"A historia da AP-9 repítese. Apenas catro meses despois de, estando aínda en funcións, manobrar
para impedir que se chegase a debater no Congreso dos Deputados a lei
aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia para transferir á
Xunta as competencias sobre a Autoestrada do Atlántico, o Goberno de
España reproduce a operación e veta outra lei votada por todos os
grupos da Cámara galega.
Desta volta a prexudicada é a norma que, impulsada inicialmente polo BNG e aprobada definitivamente polo todo o pleno do Parlamento en marzo de 2014, pretendía que todas as persoas enganadas coas participacións preferentes e produtos financeiros semellantes puidesen recuperar "integramente" os seus cartos. A razón que esgrime o Executivo de Mariano Rajoy é que aplicala prexudicaría as cifras do déficit do Estado.
Os argumentos do veto vén de rexistralos no Congreso a asesoría parlamentaria do ministro de Economía, Luis de Guindos. Nun informe de tres páxinas a cuxo contido tivo acceso Praza.gal
o propio Ministerio admite que a lei galega -apoiada por PP, PSdeG, AGE
e o propio Bloque, que a propuxera- revertería o "proceso de xestión de
híbridos" realizado polo Goberno de España durante o ano 2013 a través
do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB).
Mediante ese
proceso, resume, as persoas ás que colocaran produtos financeiros como
preferentes ou subordinadas "canxearon os seus títulos por capital e
débeda" e "sufriron recortes no seu investimento orixinal", isto é, a coñecida popularmente como "quita das preferentes", que comezou prevendo que parte da clientela afectada perdese ata case a metade dos seus cartos.
Se "non se realizase este exercicio", explica o informe, o FROB "tería
que facer unha inxección adicional de recursos públicos" duns 13.600
millóns de euros, dos que 9.760 correspondería a "investidores
retallistas", isto é, a pequenos clientes a quen lle foron colocados
produtos complexos, os mesmos que protagonizaron sonoras protestas para
esixir que Novagalicia Banco devolvese os cartos das preferentes das
desaparecidas Caixanova e Caixa Galicia.
Estas persoas, admite o propio informe, perderon entre o 20% e o 25% dos cartos tras
acudiren a procedementos como a arbitraxe de consumo, por medio de
sentenzas xudiciais ou a venda de accións polas que os bancos canxearon
parte das preferentes.
Neste escenario, o Goberno central recoñece que se a lei galega chegase a aprobarse "tería efecto sobre ese 20%-25%".
Isto é, as persoas estafadas recuperarían todo o perdido. Pero esa
devolución "derivaría nun impacto nos recursos públicos" porque o Estado
segue controlando BFA, isto é, a matriz de Bankia, e ademais
activaríanse "garantías concedidas en desinvestimentos previos". Eses
cartos sairía do orzamento do FROB, o mesmo sobre o que se cargaron
operacións como o rescate de Novagalicia Banco, do que non se recuperaron uns 8.000 millóns de euros públicos.
Isto, advirte, "xeraría un aumento do déficit", polo que o Executivo español "non presta a súa conformidade" para a tramitación da lei. Faino amparándose no artigo 134.6 da Constitución,
que permite ao Goberno bloquear calquera cambio nas leis que implique
un incremento do gasto ou unha diminución de ingresos no erario.
Con esta operación o Ministerio de Economía oponse, a efectos
prácticos, a engadir unha disposición adicional e dúas transitorias á lei de reestruturación do sector bancario do ano 2012, a que incorporou ao ordenamento xurídico estatal as condicións do rescate europeo do sector.
Nese texto o Parlamento galego fixaba unha definición formal para distinguir persoas aforradoras e clientes retallistas,
indicando que se considerarían "aforradores" as persoas que non
contratasen previamente produtos financieros complexos ou que cando lles
colocasen as preferentes coidasen que estaban a contratar unha conta de
aforro ordinaria, así como á clientela que simplemente fose enganada.
Ademais, a lei galega establecía que as persoas que se atopasen nesta
situación non poderían ser vítimas dun desafiuzamento se non podían
afrontar unha hipoteca contratada coa mesma entidade que as estafou.
Fica así suspendida unha lei que, non obstante, naceu marcada pola contradición no seo do PP.
Non en van, o mesmo día en que a lei comezou a tramitarse no Parlamento
de Galicia co apoio de todos os grupos o BNG defendeu unha iniciativa
practicamente idéntica no Congreso dos Deputados.
Mentres, no
lexislativo galego, o PP defendía o texto como "un chanzo máis na
procura dun fin compartido: que o 100% dos enganados recuperen o 100%
dos seus aforros", en Madrid os populares rexeitaban a iniciativa que, acusaron, estaba inspirada por una intención da esquerda de "usar a dor" das persoas enganadas polos bancos." (Praza Pública, 13/02/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario