"En 2012 o Goberno central aprobou un Código de Boas Prácticas
para as entidades bancarias, co obxectivo de reducir o número de
execucións hipotecarias, cando menos nos casos máis graves de
desprotección social e precariedade económica.
A adhesión dos bancos era
meramente voluntaria, aínda que unha vez que aceptasen a regulación,
esta si era de obrigado cumprimento por parte das entidades financeiras,
que na súa gan maioría si se adheriron a ela.
O Código de Boas Prácticas só
se aplicaba ás hipotecas sobre a vivenda habitual de familias con todos
os membros no paro e sen outros ingresos, entre outras condicións.
Nestes casos, se había prazos non satisfeitos o
banco quedaba comprometido a ofrecerlle á persoa debedora un período de
carencia de 5 anos, no que esta pagaría unha cota reducida, abonando
unicamente intereses calculados sobre o Euribor máis 0,25%; o
Código prevía a posibilidade de que se esta medida non era
suficientente, a entidade permitise unha quita de parte da débeda,
chegando mesmo á dación en pago, é dicir, a resolver a situación entregando a vivenda, sen arrastrar outras consecuencias.
Porén, os colectivos anti-desafiuzamentos veñen
denunciando nos últimos anos casos nos que as entidades bancarias non
informan os clientes que se atopan nas situacións contempladas polo
decreto da posibilidade de acollerse aos mecanismos previstos. En
Ferrol este martes chegou ao xulgado a denuncia presentada por unha
familia contra o BBVA, ao que acusan de ter iniciado o procedemento de
execución hipotecaria sen propoñerlles, como estaba obrigado, estoutras
solucións.
No xuízo están presentes os avogados José María
Erauskin e Maite Ortiz, do movemento antidesafiuzamentos de Guipúscoa,
que salientan que "o BBVA non informou da existencia do Código de Boas
Prácticas, con detalle das medidas que ofrece e os requisitos que esixe"
e explican que dado que isto non constitúe por si só unha causa de
oposición á execución, "vímonos obrigados a acudir a un procedemento
declarativo ante o xulgado de instancia e solicitar do xuíz que declare
que BBVA non cumpriu coa obrigación que se especifica no artigo 5.9 do
Código de Boas Prácticas, que iso causou un dano importante ao noso
defendido que agora se ve inmerso nun procedemento de execución
hipotecaria no que non debía estar, de cumprir o Banco coa súa obriga".
Erauskin e Ortiz destacan que "este
procedemento é importante porque se gañamos ábrese unha porta para
todos aqueles que foron ou están sendo executados directamente sen que a
entidade lles informara da existencia do Código e as súas
posibilidades, e iso con independencia de que, posteriormente, o
executado non cumprise cos requisitos, pois unha cousa é a obriga de
ofrecelo, e outra cousa é que se xunten os requisitos".
Nos minutos previos á vista, Stop Desafiuzamentos, a
Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra e a PAH de Ferrol e Comarca
convocaron no exterior dos xulgados da cidade naval unha concentración
de apoio á familia afectada.
Estas mesmas
entidades presentaron unha proposta de moción no Concello de Ferrol,
para que se trate no pleno municipal deste 25 de maio. Demandan que o
Concello "se implique na divulgación do Código de Boas Prácticas
Bancarias e inste as entidades financeiras a cumprir a lei".
"Esta moratoria é de obrigatoria aplicación polos
bancos para aquelas persoas que cumpran os requisitos de vulnerabilidade
que normalmente son as mesmas que están acudindo aos servizos sociais
dos concellos a solicitar a axuda pública.
Os
bancos estanse aproveitando da situación de vulnerabilidade das persoas e
intentan apoderarse de todo o diñeiro do que podan dispoñer as familias
e mesmo de fondos públicos que poidan conceder os concellos en forma de
axudas de emerxencia, en lugar de informar por escrito ás
familias vulnerábeis do seu dereito a solicitar unha moratoria do seu
préstamo hipotecario", explican as entidades." (Praza Pública, 23/05/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario