"O xulgado de primeira instancia de instrución número 1 de Caldas de Reis vén de citar a declarar en calidade de investigados a todos os concelleiros do PP no Concello de Valga,
así como o seu alcalde -do mesmo partido- polos presuntos cobros
irregulares procedentes das arcas municipais.
Todo o equipo de goberno
deste municipio está imputado por presuntos delitos de malversación e
prevaricación derivados do cobro polas asistencias do rexedor e dos seus
edís a unhas reunións semanais denominadas comisións de coordinación,
unha peculiar figura instaurada nesta localidade desde hai máis de dúas
décadas.
Na demanda, admitida a trámite o pasado verán, os denunciantes sinalan
que estas comisións de coordinación véñense realizando dende o ano 1992,
momento no que José María Bello Maneiro accedeu á alcaldía, na que
continúa a día de hoxe. O PSdeG, único partido na oposición e quen
denunciou estes feitos, advirte que os pagamentos recibidos polo rexedor
e os concelleiros do grupo de Goberno pola asistencia a estas xuntanzas
son mesmo superiores aos órganos colexiados regrados.
Así, tal e como
se pode comprobar na documentación municipal, os edís populares cobran
60 euros por cada vez que asisten a unha desas comisións de
coordinación, a mesma cantidade que reciben os concelleiros por acudir á
xunta de goberno, 10 euros menos que pola asistencia ao pleno e 30
menos que pola presenza nas sesións informativas.
Ademais, o PSdeG lembra que estas novidosas xuntanzas, que levan
vixentes 25 anos en Valga, non están recollidas nin amparadas pola lei e
a elas non asiste funcionario ningún do Concello, nin tan sequera o
secretario. Segundo cálculos do grupo socialista, os presuntos cobros
irregulares terían suposto preto de medio millón de euros ás arcas
municipais desde 1992 e, na actualidade, supoñen 25.000 euros anuais nun
municipio duns 6.000 habitantes.
Segundo fontes coñecedoras do proceso xudicial, a información
achegada polo interventor ao maxistrado nas dilixencias previas advertía
dun gasto para o Concello de 215.000 euros no período entre 2003 e 2016,
o que supón unha media de máis de 15.000 euros en cada exercicio e dun
total, de estendelo a todo o período,duns 400.000 euros.
Precisamente,
na providencia que agora cita como investigados os concelleiros do PP, a
xuíza solicita ao mesmo interventor e ao secretario municipal que
acheguen tamén documentación "das persoas que viñeron recibido ingresos
por asistir ás comisións de coordinación desde o ano 1992 até 2003, así
como as cantidades percibidas por aquelas".
A maxistrada reclama tamén que se acheguen ao xulgado "datos
identificativos de quen era alcalde do Concello, secretario e
interventor no momento de creación das comisións de coordinación
investigadas".
Hai xa anos que a oposición denunciou a existencia destas dubidosas
comisións de coordinación en Valga, aínda que non foi até hai uns meses
cando o PSdeG decidiu denunciar nun xulgado a situación.
O grupo
socialista destaca que o goberno local veu obstaculizando os intentos da
oposición de fiscalizar estes cobros irregulares, denegándolle
información sobre estes pagamentos ou sobre as actas das citadas
xuntanzas. Algúns dos datos aos que si puideron acceder os concelleiros
socialistas acreditan que o custo para o Concello da asistencia a estas
xuntanzas só no primeiro trimestre de 2015 ascende a case 8.000 euros,
tal e como destacaba na denuncia.
Desde o PSdeG da localidade cualifican de "escandaloso" a existencia
destes "sobresoldos para cargos do Partido Popular" no municipio, así
como o elevado custo que iso tería suposto para as arcas municipais.
As primeiras declaracións dos concelleiros do PP e máis do alcalde
levaranse a cabo o vindeiro 29 de marzo, mentres que a segunda quenda
terá lugar o 5 de abril, xornada na que tamén declararán como testemuñas
o interventor e o secretario municipal." (Praza Pública, 19/01/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario