"Allariz saca peito e demostra que outro modelo de reciclaxe de residuos é
posible. O Concello vén de presentar a Europa os exitosos resultados do
seu programa pioneiro de reciclaxe de lixo e separación de materia
orgánica, co que se dotou da loxística precisa aos veciños e veciñas co
reparto de composteiros individuais e a creación dunha ampla rede de
composteiros comunitarios.
Un modelo descentralizado, fronte ao de
SOGAMA, que durante o primeiro ano de posta en marcha acadou un bo nivel
de aceptación cidadá, o que se reflectiu en moi boas cifras na
reciclaxe de residuos. Así o salientan os responsables deste programa
nun informe presentado no libro 'Solid Waste Management in Rural Areas',
coordinado polo doutor Florin Constantin Mihai, da Universidade
Alexandru Ioan Cuza de Romanía, e publicado pola editorial de acceso
aberto InTech.
No capítulo cuarto deste libro preséntase o caso de Allariz como un modelo de éxito aplicado a un contexto rural. Co título 'Decentralized Composting of Organic Waste in a European Rural Region: A Case Study in Allariz (Galicia, Spain)',
Iria Villar Comesaña, David Alves e Salustiano Mato, da Universidade de
Vigo, e Xosé Manuel Romero e Bernardo Varela, por parte do Concello de
Allariz, exhiben os resultados deste programa de reciclaxe que conseguiu
no seu primeiro ano de funcionamento "unha redución darredor do 8% dos
residuos mesturados enviados á instalación de tratamento centralizada
[SOGAMA]", salientan no informe.
Os responsables do proxecto tamén subliñan o impacto positivo acadado
entre os cidadáns, xa que coas campañas realizadas e a instalación e
posta en marcha de toda a loxística se conseguiu que "os residuos
biolóxicos se segregasen correctamente" nos distintos colectores e
"obtívose un compost de boa calidade para o fertilizante do chan",
resumen os autores do informe, que engaden: "A recuperación dos residuos
biolóxicos tamén deu lugar a unha mellora da reciclaxe de todas as
fraccións restantes".
Con todo, o obxectivo fixado polos reponsables do proxecto aínda está
lonxe. A idea do Concello é chegar nun futuro a reducir até nun 80% os
residuos enviados a SOGAMA. Para isto, o goberno local conta co soporte
técnico das universidades de Vigo e da Coruña e coas campañas de
concienciación social da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia
(Adega). Unha colaboración a tres bandas -entre a Academia, a
Administración Pública local e os ecoloxistas- pioneira en Galicia e que
agora se presenta como un exemplo para o resto de Europa.
Recentemente, o Concello daba a coñecer algúns dos datos máis
destacados do proxecto no seu primeiro ano de actividade. Allariz
incrementou a taxa de reciclaxe ata un 40% de lixo que se está a
reciclar e recuperar nas distintas fraccións como orgánica,
papel-cartón, vidro e envases e plásticos. Ademais, e segundo os datos
que manexa o propio goberno local, Allariz xa é un dos concellos galegos
que máis recicla; de feito, case triplica a media galega de recollida
de lixo, que é duns 12 quilos por habitante ao ano, mentres que en
Allariz xa é de 31,4 quilos por habitante e ano.
ORIXE DO PROXECTO E OBXECTIVOS
A finais de 2014, Allariz puxo en marcha a implementación da
separación, tratamento e uso de materia orgánica en todo o municipio co
obxectivo de aumentar a taxa de reciclaxe e minimizar a porcentaxe de
residuos que se segregan entre si para ser incinerados. Para isto
instaláronse 24 illas de compostaxe ubicadas na zona urbana e máis de
130 composteiros.
Ademais púxose en marcha a máquina de tratamento de
materia orgánica, no parque empresarial de Chorente, punto ao que vai
parar a recollida porta a porta de materia orgánica de grandes
produtores, como hostaleiros e comerciantes.
O obxectivo é traballar na redución de residuos a nivel local, promover unha boa separación para favorecer a reciclaxe e compostar no propio concello a fracción orgánica. Con este proxecto a vila de Allariz, alén de millorar as súas taxas de reciclaxe, gaña en autónoma na xestión do lixo, reducirá cada vez máis a cantidade de residuos que envía a SOGAMA (diminuindo sensibelmente a súa factura) e inviste en emprego local." (Galicia Confidencial, 12/09/17)
O obxectivo é traballar na redución de residuos a nivel local, promover unha boa separación para favorecer a reciclaxe e compostar no propio concello a fracción orgánica. Con este proxecto a vila de Allariz, alén de millorar as súas taxas de reciclaxe, gaña en autónoma na xestión do lixo, reducirá cada vez máis a cantidade de residuos que envía a SOGAMA (diminuindo sensibelmente a súa factura) e inviste en emprego local." (Galicia Confidencial, 12/09/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario