"Chegou o día. Despois de dous aprazamentos por mor das condicións
meteorolóxicas adversas (nomeadamente os fortes ventos), por fin este
martes puido lanzarse ao espazo o Marumasat II, a sonda
construída polos alumnos e alumnas do IES Maruxa Mallo (Ordes), o IES
Miraflores (Oleiros) e o IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), agrupados na Axencia Espacial Escolar Galega (a NOSA). (Ver vídeo)
Ante un gran numero de alumnos e alumnas, mestres e mestras e medios de
comunicación, reunidos no IES Maruxa Mallo (Ordes), o aparello elevouse
ata o ceo grazas a un gran globo de helio, que fixo que a sonda
acadase os 33 mil metros de altura, caendo tres horas e media despois
no lugar de Puxallos (Lalín), preto do lugar previsto.
Alí a
sonda foi recollida por un equipo integrado por alumnos e alumnas dos
tres centros, que comprobaron que conservaba a súa integridade e que os
equipos que transportaba se atopaban en boas condicións (pódese ver aquí
o vídeo gravado no momento da súa recuperación).
A sonda gravou imaxes durante o seu ascenso, ao igual que xa fixera na experiencia levada a cabo o pasado ano.
Ademais, o proxecto desenvolvido polo alumnado dos tres centros buscaba
recoller información sobre a capa de ozono a través da ferramenta
integrada Datalogger ozono. Ademais, na sonda viaxaron tamén
sementes de fabas, miñocas e unha mostra de saliva, cos que os rapaces e
rapazas realizarán experimentos científicos nos vindeiros días.
Segunda experiencia con éxito
Xa o pasado ano os alumnos e alumnas de 3º de ESO do ordense IES Maruxa
Mallo levaron a cabo -coa colaboración de Meteogalicia- un primeiro
lanzamento do MarumaSat. A iniciativa fora impulsada por tres
mestres do centro: Raquel Rendo (profesora de Tecnoloxía), Xosé Díaz (de
Matemáticas) e Xosé Manuel Fernández (de Lingua Galega).
Neste curso
Raquel Rendo dá clases en Oleiros e Xosé Díaz en Vila de Cruces. Isto,
lonxe de impedir a continuidade do proxecto, fixo que se ampliase,
implicando tamén a estes dous centros e permitindo o traballo conxunto
entre o alumnado dos tres institutos, que conformaron a Axencia Espacial
Escolar.
Hai unhas semanas falabamos con Sara Castro, alumna do IES de Ordes, unha das responsables do grupo de Comunicación do proxecto.
Castro destacaba o valor formativo desta actividade, non só pola
aprendizaxe concreta na construción da sonda e do proceso que levará ao
seu ascenso á estratosfera (na que as ciencias e as matemáticas son
fundamentais), senón pola experiencia de traballo práctico e de traballo
en equipo:
"Estudar nun instituto non é só memorizar textos ou
facer exames. Con este tipo de proxectos prácticos aprendemos moitas
máis cousas. Son iniciativas que espertan a nosa creatividade e axudan a
saber traballar en equipo. Axudan a xente, ademais, a descubrir o que
lles gusta e a decidir que camiño queren seguir". (Praza Pública, 31/05/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario