"A couza guatemalteca ou couza da pataca é un insecto que como o seu
nome indica provén de Guatemala e se estendeu a toda América Central. No
estado español xa tiña aparecido nas Illas Canarias nos anos 1998-99. N
Galiza detectouse en 2015 e posibelmente a chegada ao noso país fose
por transporte marítimo, xa que as zonas afectadas (Ferrolterra e a
Mariña Lucense) son lugares de portos comerciais.
Ao igual que todas as couzas, teñen hábitos nocturnos e como moito
poden ter un radio de acción de 1km, por iso é tan importante que os
armacéns dos lugares afectados sexan revisados e que non se envíen fóra
patacas cultivadas nas zonas afectadas.
Como se vai coñecendo a "crise da pataca"
No DOG do 16 de Outubro do 2015 delimitábanse as zonas demarcadas coa
praga, e as medidas urxentes que se ían adoptar, estabelecendo, nun
primeiro momento, 3 concellos: Ferrol, Narón e Neda. Aos poucos meses,
no DOG de 11 de Febreiro de 2016 ampliábanse as zonas afectadas pola
couzae engadaíanse os concellos da Mariña Lucense: Cervo, Foz, Xove, O
Valadouro e Viveiro.
E onde se volta a advertir que "A Tecia
solanivora Povolny é unha praga incluída na lista A2 da EPPO (European
Plant Protection Organization), e no anexo II, parte A, sección I, da
Directiva 2000/29/CE do Consello, do 8 de maio de 2000, polo que se
considera unha praga de corentena, sometida a regulación e, por tanto, é
necesario tomar medidas para a súa erradicación e control."
Un ano despois, voltamos a ter outra resolución da Dirección Xeral de
Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias publicada no DOG a 2
de Febreiro deste ano, onde se voltan a ampliar as zonas con presenza
da couza guatemalteca: na provincia da Coruña son Ferrol, Narón, Neda,
Ares, San Sadurniño, Fene, Mugardos, A Capela, Ortigueira, Cabanas, As
Pontes, Valdoviño e Mañón; mentres que na provincia de Lugo son os
concellos de Xove, Viveiro, O Vicedo, Foz, Cervo, Burela, Barreiros,
Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol,
Abadín, A Pastoriza, Riotorto e A Pontenova. Así, en algo máis dun ano a
Xunta pasou de recoñecer 3 zonas afectadas a 8 e a seren finalmente 31
os concellos onde está prohibido plantar pataca.
Unha semana despois da ultima publicación do DOG desta ampliación de
zonas prexudicadas, aparece outra resolución no diario oficial onde se
fala por primeira vez das medidas que se van exixir tanto a produtores
como vendedores de pataca nas zonas afectadas, a famosa declaración de
cultivo, onde tamén se di que mentres non se aprobe a normativa estatal a
recomendación é non realizar plantación deste cultivo.
Cando isto sucede, 14 de febreiro, hai xa moitas plantacións de
patacas de cedo, o cal produce unha forte incerteza entre a xente que xa
plantou, porque aínda non está informada de nada e nin sequera sabe
como vai solucionar o seu problema. Pero a realidade para os concellos é
aínda peor, coñecen a medida a través dos medios de
comunicación, en vez de ser a Xunta quen lles dea as explicacións de
cales van ser os medios para combater a praga. Así que os concellos
afectados non poden dar explicacións ningunhas aos seus veciños.
O día 3 de marzo deste ano sae o Real Decreto para o programa de
erradicación e control da couza guatemalteca no estado español (Galiza,
parte de Asturias e Canarias), onde se prohibe a plantación de pataca
nas zonas afectadas. O 8 de marzo, a Xunta volta a publicar outra
resolución coas medidas que se van levar a cabo quer nas plantacións
quer nos armacéns e marcar zonas afectadas, e zonas tampón (zonas nunha
franxa de 5 km. arredor do límite dos concellos afectados) onde hai
municipios con 95% do seu terreo en zona tampón, polo que se fai
extensivo a todo o concello, e outros só afectados en parte. Os
concellos tampón son: Somozas, Moeche, Cerdido, Cedeira e Cariño. E os
concellos parcialmente afectados son Miño, Vilarmaior e Monfero na
provincia da Coruña e Xermade, Muras, Vilalba, Cospeito, Castro de Rei,
Pol, Meira, Ribeira de Piquín e A Fonsagrada na de Lugo.
A situación actual
Despois de que a Xunta dese a coñecer as medidas que ía pór en marcha
comezou a información aos veciños a través de charlas con técnicos da
Consellaría, nalgúns casos, como en San Sadurniño, moi concorridas.
Nesas datas de abril, a Consellaría de Medio Rural informou nunha
reunión cos concellos que se ía enviar unha carta e un folleto
informativo ás casas sen enderezo postal, para informar dun xeito
sinxelo e efectivo de como se ía realizar, cando se ía realizar e os
horarios de recollida da pataca, quer a de nova plantación que a que
ficara de anos anteriores, ben como o paso por almacéns onde se garda a
pataca; e o envío dos sacos especiais, para seren recollidas as patacas,
aos concellos para a súa distribución aos veciños.
Mais a carta nunca
foi enviada, e os concellos tamén tiveron que informar os veciños de
como se ía proceder. Aliás, os concellos saben as datas de cando se vai
proceder con moi pouco tempo de antelación para avisaren os veciños de
que vaian buscar os sacos especiais onde gardar as patacas
A recollida de pataca comezou o día 2 deste mes de Maio nos concellos
de Ares e Cabanas na provincia da Coruña e de Riotorto e A Pontenova na
de Lugo. Son 25 equipas formadas por dúas persoas da empresa pública
SEAGA, que levan unha identificación, onde terán un traballo coordinado
desprazándose aos domicilios ou plantacións das persoas que declararon
tanto as parcelas cultivadas como ter pataca de semente ou pataca
armacenada para o autoconsumo.
Os técnicos recollen as patacas,
previamente envasadas en sacos especiais, revisan o contido e fan que os
afectados asinen un talón onde se reflictan os quilos que foron
retirados en cada casa. Estes sacos serán introducidos nun camión
fechado hermeticamente e que logo levarán a Cerceda onde se destruirá
todo o recollido e se levará a cabo un proceso tamén de desinfección dos
camións, para que non se estenda a praga as zonas non afectadas.
Os dous días seguintes 4 e 5 de Maio, quinta e sexta feira, tocoulles
a quenda a Fene e Mugardos na provincia da Coruña e Xove e Alfoz na de
Lugo. E así cada dous dias en outros catro concellos, chegando o día 15 e
16 a Neda ou o 22 e 23 a San Sadurniño.
Como sabemos, o consumo de pataca no noso país é moi importante, é a
base alimentar xunto co pan. E como non o ía ser menos tamén na nosa
comarca. Mais na nosa zona o cultivo é de autoconsumo. Un cultivo feito,
no xeral por xente maior, e que non só planta para o consumo da súa
casa, senón para o resto da súa familia: fillos, netos, compañeiros...
Polo que hai unha parte importante do noso país que consome moita pataca
pero non a merca.
E como é un cultivo de autoconsumo non temos un censo
de xente que planta pataca. Velaí o grande problema deste tema porque a
forma máis eficaz para que non se plante é o concienciación da xente.
Un traballo que debería ter feito a Xunta, que se comprometera en enviar
unha información que chegara a todo o mundo por vía postal pero non o
fixon, polo que quedou en mans dos concellos facer chegar a información.
Sendo este un problema que atnxe un terzo do país, afecta a parte
norte, aínda Feijóo non dixo nin unha palabra, e a conselleira moi
pouco, sobre o tema que estamos a tratar. E é un fenómeno que se agora
xa é serio, e se non se atalla e non se adoptan as medidas oportunas
pode traer maiores consecuencias.
Deste xeito, a Xunta parece estar
tomando decisións segundo lle veñen enriba os problemas, e levando o
tema con escurantismo. Os 50 efectivos para recoller as plantacións dun
terzo do país non parecen suficientes para levar a cabo as medidas que
se impuxeron.
Moitas das medidas que se tomaron non están sendo implantadas, como a
vixilancia das plantacións, a prohibición da venda de pataca a granel
das zonas afectadas, e isto vese nalgunhas feiras da comarca... Do mesmo
xeito que a Xunta non informa de se van estar suxeitas ou non ao IRPF
as indemnizacións que se poden solicitar.
Pese a todo, a maioría da xente, aínda que irritada, asumiu a
prohibición dun xeito moi responsábel. Aínda que queda a ver se a toda a
poboación lle chegou a información. E eles mesmos por non ter problemas
logo coa indemnización, por teren dous pagadores están deixando de
pedir a indemnización. E todo isto é pola pouca información que está
dando a Xunta.
En dous anos saberemos se chegou o final da praga ou haberá que
esperar algúns anos máis, algo que pode incidir no estamento da comarca e
no abandono da plantación para autoconsumo." (María López, Sermos Galiza, 17/05/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario