3/4/17

Falece Paco Souto, percebeiro, poeta e concelleiro do BNG, mentres faenaba en Razo

"vivo nun país de marea baixa
entre argazos e agullas de coral
construímos a ilusión do solpor
mentres
o sol debruza con quietude
os seus pés
na lagoa da tarde
de enchermos a lúa
o noso país cativo
afogaría en sal océana
apenas é un baixo a romper
a pedra azul das augas
un salseiro de cobalto
sen terra para a labranza
sen augas de beber
sen respiro apenas"

'Metamorfose'. Paco Souto

  
 O mar levou na mañá desta quinta feira, 30 demarzo, a Paco Souto (A Coruña, 1962) , percebeiro, poeta e concelleiro do BNG en Malpica, unha das persoas que máis o amou. Souto estaba faenando na zona de Razo, Carballo, canda outros percebeiros.

 Tres deles tiveron que ser rescatados. A morte de Paco Souto tinxiu de dor Malpica e A Costa da Morte, onde era coñecido e apreciado polo seu labor en eidos como o activismo, nomeadamente á fronte da asociación Caldeirón


 O alcalde de Malpica xa anunciou que suspendía o pleno previsto para esta quinta feira. Porén, a corporación reunirase para mostrar as súas condolencias polo falecemento do concelleiro nacionalista.
Desde o BNG amosaron o pesar pola morte do seu compañeiro e transmitiron condolencias a familiares e amigos. “Con todos e todas nós quedan para sempre a súa escritura, os seus recitais, a súa acción política e social, o seu compromiso co este país e coa súa xente.

 Sempre será lembrado pola súa calidade humana, polo seu facer literario, pola súa entrega ao mundo do mar e polo seu profundo compromiso político na defensa de Galiza”, expresan nun comunicado. "Unha das voces máis xenerosas de toda a Costa da Morte sempre ao lado das causas boas e xustas".


Paco Souto foi coeditor de Edicións do Dragón e da colección Letras de Cal. Participou en varias exposicións colectivas, colaborando tamén en obras teatrais. Foi presidente da asociación de mariscadores e da asociación Caldeirón. Entre as súas obras, ‘Fado’, ‘As árvores do incesto’ ou ‘Crebar cristais coa lingua’. Na súa implicación social tamén destacou no movemento antimilitarista, conde foi un dos responsábeis da revista AR!

Non foi Paco Souto o único traballador que este 30 de marzo deixou a vida en Galiza nun accidente laboral. Un operario morreu na mañá desta quinta feira após caerlle unha pedra enriba mentres traballaba nunhas vivendas en construción en Ponteareas."                (Sermos Galiza, 30/03/17)

No hay comentarios: