"O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou nulo o
segundo exercicio da oposición ao corpo facultativo do subgrupo C1 para
delineantes. A Xustiza manda que se lle repita o este exame a algúns
opositores. Poderano volver a facer aqueles que escolleron a opción 1,
agora anulada polos xuíces.
O problema que se lle presenta á Dirección Xeral de Función Pública é maiúsculo. Dado que os exames foron en 2014, o proceso selectivo xa concluíu e hai persoas que tomaron posesión da súa praza.
GC pediu ao Goberno Galego unha valoración da sentencia. Polo de agora, os voceiros oficiais da Consellería de Facenda non se pronunciaron.
No seu fallo
de outubro de 2016, o TSXG proba que o tribunal da Xunta non fixo
públicos os criterios cos que corrixiría a proba anulada. “Os criterios
de valoración ou corrección non só teñen que ser fixados previamente
polo tribunal, senón que teñen que ser postos en coñecemento dos
opositores”, lémbranlle os xuíces á Consellería de Facenda.
A Xustiza recórdalle aos tribunal que non se pode escudar na
prerrogativa, legal, de aplicar o seu criterio técnico na corrección.
Isto non é dabondo, a Lei tamén especifica que é imprescindible “a
expresión previa dos criterios de valoración de acordo aos cales o
Tribunal axuizará aos aspirantes no proceso selectivo, debendo
exteriorizar posteriormente as razón da dita decisión adoptada”. É
dicir, os criterios de corrección deben ser públicos antes do exame e nas avaliacións o tribunal debe explicar como os aplicou, algo que non sucedeu nesta oposición e noutras.
E é que a conflitividade nas oposicións da Xunta non se limita a esta
oposición, para a que había convocadas só seis prazas. Como lle recorda a
CIG Administración ao Goberno, nos últimos tempos a Xunta acumula sentencias contrarias en varios procesos selectivos.
Por exemplo, o Tribunal Supremo ditou en 2016 unha sentencia polo que condenaba á Xunta por corrixir de xeito “discrecional” exames ao corpo superior de 2010. Ao igual que na dos delineantes, nesta oposición non houbo unha valoración razoada da puntuación.
En 2010, o Supremo tamén mandou repetir as oposicións a inspector de Turismo de 2001 por problemas tamén na corrección.
Sorprende esta acumulación de sentencias da mesma índole en contra da
Xunta, máis cando en teoría a Dirección Xeral Pública é quen avalía aos
opositores en materias como dereito administrativo e acceso ao emprego
público. José María Barreiro Díaz é o Director xeral da Función Pública e líder provisonal do PP na cidade da Coruña dende a marcha de Carlos Negreira.
Dende a CIG Administración, sindicato que desvelou a sentencia, non se morden a lingua e piden que roden cabezas.
“Este caso sérvenos de exemplo para que dunha vez por todas, se asuman
responsabilidades políticas e administrativas e por outro lado se nomeen
tribunais cualificados, independentes e tecnicamente habilitados para
que isto non volva pasar” reclama a central nacionalista, a maioritaria
nos servizos centrais da Xunta." (Galicia Confidencial, 25/01/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario