"A escola de ensino en galego Semente presenta un
libro caderno con deseños, información e actividades das mascaradas máis
coñecidas do país. Entrevistamos a Oscar Sotelo, un dos promotores
desta obra que busca recuperar parte da cultura do entroido galego pero
dándolle un enfoque diferente, por exemplo, na perspectiva de xénero.
A presentación primeira deste traballo tivo lugar o pasado sábado no
local social da Gentalha do Pichel aproveitando estarmos xa en pleno
entroido e intervindo na mesma Óscar Sotelo “Frebas”, autor da idea
orixinal.
A obra está editada por Semente Compostela e
nela participou un equipo de traballo ligado a ela aínda que a
coordinación editorial, ilustracións, contidos e documentación correron a
cargo de Óscar a quen entrevistamos.
Quen é Óscar Sotelo "Frebas"?
Son o papá dunha nena da Semente Compostela (e doutra aínda pequena)
que xunto coa miña parella Tamara nos propuxemos colaborar na busca de
financiamento para este proxecto que consideramos tan importante para a
supervivencia da nosa lingua.
Que é "entruidos e mascaradas na Galiza"?
É un libro con estética de caderno para todas as idades onde se amosan
en 58 deseños case 70 mascaradas da Galiza, acompañados dunha breve
explicación da súa dinámica e do lugar do que proceden. Cada deseño vai
tamén acompañado dunha actividade que aporta coñecementos sobre todo o
ciclo festivo.
Hai actividades de lecto-escrita, xogos, receitas,
adiviñas, refráns, actividades manuais... todo un mundo de propostas
ideais tanto para centros educativos como para as familias que desexen
ter unha visión mais rica desta parte tan importante do noso patrimonio
inmaterial.
Como xurdiu a idea de crear esta obra?
Na casa sempre gostamos moito de saír a vivir os Entroidos menos
“turistificados” e considerabamos que o descoñecemento da inmensa
maioría das máscaras era moi xeneralizado. Do mesmo xeito, non existe
material sobre este tema enfocado a crianzas e a boa acollida do
anterior material da Semente “Árvores na Galiza”, animounos a traballar
neste libro.
Como foi o proceso de documentación e de creación? Contastes co asesoramento dalgún antropólogo e/ou especialista neste eido?
A documentación baseouse no traballo de campo levado a termo pola
familia todos estes anos ao que hai que engadir a consulta de libros
especializados e o contacto con xentes dos lugares descritos. No libro
colaboraron nais e pais da Escola e mesmo xente non relacionada coa
Semente. A comisión de lingua e de xénero da Semente tiveron moita
importancia no proceso de creación. Contamos coa axuda de xente
especializada neste eido para a revisión dos contidos.
Porque algunhas figuras do entroido que saen no libro se "feminizaron"?
Un dos piares das Escolas de Ensino Galego Semente é a igualdade de xénero e favorecer o empoderamento das nenas.
As máscaras máis dinámicas do noso Entroido e doutras festas sempre
estiveron reservadas aos homes na súa maior parte e as mulleres vestían
traxes cunha estética máis elegante e cunha dinámica menos atrevida,
máis enfocada ao lucimento estético. Hoxe xa non é así, atopamos
peliqueiras, boteiras, choqueiras... e consideramos importante amosar de
xeito claro este cambio, que non debería xerar ningunha sorpresa. A
capa do libro, onde se pode ver unha peliqueira amamantando, é unha
imaxe que representa claramente este aspecto ao tempo que expón outro
piar importante da Semente; a crianza respectuosa e con apego.
Cal será o destino dos beneficios polas vendas?
O destino é na súa totalidade o financiamento das Escolas de Ensino
Galego Semente, escolas que defenden a coeducación, a laicidade, o
asemblearismo, a interacción pola natureza, o respecto pola
autorregulación das nenas, a integración no contexto do barrio e que
favorecen a adquisición, coidado e consolidación da nosa lingua.
Na presentación puidemos ver unha "Choqueira" a correr o
entroido cos pais, nais e nen@s polo casco vello de Santiago. A
Choqueira é unha recreación dalgunha máscara existente na tradición
galega ou creouse "ex profeso" para darlle promoción e visibilidade ao
acto?
A choqueira existiu en moitas vilas galegas e mesmo aínda saen a
troulear nalgunha delas. Caracterizábanse por ir vestidas con roupas
vellas, levar a cara tapada para non seren recoñecidas, levar chocallos
cos que avisaban da súa presenza e polo seu carácter provocador e de
contraposición ante o politicamente correcto. En Compostela existiron, e
agardamos poder recoller información para poder recuperar esta máscara
do xeito máis preciso posíbel, tanto na súa dinámica como na súa
estática.
Onde se pode mercar o libro actualmente e que presentacións tedes por diante estes meses?
Todos os puntos de venda pódense consultar na páxina que temos no
Facebook (Entruido e mascaradas na Galiza). Estamos espallando o libro
por todo o país coa colaboración de asociacións, librarías, empresas e
part/culares e mesmo se pode mercar on-line en www.galiciangifts.com" ( Galicia Confidencial, /21/02/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario