"Xa ninguén oculta que a anulación do concurso eólico do goberno bipartito foi unha desfeita.
O propio sector aludiu en incontables ocasións á paralización, perda
económica e laboral, inseguridade xurídica e enguedello xudicial que
provocaba a derrogación daquela poxa.
Foron moitas as empresas
beneficiarias que reclamaron indemnizacións e o TSXG ditaminou hai case
dous anos que tiñan dereito a facelo logo de anularse aquela repartición
de megavatios. Cobrarían polos gastos de tramitación e deseño daqueles
parques que nunca se confirmaron, aínda que non o lucro cesante. E foron
gañando xuízos ata sumar millóns de euros en compensacións por parte da
Xunta.
Agora, o Goberno galego -que anunciara recursos ao Supremo ante o
ronsel de sentenzas en contra- acata os ditames, asume que a batalla
xudicial sería longa e ben seguro perdida e opta por non enlamar as
relacións coas compañías que optan aos novos parques que se instalarán
tras a poxa de renovables do Executivo central.
Así, a Consellería de
Economía, Emprego e Industria -tal e como adiantou Faro de Vigo-
evita recorrer ao alto tribunal e vén de autorizar unha transferencia
de crédito da partida de imprevistos e funcións sen clasificar a gastos
xurídico-contenciosos por case 3 millóns de euros. Faino para "atender o
cumprimento de diversas sentenzas xudiciais en materias correspondentes
a parques eólicos".
A modificación orzamentaria aceptada por Facenda, incluída nas do mes
de xullo pero publicadas de novo neste mes tras unha corrección de
erros, supón unha transferencia de crédito de, concretamente,
2.949.935,36 euros. Tal e como se aclara no expediente, supón o "acatamento" en data do pasado 7 de xullo de cinco sentenzas, tres delas do pasado 2016 e dúas deste mesmo 2017, a última contraria á Xunta do 29 de marzo.
A factura, polo de agora, suma os máis de 688.000 euros en indemnización para EDP Renováveis ditaminada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), así como os 930.000 euros que a Administración deberá pagar a Ventauria Enerxía Rural,
os 376.000 euros a Viraventos, os 141.000 a Andavia Renovables e os
27.000 para Iniciativas Estratéxicas Galegas. A imposición por parte do
alto tribunal do abono dos xuros legais desde a data da reclamación en
vía administrativa por parte das compañás incrementou aínda máis o
pagamento inicial.
Ademais, quedan pendentes aínda os máis de 222.000 euros de
indemnización ditaminados polo TSXG para Cupa Renovables, na que foi a
primeira das sentenzas favorables a unha das empresas eólicas
afectadas.
Foi naquela primeira sentenza de 2015, que ditaminaba a
indemnización a esta compañía, cando o Superior galego recoñecía o
dereito a indemnización dos parques eólicos e advertía do "dano
evidente" que a anulación do concurso do bipartito, así como a
responsabilidade da Xunta fronte ás empresas polos gastos que lles
supuxeran o proceso.
Logo, no ditame que estimou parcialmente o recurso
de EDP, o TSXG insistía no "evidente dano á entidade demandante que ha
de atribuírse á Administración, quen truncou o proceso de adxudicación
acordando a desistencia" dos procedementos eólicos en tramitación. No
ditame a favor de Ventauria, declara a responsabilidade patrimonial da
Xunta polos "danos e prexuízos" á compañía, que veu "frustrada de forma
sobrevinda a posibilidade de desenvolver as instalacións".
Galicia perdeu máis do 80% do emprego no sector en dez anos
O concurso eólico desenvolvido polo goberno bipartito foi un dos
principais cabalos sobre o que subiu o PP na campaña autonómica de 2009.
En medio dun enorme ruído mediático, os conservadores empregaron aquela
poxa como principal diana para atacar o Goberno galego e buscar o
enfrontamento entre os dous partidos que o conformaban.
Malia as
advertencias sobre a inseguridade xurídica que suporía a anulación, a
posibilidade de demandas e indemnizacións millonarias e a perda de
millóns de euros en investimentos e do liderado no sector, Feijóo seguiu
adiante. En dez anos, perdeuse máis do 80% do emprego no eólico e Galicia perdeu o liderado nos muíños de vento.
Así, e logo de anos perdidos no eólico, a polémica anulación do concurso do bipartito foi declarada ilegal polo TSXG nunha sentenza ratificada logo polo Supremo.
Pouco antes, o mesmo alto tribunal galego acordara legal o procedemento
de regulación do sector levada a cabo polo Executivo que presidía Pérez
Touriño, mentres que o novo concurso posto en marcha polo Goberno de
Núñez Feijóo fora tombado tamén polo Superior galego en febreiro de 2016.
No balbordo xudicial que supuxo a polémica anulación, o Supremo avalou
en abril de 2016 a anulación do concurso eólico do bipartito, en
aparente contradición co ditaminado tan só un ano antes polo mesmo
tribunal. Daquela, só se pronunciara sobre a decisión de agosto de 2009
de anular as adxudicacións dos megavatios, mentres que nesta última
ocasión decidira sobre a anulación final do concurso, adoptada tres
meses despois.
Sexa como for, e nove anos despois daquelas polémicas decisións do
Executivo de Feijóo aos poucos días de chegar a San Caetano, o sector
continúa estancado, a Xunta enlamado en batallas xudiciais e pagamentos
de indemnizacións e outros territorios collendo a dianteira nun ámbito
no que Galicia era potencia." (Praza Pública, 12/09/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario