"Este martes a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia informou
de que vén de abrir un expediente sancionador a 25 empresas
subministradoras de sistemas de electrificación e equipos
electromecánicos para a rede ferroviaria.
Unha investigación
administrativa que se facía pública pouco despois de que Adif, a empresa
estatal xestora da maioría da rede, informara, en resposta a unha
pregunta parlamentaria de En Marea no Congreso, de que abriu un
expediente sobre as derivadas internas que poida ter a investigación
xudicial en marcha desde hai catro anos sobre supostos subornos pagados
por construtoras a técnicos seus para que lles validasen obras non
realizadas segundo o contratado.
Se a investigación de
Competencia analiza o encarecemento das obras ferroviarias, tamén as
galegas, por un posible pacto entre empresas, a xudicial e agora tamén
interna de Adif estuda a posible rebaixa da calidade das actuacións
realizadas, varias delas en Galicia.
A investigación xudicial sobre presuntos subornos a técnicos de
Adif por parte de construtoras iniciouse a raíz dunha denuncia sobre
irregularidades nunha obra do AVE en Barcelona realizada por Isolux
Corsán entre 2008 e 2011, pero estendeuse máis tarde a actuacións por
toda España.
Os investigadores atribúen á empresa o regalo de
viaxes de pracer a responsables de Adif a cambio de que validasen como
realizadas obras que non se executaran ou feitas con materiais ou
técnicas de inferior calidade. Un dos treitos que se adxudicou Isolux
Corsán, en 2003, foi o Ourense-Amoeiro da liña de AVE Ourense-Santiago.
Segundo informou El País, a empresa soubo que “un tipo de formigón” empregado na obra “non ofrecía a resistencia necesaria para o encofrado”,
pero aínda así evitou revisar a obra. Corsán, segundo os investigadores
citados polo diario, aboou unha viaxe de pracer ao director da obra de
máis de 1.500 euros.
Os investigadores non só levaron máis alá de Barcelona a súa investigación sobre Corsán senón que tamén ampliaron as súas sospeitas a outras empresas, como as galegas Copasa e Puentes y Calzadas. Novamente segundo El País, as dúas pagaron tamén viaxes de pracer a cargos de Adif, a primeira en colaboración con Corsán e Acciona en relación coa obra de Barcelona e a segunda ao tempo que era adxudicataria da construción de treitos do AVE galego como o acceso a Santiago ou o Requejo-Padornelo.
Segundo o Goberno, a propia Adif está a colaborar coa investigación
xudicial desde mediados de 2013 e agora vén de responder a En Marea que
tamén abriu un expediente interno. Segundo esa resposta, “se esixirán as
responsabilidades que correspondan adoptar no proceso penal no que Adif
se atopa persoado como acusación particular, e as de índole
disciplinaria se adoptarán por Adif no que a pendencia do proceso penal
permita”. Adif tamén sinala que revisa como se realizaron as obras en
cuestión.
Á marxe destas investigacións tanto penal como interna de Adif sobre a
relación entre as construtoras e os técnicos da empresa pública, Competencia vén de abrir outra a 25 empresas
suministradoras de sistemas de electrificación e equipos
electromecánicos para a rede ferroviaria por “posibles prácticas
anticompetitivas”.
Competencia analizará se as empresas se
puxeron de acordo para repartirse entre elas os concursos públicos de
instalación e mantemento dos sistemas de electrificación e seguridade
das liñas ferroviarias. Entre as firmas implicadas están as principais
do sector e as súas matrices, que nos últimos anos veñen traballando de
xeito activo no AVE galego: Alstom, ACS, Comsa, Elecnor, OHL, Isolux
Corsán, Abengoa, Indra Sistemas, Sacyr ou Siemens.
As sospeitas que estas investigacións espertan sobre como foi
construído o AVE galego por parte das empresas adxudicatarias e os
sobrecustos que se lles pagaron engádense ás que a causa de Angrois ten
abertas sobre a xestión e operación da liña Ourense-Santiago por parte
de Adif.
Porén, se nos dous primeiros casos o que se investiga é se as
empresas adxudicatarias ocultaron información a Adif sobre os materiais e
técnicas que empregaron ou se pactaron uns prezos máis elevados polos
seus servizos, a
documentación achegada á causa de Angrois revela que as empresas
informaron a Adif dos riscos existentes na liña pero sería esta a que
non os xestionou de xeito adecuado para evitar o accidente.
Isto é, as
investigacións sobre os supostos subornos das construtoras e o presunto
cártel das empresas poñen o foco sobre o proceso construtivo da obra
civil e a posterior instalación nela do equipamento técnico por parte
das adxudicatarias, mentres que a investigación sobre o accidente de
Angrois está a analizar a xestión e operación posterior da liña por Adif." (David Reinero , Praza Pública, 08/06/17
No hay comentarios:
Publicar un comentario