se aprobar a Lei xeral de sanidade.
Hospitais privados en Galiza
Os hospitais privados en Galiza facturan por volta de 260 millóns de euros anuais. Tres son os grandes grupos que se reparten boa parte do pastel galego: Vithas, Quirón e HM Hospitales,
que representan o 40 por cento das case 2.000 camas que ten o sector
privado no noso país. HM Hospitales atópase agora nunha operación para
se facer cos hospitais privados composteláns La Rosaleda e La Esperanza.
O grupo madrileno aterrou na Galiza coa adquisición dos centros
coruñeses Modelo e Maternidade Belén.
Na Galiza hai 24 hospitais privados e 29 públicos.
Un informe do IDIS, Instituto de investigación sanitaria, destaca que
sexamos o sexto territorio do Estado español canto ao número de centros
de hospitalización sanitaria. " (
Sermos Galiza, 11/10/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario