"A causa foi aberta após a denuncia apresentada por José Domingo Rodríguez,
un empresario lucense que ficou excluído do concurso e que alegou que
os adxudicatarios tiveron acceso a información privilexiada que lles
permitiu facer unha oferta gañadora na licitación.
A deputada do BNG Montse Prado leva este asunto ao
Parlamento galego a meio dunhas iniciativas en que se poñen en destaque
as vinculacións dunha das empresas adxudicatarias, Ambuibérica, co PP.
"Até onde está disposto a chegar para favorecer a empresas amigas do
PP na adxudicación de concursos públicos da Xunta?", inquire a
parlamentar.
Prado salienta que o BNG xa fixera en sede parlamentar "reiteradas
denuncias e advertencias" sobre este proceso de adxudicación, "ás que,
como é habitual, fixeron ouvidos xordos", critica, ao tempo que denuncia
que sexa unha soa empresa a que estexa copando a parte do león das
adxudicacións da Xunta en materia de transporte por ambulancia.
"Practicamente non fica ningún empresario galego no sector das
ambulancias, estando este en case a súa totalidade en mans de
Ambuibérica, e iso apesar de que as relacións laborais non fixeron máis
que empeorar ao igual que a calidade asistencial", di Prado.
Recentemente, o BNG mantivo un encontro cos responsábeis sindicais do
sector do transporte sanitario de urxencias do 061, reunión en que
recibiu información sobre as "numerosas irregularidades na prestación do
servizo por parte da empresa adxudicataria", entre elas "unha
dispoñibilidade de efectivos técnicos e humanos por debaixo do recollido
no prego de contratación". (Sermos Galiza, 02/02/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario