22/4/14

En risco de despexo unha familia de Brión que morou nunha vivenda protexida ''ilegal''

"Corría o mes de agosto de 2012 cando Marilena Calota e a súa familia --un adulto e dúas crianzas, para alén dela propia-- asinaron o contrato de aluguer dunha vivenda de protección oficial fincada no concello de Brión, na comarca de Compostela.

Pasaron sete meses cando souberon que a intención da construtora, Urban, era levantar un aparthotel mais que o inmoble rematou catalogado como "aloxamento protexido". Após denunciar varias irregularidades perante a empresa, esta non ocultou a situación de ilegalidade do edificio e ofreceu un segundo piso. Tamén en Brión. Tamén de protección oficial.

"Era unha vivenda con terraza, algo máis grande que a anterior e máis céntrica. Estabamos moi ben até que a propia policía municipal comezou a presionar dicíndonos que este inmoble tampouco era legal e que non nos podiamos empadroar porque os papeis do contrato non os tiñamos en regra", explica Marilena Calota en conversa con Sermos Galiza.

A inquilina voltou a Urban. Tampouco desta volta a construtora ocultou as irregularidades e, alegando problemas co Concello na tramitación das correspondentes licenzas, ofreceu un terceiro inmoble. Tamén en Brión. Tamén de protección oficial.

"E desta volta pensabamos que todo estaba dentro da lei até que hoxe --en referencia a esta segunda feira 17 de marzo-- fomos ao Instituto Galego de Vivenda e Solo e nos atopamos coa sorpresa". De que sorpresa fala Calota? "O noso contrato non existe. Nen este nen o anterior. Nós témolos, e todos os recibos da luz e da auga, mais en Vivenda e Solo non estamos rexistrados.

Figura o primeiro aluguer e nengún máis". Con todo, a familia, que está en risco de despexo pois debe deixar a súa vivenda en abril, denuncian tamén as "cláusulas abusivas" que Urban incluíu no seu contrato de aluguer.

Cando se mudaron do primeiro ao segundo piso, a inmobiliaria (e construtora) reclamou 1.300 euros por deixar o inmoble antes da finalización do contrato "malia que a casa era ilegal e que nós estabamos ao día con todos os recibos".

Aliás, segundo relata Marilena Calota, o novo contrato estabelecía tamén que renunciaban á fianza do anterior e que debían 600 euros de luz "e non tiñamos contadores senón que era luz de obra". Para alén de todo isto, tamén se comprometeron a pagar 200€ de luz dunha débeda que deixara o inquilino anterior.

Se a familia era consciente desta situación abusiva, por que asinaron o novo contrato con Urban? "Porque o asinou o meu home, que sofre unha enfermidade dexenerativa e naquela altura estaba cun brote e tiña medio corpo paralizado. Aproveitáronse diso e eu só souben o que asinara recentemente, repasando as condicións do contrato para poder reclamar", explica Calota.

A día de hoxe, na casa desta veciña de Brión entran unicamente uns ingresos de 426 euros. O aluguer --de protección oficial-- custa 257€ mensais, aos que hai que sumar a luz e a auga. "Hai veciñanza no mesmo edificio que non está como protección autonómica e que paga menos ca nós", denuncia a muller, queixándose dos prezos elevados que estabeleceu a construtora, pois o metro cadrado sae a 462€ en Brión e lonxe de calquera servizo.

"As cláusulas abusivas do primeiro contrato mantivéronse nos seguintes", subliña Pilar Gayoso, activista de Stop-desafiuzamentos en Compostela. Coñece de primeira man o caso da familia Calota e coñece tamén a inmobiliaria Urban, pois non é a primeira vez que lidan con ela. No mesmo edificio, o que ía ser un aparthotel, a plataforma cidadá presionou a empresa até que permitiu un aluguer de 230€ mensais a unha parella moza que non tiña ingresos.

"Que os sete meses de aluguer que pagamos no edificio ilegal computen como pagados neste, ao ser a mesma inmobiliaria, para termos esa marxe de tempo para buscar outra solución e, ao tempo, que remate o curso escolar", enumera Marilena Calota. As súas crianzas estudan a primaria no colexio público de Brión.

Cal é a postura da inmobiliaria, do Concello e da Xunta?

En Urban "o director parapétase detrás dos traballadores" e "alega que non son unha institución pública", contan Calota e Gayoso. Stop-desafiuzamentos denuncia, aliás, que a empresa aproveite os recibos da luz ou da auga para cobrar "máis do que deben".

Na Xunta, desde o Instituto Galego de Vivenda e Solo esixen unha demanda en que se especifique que unha vivenda catalogada como de protección oficial non reúne os requisitos mais, contodo, "non teñen nada lexislado para persoas que viven de aluguer e quedan sen ingresos; só para hipotecas", continua Pilar Gayoso.

E, por derradeiro, desde Concello de Brión "a asistenta social díxome que hai familias que viven con menos do que eu teño e que 200€ dan para chegar a fin de mes" namentres explican que non dispoñen de pisos de protección nen en aluguer social "e axudan con espagueti, arroz e lentellas". (Sermos galiza, 18/03/2014)

1 comentario:

Las marujas opinamos dijo...

Hola,soy Marilena.Muchas gracias por contar la verdad y por su apoyo. Ahora nuestra vida ha cambiado mucho ,estamos trabajando y estamos rodeados de gente maravillosa. Pero nunca olvidaré los malos momentos que hemos pasado y la injusticia que nos han hecho.