"A Consellería de Medio Rural acaba de facer
públicos, como lle obriga a Lei de Transparencia, os convenios que
firmou no primeiro cuadrimestre do ano. Da ducia de acordos que implican
algunha subvención, 10 están destinados a transferir diñeiro público a
determinados medios de comunicación.
Determinados, porque Medio Rural subvenciona a dedo exclusivamente aos
xornais en papel, boicoteando outros formatos informativos. Entre as
cabeceiras impresas, ademais, o reparto é moi desigual.
Así, La Voz de Galicia volve ser a gran beneficiada no reparto da Xunta de Alberto Nuñez Feijóo. Até 149.767 euros
recibirá o diario de Santiago Rey a cambio da “elaboración,
maquetación, publicación e divulgación dun suplemento de accións
divulgativas e informativas relacionadas co desenvolvemento da produción
agroalimentaria de Galicia”. É dicir, de producir un suplemento para
informar de sectores que precisamente xestiona a Consellería de Medio
Rural.
Para o resto de xornais en papel hai moito menos diñeiro. Faro de Vigo
leva 69.000 €, El Progreso de Lugo 24.000, La Región 23.000, El Correo
Gallego 16.000, Diario de Pontevedra 10.000, La Opinión 8.000, Atlántico
Diario 3,700, Diario de Ferrol 3.700 e Diario de Ferrol 1.800.
A cambio destas faragullas, estes xornais non terán que publicar un
suplemento como La Voz. Abondaralles realizar “accións divulgativas e
informativas relacionadas co desenvolvemento da produción
agroalimentaria de Galicia”.
Informar sobre o traballo de Medio Rural,
noutras palabras.
Todos os convenios foron asinados o mesmo día, o 27 de xaneiro,
o que indica unha estratexia determinada de subvencionar a dedo a
algunhas cabeceiras. A dedo porque os convenios son instrumentos
totalmente discrecionais. A diferencia das axudas vía DOG, non hai
publicidade, nin concorrencia.
Cada mandatario escolle a quen subvenciona mediante criterios
totalmente subxectivos. En teoría, os convenios non poden ter ánimo de
lucro. A Xunta leva usándoos sen interrupción dende a era Fraga para
influír na liña editorial das cabeceiras.
A concesión destas subvencións chega nunha primavera na que a Consellería rexeitou en repetidas ocasións a apertura de liñas de subvencións para compensar aos agricultores polas xeadas que
arrasaron gran parte de colleitas como o viño. A conselleira Ángeles
Vázquez Mejuto semella non ter diñeiro para axudar aos seus
administrados, pero si para subvencionar a unha parte dos que informan
sobre a súa labor." (Galicia Confidencial, 06/06/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario