"O 13 de marzo de 2018 será o centenario da chamada Revolta de Sedes ou Revolta das Pedradas,
un movemento de protesta social que comezou uns días antes en Xuvia
(Narón) e que desde alí se estendeu a varios concellos da comarca de
Ferrolterra e outras zonas limítrofes e que nesa data acabou con 6
labregos mortos a mans da Garda Civil.
Este domingo
constituíuse na parroquia naronesa de Sedes a comisión organizadora dos
actos do centenario. Na primeira xuntanza representantes dunha decena de
entidades da comarca, así como persoas que acudiron a título
individual, expresaron o seu apoio a esta iniciativa, co compromiso de
traballar ao longo dos próximos meses na concreción dun programa de
actos contra aquelas datas. Nunha moción, que será debatida no pleno
municipal ordinario deste mes de marzo, o BNG solicita que o Concello e
todos os grupos políticos se sumen á comisión.
Segundo explica a agrupación local do BNG, os motivos do inicio das
protestas, ao redor do 8 de marzo, foron varios, "mais os abusos que
naquela altura se cometían sobre os labregos da zona, unidos á escaseza
de trigo e á desproporcionada carestía de vida, provocaron que a lapa
prendese rapidamente".
A revolta labrega foi en aumento, con accións de
boicot á entrada de mercadorías a Ferrol e co o corte do tráfico
ferroviario; a ela sumáronse tamén folgas obreiras, nomeadamente nos
estaleiros, e manifestacións de traballadores e traballadoras de varias
fábricas da comarca. Entre elas, destacou a decidida actuación
das traballadoras da fábrica téxtil de Xuvia, que protestaban pola
perigosidade do seu labor, as malas condicións laborais e os seus baixos
salarios.
Era o 13 de marzo, día de Santa Lucía, data na que na Feira do Trece,
en Sedes, se celebraba o meirande encontro anual de tratantes de gando
da comarca. Segundo destaca o Concello de Narón na súa web,
"a publicación polo Concello das listas de reparticións da contribución
dos consumos provocaron protestas pola súa arbitrariedade.
Esta era tal
que se permitía que un adiñeirado concelleiro, José Pazos Freire,
comerciante de ultramarinos e estanco pagase ese ano 1,92 pesetas de
contribución mentres que un humilde campesiño, Ramón López Pita pagase
polo mesmo concepto 110 pesetas".
A protesta comezou nunha tenda propiedade dun concelleiro. As balas da Garda Civil mataron a seis campesiños, sendo detidos moitos. Os traballadores do estaleiro de Ferrol convocaron unha gran manifestación que se dirixiu dende a cidade naval ata Sedes. A Revista Nós recolleu e denunciou os feitos no seu momento. As
autoridades decidiron o envío de tropas e a súa distribución polas
prazas. As protestas continuaron varios días, ata o 16 de marzo.
Na súa moción, o BNG de Narón salienta que "estes
acontecementos, que deixaron unha fonda pegada nas xentes da zona, non
son hoxe todo o coñecidos e recoñecidos que deberan. En ningunha outra
zona do país se manifestaron con tanta crueza os conflitos sociais dunha
época convulsa nun contexto de Guerra Mundial".
"Cremos que
estes sucesos deben de ter o mesmo recoñecemento que os ocorridos en
Sofán, Oseira ou Nebra no principio do século XX, dos que xa se teñen
feito multitude de estudos e que gozan dun recoñecemento como capítulos
sobranceiros da nosa Historia", sinalan, concluíndo que "a recuperación
deste capítulo da nosa historia e a homenaxe ás vítimas que perderon a
vida naqueles sucesos teñen que concitar non só o apoio social, senón
tamén a implicación institucional necesaria para que a memoria histórica
do pobo naronés non caia no esquecemento e as xeracións presentes e
futuras deste concello coñezan os episodios máis importantes da terra
que habitan". (Praza Pública, 13/03/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario